Un descoñecido museo que mostra unha apaixonante historia
Moi poucos coñecen a existencia do Museo Nacional de Anestesioloxía e Reanimación, e menos aínda a súa localización na Facultade de Medicina de Santiago. Ao menos, ata que se levante a nova Facultade proxectada a carón do hospital clínico en cuxo proxecto se contempla un espazo propio para un museo que, visto desde a perspectiva actual, resulta tan apaixonante como aterrador.
Pensar que algúns dos aparellos que se expoñen no Museo Nacional da Anestesia eran usados hai non tanto tempo pode poñer os pelos de punta. Pero o que aquí se amosa é a evolución dunha especialidade clave para o avance da cirurxía e, por tanto da medicina. Tecnoloxías que hoxe semellan instrumentos de tortura mais que foron esenciais no desenvolvemento da Medicina do último século e que chegaron aquí de forma tan sorprendente como o foi a creación de moitos destes aparellos.
A creación do Museo Nacional de Anestesioloxía débese á iniciativa de varios anestesiólogos composteláns que en 1981 decidiron recuperar un importante material da recentemente desmantelada Residencia Sanitaria Juan Canalejo da Coruña. “Foi o Dr. Vicente Ginesta, entón delegado da Sociedade Galega de Anestesioloxía, quen, no marco dunha reunión científica da institución, suxeriulle ao presidente, o Dr. López Guerrero, a posibilidade de recuperar ese material vendido a un chatarreiro para iniciar con el un museo”, conta o Dr. Avelino Franco, un dos fundadores do Museo.
“A idea non tivo unha aceptación entusiasta, ao menos inicialmente”, relata do Dr. Franco, pero pronto recibiu o apoio da Sociedade Española de Anestesioloxía e Reanimación, “en especial do seu presidente, o profesor Nalda Felipe, do vicepresidente Ramón Cobián e do secretario García del Barrio, así como de destacados anestesiólogos, entre eles o profesor Chuliá Campos de Valencia”.
Santiago na historia da anestesioloxía
A elección de Santiago de Compostela como sede deste museo débese tanto a que “aquí xurdiu a idea orixinal” como a un “compromiso histórico ”, explica Avelino Franco. E é que na Facultade de Medicina de Santiago foi onde se usou por vez primeira en España, en 1847, o cloroformo como anestésico cirúrxico e onde se fixeron os primeiros estudos de laboratorio así como os primeiros experimentos e estudos clínicos cos anestésicos.
A orixe da anestesioloxía moderna sitúase só un ano antes en Boston, onde o doutor John Collins Warren eliminou un tumor do pescozo grazas á administración dun anestésico (éter) por parte de William Morton, axudante dun dentista, Horace Wells, que anos antes lograra realizar varias extraccións sen dor usando óxido nitroso. En 1847 probáronse tanto o éter como o cloroformo en partos e ao ano seguinte o doutor John Snow, médico da Coroa, perfeccionou a técnica de aplicación do cloroformo ao administralo en pequenas doses durante o parto, método que foi denominado “Anestesia da Raíña” por ser usado sobre a raíña Victoria de Inglaterra no parto dos seus dous últimos fillos –ao parecer quedou tan agradecida que tras o parto do príncipe Leopoldo nomeou ao doutor Sir–.
Museo da Anestesia
Aprobada a creación do museo, inaugurouse en decembro de 1981 cos materiais recuperados do Juan Canalejo pero tamén doazóns particulares de médicos galegos ás que pronto se unirían as de anestesiólogos de institucións hospitalarias doutros lugares de España, así como da propia Sociedade Española de Anestesioloxía e Reanimación. Sería o seu presidente, o profesor Francisco López Timoneda, quen no ano 2001 firmase un convenio de colaboración co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Darío Villanueva para trasladar á Facultade de Medicina o museo situado nas dependencias do Colexio Médico de Santiago.
Desde entón permanece no vello edificio da rúa San Francisco, onde se foi completando a colección de materiais dos séculos XIX e XX ata chegar ás máis de 2.000 pezas entre aparatos, utensilios de anestesia e reanimación e monitores. Tamén posúe unha biblioteca histórica de máis de 300 volumes, máis de 200 cartas de anestesiólogos pioneiros que relatan as súas experiencias iniciais con esta nova especialidade e unhas 3.000 fotografías históricas da anestesia en España, ademais de innumerables folletos e cartelería referente á especialidade, fármacos, material cinematográfico etc. […]
A gran cantidade de material desbordou pronto a capacidade do museo, polo que moitos tiveron que almacenarse e renunciouse á súa exposición. No proxecto da nova Facultade de Medicina de Galicia, presentado recentemente, inclúese xa un espazo específico para albergar o Museo Nacional da Anestesia no edificio do hospital Gil Casares, que quedará, coa estrutura orixinal en forma de H, no centro da nova edificación.
(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 319 – decembro 2017)
Comentarios (0)