Unha infancia con claros e escuros
CRISTINA NEGREIRA · DOCENTE DE LINGUA E LITERATURA. DOUTORA ESPECIALISTA NA OBRA DE LUZ POZO GARZA
A mediados dos 90, a sinatura de Luz Pozo Garza apareceu nas páxinas desta revista de xeito moi puntual, pois faría falta unha década máis para que as súas colaboracións se fixesen mensuais na sección de opinión "Nordés". Ao longo dos case cinco lustros da súa presenza nesta cabeceira, a ribadense non dubidou en compartir lembranzas autobiográficas, permitindo aos lectores e lectoras coñecer un pouco máis a unha muller chamada a ser referente, tanto a nivel artístico como vital.
Os noventa e sete anos que viviu a devandita creadora galega dan conta dun decorrer vital que, xa desde os seus comezos, foi intenso. Nada en Ribadeo en 1920, aos sete anos experimentaría a primeira de moitas mudanzas, neste caso a Viveiro. Mais pronto as circunstancias sociopolíticas do momento levarían a unha Luz aínda nena a un novo destino, feito do que ela mesma falou nestas páxinas nun texto titulado “Pequena memoria da guerra” (nº47).
Nesta ocasión, a familia asentaríase durante catro anos en Marrocos, onde estiveron “afastados da persecución franquista na Península”. Esta marcha forzada da terra natal debeuse a que o pai “foi secretario do Partido Radical Socialista, de Azaña. Sufrira encarcelamentos e vicisitudes graves. Tivemos que deixar casa e bens para seguilo, perdido o apoio e as amizades na viraxe política”.
Sería en 1940 cando a familia Pozo Garza regresaría a Galicia, pois o pai “foi amnistiado e reposto no seu destino de Inspector Veterinario en Viveiro, na provincia de Lugo”. A autora describiu a súa chegada a terras galegas cos seguintes termos: “A arribada a Vigo foi absolutamente normal. ¡A patria recobrada! Por vez primeira percorría as rúas luminosas cara ó Castro. A ría semellaba un ceo de prata. Esta ía ser a miña cidade ideal[1].
O devandito texto finaliza con escuridade, pois a académica alude ao impacto causado pola morte do seu irmán Gonzalo: “E na miña alma quedou indeleble a morte do noso soldado raso de vinte anos nos Hospital de Jaca (Huesca). As alusións á infancia “pozogarciana” apareceron noutras ocasións na sección de “Nordés”, mais tamén albergando lembranzas alegres, como as presentes en “Feliz aniversario querida Susa” (nº 270): “As nosas casas (en Viveiro) prolongábanse en xogos e en estudos. Rezábamos en francés ao entrar na aula daquela galería sobre o xardín do estanque exagonal, onde croaban de noite as ras de metal dourado que tanto nos gustaban... Entrañables recordos que non se borran do corazón”.
Á vista das constantes referencias que a artista fixo sobre Viveiro, é evidente que este municipio deixou pegada nela. Mais tamén a propia Luz irradiou con forza nunha terra e nunha xente que a honrou, no 2018, poñéndolle o seu nome á sección da Escola Oficial de Idiomas e nomeándoa filla adoptiva.
Resulta curioso como a carga semántica de ambos recoñecementos nos permite un xogo de palabras, pois Luz foi filla dunha profesora de idiomas (inglés, francés e alemán) pola que sempre demostrou unha enorme admiración. Foi habitual que en ECO mencionase á súa “Nai da Luz”. Persoalmente, impactáronme os seguintes versos dun longo poema que compartiu en varios números (nº 294-297), baixo o título “Historias felicísimas ”:
"pois sabías que a letra
entra só con amor
e así prende e convoca e dinamiza
e endexamais extingue
Nai querida..."
En síntese, Luz mostrou nesta revista os claros e escuros que conformarían o bosquexo dunha infancia marcada pola guerra, máis tamén marcada pola amizade e o amor.
[1] En 2010 Luz Pozo, ante a pregunta do cuestionario Proust “O país no que máis desexaría vivir”, respondeu: “Nas Illas Cíes con Eduardo Moreiras” (o seu derradeiro marido). A entrevista en cuestión foi publicada por primeira vez en Evohé. Revista cultural do Campus de Lugo (21) e reeditada na mesma cabeceira no ano 2022.
Comentarios (0)