“Non todo está escrito nos nosos xenes, somos moito máis plásticos, e é marabilloso”
A vocación investigadora de Helena González Burón, doutora en Biomedicin e membro do grupo de divulgación científica Big Van, naceu con 8 anos vendo Parque Xurásico e está convencida de que o xene da curiosidade teno a maioría da xente. Só hai que saber como achegar a montaña a Mahoma e por iso dedícase a comunicar ciencia. En setembro estivo en Compostela presentando o seu libro “Temos menos xenes que un brócoli” e a dar un curso convidada pola USC.

Gústache a serie Big Bang?
Encántame, río moito, trágome todas as tempadas. Fan unha parodia xenial do mundo científico e como tal témola que tomar. Porque a norma non é Sheldon Cooper.
Que país ou países consideras que teñen boa cultura científica?
O primeiro que me vén á cabeza é Reino Unido, porque fomenta moitísimo a comunicación. E Alemaña. Pero desde a UE fináncianse cada vez máis proxectos que non só investigan senón que axudan a divulgar o que se fai nos laboratorios.
E cal é o científico ou científica español que che marcou, se é que hai un? Manel Esteller, director do programa de Epixenética e Bioloxía do Cancro do Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge. É un dos grandes da epixenética, que foi o meu campo de estudo, e ademais estiven un tempo traballando no seu laboratorio. Pero coñecíao de antes porque o vía en televisión e tíñano escoitado na radio. Acórdome moito dunha entrevista de fai máis de dez anos onde rescataba a Teoría de Lamarck...
Se podes explicala aos profanos…
En evolución hai dúas teorías: o darwinismo e a Teoría de Lamarck. O darwinismo di que as mutacións ocorren ao azar, e Lamarck di que podemos ir herdando os caracteres que os noso antepasados adquiriron, non os que lles chegaron, senón os que eles potenciaron. Esteller dicía que non todo son mutacións ao azar senón que hai cambios epixenéticos que se poden herdar. Alucinei.
Cando soubeches que tiñas vocación pola ciencia, a que idade sentiches que o teu sería isto?
Téñoo identificado: vendo Parque Xurásico. É así. Hai un detonante. Pilloume con 9 anos e saín do cinema cos ollos como pratos. Ademais dos dinosauros chamoume a atención que, a partir dunha molécula tan diminuta como o ADN dun mosquito, tiveses as instrucións que fan a un ser vivo. Era a primeira vez que o oía e púxenme a investigar como unha tola. Logo, o proxecto Xenoma Humano vivino finalizando o instituto, tragándome todas as noticias. Nesa época era un pouquiño friqui, a verdade… Pero si, Parque Xurásico espertou a miña vocación pola Bioloxía.
A quen se lle ocorreu crear esta especie de caravana de científicos que é Big Van e na que vives inmersa desde hai uns anos?
Pois por mor dun concurso de monólogos científicos internacional coordinado polo British Council, que convida a investigadores a que preparen un para contar ao público xeral de que vai o seu traballo. En 2013 fíxose en España e presentámonos uns cuantos que non tiñamos moita idea de que ía… pero gustábanos a idea. Alí coñecémonos os doce finalistas e decidimos levalo un pouco mais alá. […]
Sodes ou erades todos investigadores en activo, docentes?
Agora mesmo somos 21 no grupo pero non todos nos dedicamos á divulgación. Eu dedícome a Big Van ao 100 % xunto con cinco persoas máis, e o resto seguen sendo investigadores postdoutorais e profesores de universidade que colaboran en proxectos.
Por curiosidade, algún galego? Non, pero andamos detrás da gañadora do Famelab España 2016 que é galega: Alba Aguión. Bióloga mariña, zoóloga e Premio Extraordinario Fin de Carreira. Falamos con ela para ver se podiamos colaborar e ten moito interese. Estaría xenial se se unise!
(Extracto da entrevista publicada no número 316 – setembro 2017)
Comentarios (0)