Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Agricultura ecolóxica, unha nova vida para o rural galego?



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 01 DE XUñO DE 2017 · (0)




Galicia conta con 27.000 hectáreas de superficie ecolóxica. So no último ano as certificacións do consello regulador aumentaron case un 36,5 % e o volume de negocio creceu por riba do 25 %, ata os 41,7 millóns de euros. Esta cifra supón que os ingresos xerados pola agricultura ecolóxica multiplicáronse por 140 desde 1999. E a intención da administración e seguir avanzando nesta senda. 

En 1997 botaba a andar o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Dous anos despois os ingresos xerados pola agricultura ecolóxica na nosa comunidade apenas chegaban aos 290.000 euros. O ano pasado a cifra multiplicouse por 140, ata chegar os 41,7 millóns de euros. Só con respecto ao ano 2015 o incremento superou o 25 %, o que deixa constancia do bo momento que vive o sector, que pode representar unha vía de futuro para o rural galego, cada día máis ferido de morte tanto polo imparable despoboamento como pola rotunda tendencia demográfica da nosa comunidade, que suma xa trinta anos con saldo vexetativo negativo –morren máis persoas das que nacen–. Isto, sumado á unha economía pouco atractiva para atraer inmigración, representa un gravísimo problema para Galicia do que os expertos levan anos alertando e as administracións parece que empezan a tomar nota.

Entre as tímidas medidas que están comezando a aplicar están as destinadas a converter o rural galego nun lugar atractivo e rendible, capaz de fixar –e mesmo atraer– poboación nova. É o obxectivo do Plan de fixación da poboación no rural ao que a administración autonómica dedicará nos próximos anos 4,3 millóns de euros para fomentar a agricultura ecolóxica, o que permitirá ampliar nunhas 8.000 hectáreas a superficie ecolóxica desta comunidade, que actualmente se sitúa nas 27.000 hectáreas.

Así o anunciou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na presentación da memoria anual correspondente a 2016 do Craega, onde reafirmou a aposta do Goberno galego por impulsar este tipo de producións. Nesta liña enmarcou o plan estratéxico específico que se está impulsando e que servirá para analizar a situación e as perspectivas existentes neste ámbito, así como para deseñar as liñas fundamentais de fomento e promoción desta actividade cara o futuro.

A responsable de Medio Rural en Galicia salientou o “incremento constante e sostido tanto da superficie inscrita como dos operadores” de agricultura ecolóxica nos últimos anos, poñendo como referencia o pasado 2016 no que a superficie certificada polo consello aumentou case un 36,5 % e o volume de negocio creceu por riba do 25 %, ata chegar a eses 41,7 millóns de euros.

Referente para o agro galego

Para a administración autonómica, a produción ecolóxica é un “referente” dentro do agro galego, “non só polo seu peso económico, senón tamén pola súa transcendencia social, ambiental e ata cultural, porque o ecolóxico conforma toda unha cultura de produción e consumo”.

En relación co consumo, os datos achegados polo informe sinalan que case o 92 % dos galegos coñece ou escoitou falar dos alimentos ecolóxicos, e alegan a “saúde” como principal motivación para consumilos, unha cuestión na que os expertos non sempre coinciden.

O afamado bioquímico José Miguel Mulet, autor do libro Los productos naturales ¡Vaya timo!, asegura que non son nin mellores nin máis sans e pon en dúbida o beneficio medioambiental, especialmente cando son trasladados a milleiros de quilómetros, xa que “o impacto en forma de emisións de CO2 do seu transporte é moito peor que o que tería producilas de forma non ecolóxica pero máis cerca”.

Primar o “quilómetro 0” pero mirando fóra

“O ideal sería que os regulamentos primaran que os produtos foran quilómetro 0”, asegura o profesor valenciano. E aquí radica unha das grandes vantaxes do sector ecolóxico galego, en que cumpre maioritariamente o enfoque local e de proximidade que piden os defensores dunha agricultura orgánica verdadeiramente alternativa á intensiva e industrial.

A maioría da produción ecolóxica de Galicia vai destinada ao consumidor galego, unha tendencia que desde o consello regulador tratan de mudar, alegando á oportunidade que “están aproveitando noutras zonas de España con peores condicións”- Por iso celebraron hai uns meses unha Xornada sobre Comercialización de Produtos Ecolóxicos na que participou, entre outros, o director de negocio de Biocop, empresa pioneira na distribución de produtos ecolóxicos en España, que factura xa máis de 10 millóns de euros.

O boom do leite ecolóxico

Curiosamente, un dos sectores que mellor podería desenvolverse neste novo escenario, xa que produce un dos produtos de maior demanda ecolóxica, é o leiteiro. Sector no que Galicia é un referente e que leva anos sufrindo como poucos a reconversión do campo galego. Malia que aportamos máis do 60 % do leite ecolóxico que chega ao mercado, a oferta non é suficiente para cubrir a gran demanda. E a incorporación de novas explotacións é lenta e difícil por varios motivos, desde o minifundismo galego que dificulta aumentar as cabezas de gando ata os tempos necesarios para obter a certificación.

Non obstante, a directora xeral de Gandaría anunciou que este ano se incrementará máis dun 113,5 % o número de granxas galegas certificadas para a produción de leite ecolóxica, xa que as 42 en proceso de conversión se unirán ás 37 que están vendendo xa o seu produto. De aí que a administración autonómica insista na aposta pola agricultura ecolóxica como “medio de vida digno e saudable”.

(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 312 – maio 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)