“A parte exterior é o que máis chama a atención, pero un edificio vive polo que hai dentro”
En Galicia hai máis de 5.000 enxeñeiros industriais cuxo colexio pelexa porque lles permitan asinar informes de avaliación para rehabilitar edificios: Constantino García, vicedecano do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, asegura que quen deseña unha central nuclear está máis que capacitado para facelo. Pero en España estas sinaturas só poden vir da man de arquitectos.

Estas semanas volvestes a retomar a vosa petición de libre competencia para traballar na rehabilitación.
É unha reivindicación que facemos dende hai tempo. E estamos a pedila porque existen competencias dadas en exclusiva a algunhas profesións cando nós tamén estamos preparados para facer este traballo. Temos unha formación moi sólida en instalacións e desenvolvementos de polígonos, fábricas… ata en centrais nucleares. Tras aprobarse en 2010 o decreto onde se regulaban visados e en 2013 a Lei de Rehabilitación, xa houbo manifestacións en contra e asegurouse que ese decreto ía ser revisado aos tres anos. Pero pasaron sete […]
Pero podedes facer o mesmo ca un arquitecto, asinar informes de avaliación?
En Europa, a maioría das veces a parte estrutural dos edificios non está en mans de arquitectos senón en mans de enxeñeiros, porque as estruturas calculámolas normalmente nós e tamén deseñamos as instalacións. Pero en España, no seu momento, unha lei marcou unha serie de limitacións que cremos ilóxicas. Pedimos que se libere, non queremos a exclusividade de nada. Podemos facer unha fábrica pero non podemos asinar unha escola, un pavillón deportivo ou unha avaliación? Máis do 80 % do que hai que avaliar nun edificio está no interior, no que non se ve: estruturas e instalacións. A parte exterior é o que máis chama a atención pero un edificio vive polo que hai dentro e debaixo.
E como ter garantías do voso traballo?
O profesional que poida avaliar debe ter coñecementos e demostralos, que non chegue calquera cunha simple declaración e unha póliza de responsabilidade civil. Hai que respectar uns trámites, respectar unha normativa. Insístese en que a seguridade das persoas ten que estar regulada pero nós facemos instalacións que tamén afectan á seguridade das persoas. E iso sen mencionar as atraccións de feiras, moitas das veces con motores eléctricos e instalacións pneumáticas que non se poden deixar da man de calquera: ten que haber supervisión, que alguén as vexa e non só no momento de deseñalas. Neste caso hai unha responsabilidade dos concellos e tamén das comunidades pero, uns por outros, e a casa sen varrer.
Quen esta sendo agora o voso interlocutor para retomar esta demanda?
Como enxeñeiros industriais o noso ministerio era o de Industria, hoxe Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital. Pero como hai competencias que están en Fomento relacionadas con edificación estábase pendente dalgunha nota conxunta dos dous ministerios para definir límites. Pero non se produciu. Actuamos ante Enerxía pero non tivemos resposta desta parte e tivemos algunha entrevista con Fomento que nos pediu que Industria dese o primeiro paso… Sempre que houbo un cambio de ministro desde o Consello Xeral de Enxeñeiros Industriais de España –que agrupa a todos os colexios– tentamos ter entrevistas.
Pero hai prevista algunha a medio prazo?
Houbo encontros con técnicos de distintos departamentos pero, ou ben estaban pendentes de algo ou poñían escusas. Hai situacións ilóxicas e incongruentes e é o que nos molesta máis.
Como está o mercado laboral no voso sector?
A crise non tivo a mesma incidencia en todas as enxeñerías. A nosa, enxeñería industrial, é unha profesión xeneralista e fómola capeando bastante ben. Na demanda non adoitamos baixar do terceiro posto […]
(Extracto da entrevista que se pode ler completa no número 315 – agosto 2017)
Comentarios (0)