Lusofonía e Galeguía
DANIEL GONZáLEZ PALAU · DIRECTOR DO IGADI
Dende 2004, coa aprobación no Parlamento Galego do Libro Branco da Acción Exterior de Galicia, a lusofonía, como o espazo xeopolítico de lingua portuguesa, é unha área xeográfica prioritaria da acción exterior da Xunta. E o IGADI, foi na altura a entidade que definiu ese documento estratéxico oficial. O Libro Branco deu cobertura institucional e programática a múltiples iniciativas que conectaron Galicia cos países de lingua oficial portuguesa, dende a Xunta, as universidades e centros de investigación, ao mundo da cultura, as empresas ou a sociedade civil. Tamén concellos e Deputacións consolidaron o camiño por medio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, desenvolvendo un traballo específico en Cabo Verde, Mozambique ou Guinea-Bissau, ademais de fortes vínculos co municipalismo portugués e brasileiro. Dentro do propio IGADI, a liña de investigación do espazo internacional de lingua portuguesa sistematizouse a partir de 2008 co nacemento do Observatorio Galego da Lusofonía (www.ogalus.gal).
Mais foi dende a aprobación da Lei Paz Andrade 1/2014, de 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, e xa dende a iniciativa popular que a impulsou, que a lóxica daquela acción exterior con acento na lingua estoupou. Así observamos con alegría a multiplicación das iniciativas que nos aproximan ao mundo de expresión portuguesa nos últimos anos, facendo agromar un novo consenso arredor da lingua, que pon en valor o galego, tamén, como ferramenta para as cousas de comer, o desenvolvemento económico e a internacionalización do país. De feito, para arrancar o 2019 a Real Academia Galega da Lingua e a Academia Brasileira das Letras asinaron un convenio de colaboración que vai nesa dirección. Cómpre agardar pasos reais dende a Xunta e as institucións da cultura galega para acabar de superar a fase simbólica, que sexan incluíntes, construtivos e normalizadores.
Unha das portas para esa normalización é reivindicarmos a idea da Galeguía, non como rival conceptual se non coma complemento que explica e afonda o significado da lusofonía e a nosa pertenza á mesma, dende as orixes da lingua e a lóxica non colonial que queremos para as relacións internacionais deste século XXI. Hai que significar que a idea da Galeguía popularizouse dende fóra de Galicia, por personalidades coma o escritor brasileiro Luiz Ruffato ou a cantante angolana Aline Frazao, que coma tantos outros lusófonos, chaman por nós...
Neste contexto –e coincidindo co quinto aniversario da Lei Paz Andrade– é que lanzamos dende o IGADI un convite a participar no III Congreso de Estudos Internacionais "Galiza, lusofonía e CPLP" (27 e 28 de marzo de 2019) a celebrarse en Pontevedra, na Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo.
Comentarios (0)