Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

24 e 25 de novembro, as datas do Sportur Galicia e o III Congreso Internacional de Turismo Deportivo



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 22 DE NOVEMBRO DE 2022 · (0)



Dobre cita, para todos os públicos e máis profesional. O V Salón do Deporte e Turismo Activo celebrarase en Expourense sumando 50 expositores e máis de 70 actividades entre exhibicións e adestramentos. E 21 relatores participarán no III Congreso Internacional de Turismo Deportivo, cita que reunirá a 500 inscritos entre presenciais e virtuais.


As dúas citas foron presentadas onte no recinto feiral ourensán nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; o xefe do servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e o director deportivo de Expourense, Mario González. O sector deportivo xera en Galicia máis de 12.000 postos de traballo, cun volume de negocio de mil seiscentos millóns de euros (1.600 M €).

O deporte está entre as tres principais motivacións dos turistas estranxeiros que visitan España. Neste III Congreso Internacional de Turismo Deportivo analizaranse experiencias de éxito en diferentes destinos que poderían ser replicables noutros e que permitirán explorar vías de crecemento.  Tendo en conta que o turismo deportivo adoita practicarse en paraxes naturais, este congreso abordará o seu impacto nos Xeoparques Mundiais da UNESCO expoñendo o exemplo do Xeoparque Cultural do Maestrazgo, ubicado na provincia de Teruel, ou o do Parc Olímpic del Segre, na de Lleida. Desde a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta tamén falaraseda práctica deportiva en contornas naturais protexidas. E analizarase o marco xurídico (réxime normativo e responsabilidades) das actividades deportivas no medio natural.

Outros dos temas: Fondos Next Generation en turismo deportivo e os Plans de sustentabilidade turística en destino presentando os casos de éxito do Pena Park Aventura de Ribeira da Pena Portugal ou da Tirolina das Minas da Pontenova (Lugo). Tamén tocarase o impacto económico dos Campionatos de España de Atletismo e analizaranse ademais algúns deportes concretos e a súa influencia como o golf, o cicloturismo ou o surf. Sobre este último, presentarase o caso práctico do “Surf Life Saving Australia” e analizará se é un modelo exportable a Europa.

A asistencia a este congreso é gratuíta previa inscrición e neste momento, supéranse xa os 500 nas dúas modalidades contando con asistentes de distintos países de América  Latina, ademais de toda España e Portugal. As prazas para seguilo de xeito presencial están esgotadas polo que só está disponible agora a incrición en liña. Destaca tamén a participación de varios centros de Formación Profesional de Galicia con ciclos vencellados ao Deporte.

Sportur Galicia, V Salón do Deporte e Turismo Activo

Convoca a medio cento de participantes entre os que destacan as federacións e clubes deportivos de Galicia que comparten espazo con destinos de Galicia e Portugal. Esta cita xa para todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias) e que poidan coñecer opcións. Tamén se converterá nun bo escaparate para as federacións deportivas, xa que máis da metade dos expositores son clubes e asociacións.

O salón conta cun programa con máis de 70 actividades. O programa completo con día e hora pode consultarse na web do evento, www.sporturgalicia.com. Os deportes representados nesta cita son: ciclismo; escalada en rocódromo; atletismo; ximnasia rítmica; voleibol adaptado; taic-hi: wushu; deportes náuticos (piragüismo, remo e canoa); pitch and putt; esgrima antiga; xadrez; bádminton; hockey… Destacan tamén as actividades do programa o Torneo Intercentros “Xogando Atletismo” organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte coa colaboración de Expourense e dos profesores e alumnos do CIFP A Farixa e que  convocarán a centos de estudantes de Primaria e Secundaria.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)