Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O estaleiro do futuro deseñarase no Campus Industrial de Ferrol



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 25 DE NOVEMBRO DE 2022 · (0)



Ese é o obxectivo do CEMI UDC-Navantia, que implicará a un centenar de profesionais da Universidade e do estaleiro, creando 24 novos postos. O conselleiro de Economía, Francisco Conde, o director do negocio de fragatas e buques de Navantia, Eduardo Dobarro - optimista co futuro do naval de Ferrol ao declarar que “vén unha década dourada”-  e o reitor da UDC, Julio Abalde, o presentaban esta mañá.


Trátase dun novo Centro de Investigación que continúa e amortiza o traballo desenvolvido nos seis últimos anos coa Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia, afondando no chamado “ xemelgo dixital” de produto e procesos. A UMI foi, segundo Fariñas, “un semilleiro de talento”. Froito da investigación da UMI xurdiron proxectos como o “Buque sen cables” ou o “Xemelgo Dixital” un fito na construción naval militar mundial.

Estamos ante a evolución da Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia constituída en 2015 e que implicou a un centenar de investigadores co apoio da Axencia Galega de Investigación (Gain). Na presentación desta mañá en Ferrol tamén estaban a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o director do proxecto do Centro por parte de Navantia, Rafael Morgade; e o investigador principal por parte da UDC no CEMI UDC-Navantia, Pablo Fariñas que mencionou algúns dos resultados acadados nas 16 liñas de investigación abertas coa UMI con 154 investigadores implicados, dos que 42 foron novas contratacións. De aí saíron dúas patentes e rexistros de software, un premio de transferencia de tecnoloxía, cinco procedementos industriais, tres algoritmos e dez modelos piloto. Así como, na parte académica, máis de 95 publicacións científicas, once teses de doutoramento e máis de 50 presentacións en congresos.

Rafael Morgade avanzou as tres novas liñas de investigación que desenvolverá o CEMI englobadas en Xemelgo dixital de produto; xemelgo dixital de procesos ou planta e novos procesos. “Temos en Ferrol coa CEMI unha oportunidade única”, engadiu. Nesta liña foi a intervención do director do negocio de fragatas e buques de intervención de Navantia, Eduardo Dobarro: “esta é unha historia de éxito de seis anos e o labor de continuidade da CEMI é clave para a innovación do estaleiro”, e manifestou o seu desexo de que nesta nova etapa se implique a industria auxiliar e a Armada. Dobarro manifestou optimismo co futuro da construción naval de Ferrol ao declarar rotundo que “vén unha década dourada”. 

O reitor destacou que a CEMI é unha continuación lóxica do traballo realizado por Navantia, UDC e GAIN nos últimos anos cuns resultados que superaron as expectativas o que animou a Abalde a pedir á Xunta máis financiamento porque, á vista dos logros, vese que “non é un gasto senón un investimento” . E o conselleiro de Economía, ademais de felicitar a Navantia e á UDC, explicou que a UMI primeiro e agora o CEMI xeran un ecosistema científico e tecnolóxico. “Os ecosistemas teñen sentido cando hai talento”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)