Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Ao ser autónomo decátaste de que a empresa inviste nos traballadores, e non só o que se ve na nómina”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 01 DE AGOSTO DE 2017 · (0)




Sara Pena é a fundadora de Rachachán, un acolledor espazo no centro de Pontevedra para cativos de ata 3 anos "preparado segundo os criterios da Association MontessoriInternationale". Ela é outra das emprendedoras do noso último número. 

Hai colexios en Galicia que traballen con este sistema?

En Santiago hai un en Sar e outro en Bertamiráns, e este setembro abre outro en Vigo. Tamén hai docentes na escola pública que aplican esta pedagoxía nalgún centro reagrupado de educación infantil.

Pero o teu é un proxecto para os máis cativos.

Si, non é escolar: teño un espazo con grupos de idades que van de 0 a 3 anos e moitos materiais organizados por áreas. Pero non teño un programa preparado para cada aula, cada neno ten o seu.

Por que está vivindo este renovado prestixio a pedagoxía Montessori?

Vive unha revitalización porque os avances en neurociencia aplicada á educación, e moitos neurosicólogos e pedagogos –sobre todo estadounidenses– estanlle dando nova visibilidade. É unha aprendizaxe multisensorial, todo o que pode tocarse e interiorizarse cos sentidos faise, dende a matemática ata a linguaxe: todo está representado en materiais moi atractivos. Úsase tamén para traballar con diversidades cognitivas, terceira idade e demencia. Non hai comparacións, ofreces o alimento que precisa cada persoa.

É o teu primeiro proxecto como autónoma?

Si, antes viña de exercer en escolas de Madrid e en Praga –que foi onde me formei– pero como autónoma é a miña primeira experiencia.

E estás satisfeita?

Está indo moi ben, ao ser un campo tan especifico son practicamente a única persoa formada para estas idades. Teño traballo. Xa sabemos que os autónomos non temos unha situación boiante pero dende o primeiro mes de apertura puiden ter beneficios e investir en mellorar material e espazo. Un privilexio! 

Así que contenta con ser a túa xefa.

Moito. Tes moito traballo que non é a túa tarefa mentres non podes delegar, como facturación ou promoción. Pero levo o traballo moito mellor sabendo que está da miña man.

Es ambiciosa?

Non no material pero si quero traballar co que me gusta e de forma coherente co que penso. Non poño prezos moi elevados por esa exclusividade e tento facelo da forma máis xusta.

Cambia a visión das cousas cando un emprende?

É verdade que os autónomos temos que facturar moito para cubrir todos os gastos ata ter beneficios e decátaste que a empresa tamén é así: inviste nos traballadores e non só o que se ve na nómina. Fai o mesmo esforzo.

(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 314 – xullo 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)