A historia afundida
A ladaíña que Cela relata na marabillosa Madera de Boj é coma un rosario dos naufraxios ensartados na nosa costa. Batallas, arrecifes e tormentas fixéronos posuidores –malia que pouco conscientes– dun incrible patrimonio. Habitamos un dos países do mundo con máis riqueza histórica baixo as augas, Galicia é un arquivo submarino, pero con escaso interese por recuperar.

Coñecemos moi ben o que temos en terra pero descoñecemos practicamente todo o que hai baixo a auga, salvo por traballos feitos puntualmente e sen moita continuidade. O filólogo e escritor Rafael Lema recollía en 2014 no seu traballo Costa da Morte, un país de soños e naufraxios un compendio actualizado e polo miúdo de afundimentos preto das nosas costas comezando no século IX: temos polas Cíes unha frota enviada polo emir Muhammad I de Córdoba (852-886) en castigo aos ataques normandos e ás incursións cristiás onde perdeu entre 20 e 30 baixeis. Unha xoia, xa que as testemuñas da morfoloxía dos barcos da España islámica son rarísimas. Rafael listou tamén 90 mercantes afundidos na loita submarina da I Guerra Mundial por Ubbots alemáns, malia que calcula que haberá máis de 150.
A lenda do tesouro de Rande
Poida que as supostas riquezas de América non estean baixo as lamas da ría de Vigo, pero si cascos e todo tipo de restos dos galeóns que marchaban cara Sevilla. A última expedición foi en 2011 e séguese á espera de cartos para poder continuar, e iso que foi un éxito. Entre os moitos que levan anos laiándose deste escaso interese está o coñecido arqueólogo submarino coruñés Miguel San Claudio. “A Costa da Morte suma máis naufraxios que todo o litoral español. Alí descansan galeóns, submarinos, acoirazados, mercantes, veleiros, avións e ducias de barcos de diferentes épocas, tamaños e orixes”. Tras anos de oficio en Archeonauta decidiuse a axudar a configurar as dúas rutas do Galician SeasShipWrecks Finisterre para ver se polo menos tirábase proveito destes recursos: a Ruta dos Galeóns de Fisterra a Ézaro e a Ruta dos Buques de Guerra de Porto do Son a Carnota. Dous centros de mergullo preparados para inmersións guiadas, Mergullo Finisterre e Mergullo Compostela, están detrás de cada visita, unha abraiante descuberta de xacementos submarinos.
En bo estado
Contra do que podería parecer a conservación de moito do patrimonio cultural subacuático é mellor que a de sitios arqueolóxicos en terra firme. Pero a erosión do mar non sempre é o peor inimigo: a pillaxe de compañías de “cazadores” de tesouros na procura de amortizar tempo e equipos son unha ameaza constante que xera conflitos como o que enfrontou durante tres anos a Odissey co Goberno de España pola fragata que cubría a ruta comercial España-América Nuestra Señora de las Mercedes. E iso que existe dende 2007 o Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico Subacuático, un decálogo de medidas que van dende a protección física e xurídica ata a coordinación con gobernos autonómicos, Ministerio de Defensa, Interior, Cultura e Asuntos Exteriores. Pero tamén cómpre financiamento para sacar o que hai debaixo das augas antes de que outros tomen a dianteira.
O pasado maio reuníanse en París os Estados da Convención de Patrimonio Cultural Subacuático da Unesco. Confirmouse que catro proxectos españois –en Andalucía, Valencia e Cataluña–, entran a formar parte do Rexistro de Boas Prácticas en protección deste patrimonio. Galicia non aparece por ningures. E volveuse lembrar que en España podemos ter a certeza de contar cun dos patrimonios subacuáticos máis ricos do mundo froito dunha historia fiada entre unha fachada atlántica e outra mediterránea. Non podemos entendérmonos sen o mar pero predomina certa mentalidade continental, o que resulta abraiante. E non sempre foi así: non cómpre mais que ollar á nosa historia do século XVI ao XVIII. Como afirma Miguel San Claudio “semella que con Carlos III enterramos no Escorial o noso espírito marítimo”.
(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 314 – xullo 2017)
Comentarios (0)