“O tratamento do diabético é baratísimo, comparado cos custos de non controlar a enfermidade”
Francisco Javier Maestro Saavedra é especialista en Medicina Familiar no centro de saúde de Elviña e docente no Máster sobre Manexo do paciente con Dm2 da Universidade de Alcalá de Henares e Lilly. Hai unhas semanas achegoulles aos seus colegas da área coruñesa e ferrolá as claves para facer fronte nas consultas a unha patoloxía moi frecuente –cada vez máis– e coa que trata a diario no seu centro de saúde da Coruña. Esta doenza está adiantando a súa aparición no calendario da vida e cómpre tomala en serio.
Direille que durante anos pensaba que practicamente nacíase sendo diabético… Cales son os tipos de diabetes que hai?
A diabetes tipo 1 é a que se desenvolve nunha época temperá da vida, logo está a diabetes xestacional e, finalmente, a diabetes ocasionada porque se van esgotando… digamos “as pilas” da xestión do azucre no noso organismo. Esa é a diabetes tipo 2, a máis frecuente entre a poboación e a que tratamos máis os médicos de familia claro.
Hai factores xenéticos, diabetes xenética?
Xenética, xenética non existe unha realidade na diabetes. A tipo 1 aparece en idades temperás pero non por ser diabético tipo 1 significa que, se tes fillos, vaian selo. Están máis asociadas a déficits específicos. E si que hai outro tipo de diabetes que non está asociada a ningún destes tres grupos pero a súa incidencia é mínima.
Por que xorde a diabetes durante un embarazo?
É unha intolerancia ao metabolismo do azucre que ocorre ás veces durante a xestación. O test de O´Sullivan trata de detectalo porque leva a patoloxías como fetos máis grandes que sofren nos partos. O único tratamento que existe é a insulina. Pero unha porcentaxe das mulleres que a desenvolven, tras o fin da xestación acaban tendo diabetes tipo 2 e hai que levar un control posterior.
Os primeiros sinais de alarma xeralmente dánnolos eses recoñecementos anuais que nos facemos?
Si, nas análises de control das empresas ou porque nos controlamos periodicamente. A maioría das diabetes collémolas porque aparece unha alteración da glucosa. A sintomatoloxía en persoas que non fixeron eses controis está asociada á sede, ao cansazo… pero a maioría collémolas en controis de saúde normais.
Cales son eses valores?
Calquera persoa que en dúas análises teña unha glucemia maior de 126, ou ben que nun control dos de picada no dedo dea 200 ou máis cos síntomas que mencionei de sede ou cansazo é diabética tipo 2.
E se descubrimos eses valores empezamos cambiando de estilo de vida ou xa supón insulina?
O ideal sería que cando nos esteamos achegando a eses valores fagamos un cambio nos hábitos. Que é o máis complicado. Aos meus pacientes insístolles moito en que hai que andar media hora todos os días sen pararse a falar con ninguén nin mirar escaparates. Posiblemente atrase a aparición da diabetes. E comer ben, por suposto. O sedentarismo está aí e moitas comidas exceden porcentaxes razoables graxas e de azucre. O sobrepeso é a consecuencia e unha das causas principais da aparición da tipo 2.
Porque unha vez que a tes xa é para sempre…
Si, a diabetes unha vez diagnosticada é para sempre.
Cal é o custo real do tratamento?
Podo contestar á galega?
Si.
Baratísimo. Baratísimo comparado cos custos de non controlar a enfermidade. […]
(Extracto da entrevista publicada no número 318 – novembro 2017)
Comentarios (0)