O novo código do diñeiro
Circulan en mercados totalmente descentralizados –non hai goberno nin banco central detrás porque son tan virtuais como volátiles– pero entidades financeiras e millóns de persoas invisten nelas. Ata hai empresas que empezan a crear a súa para financiarse. Se algunha vez tes interese por investir nalgunha criptomoeda (ICO nas siglas en inglés) o mellor é asesorase e asumir que sempre haberá riscos. Téndoo claro, hai onde elixir.

Como norma xeral de seguridade o mellor é chegar a elas a través das súas direccións oficiais para evitar páxinas falsas, pero plataformas como Coinbase son opcións seguras para mercar e vender. Para crear unha conta nesta plataforma só fai falta ter máis de 18 anos e vivir en Europa, Australia, Singapur, Canadá ou Estados Unidos. Pero hai moitas moedas virtuais –mais as que se están a xestar este ano– e non todas están en Coinbase, polo que outra opción é rexistrarse en Binance, o exchange asiático máis popular e con moitas moedas onde escoller.
Bitcoin é, dende logo, a “cripto” máis popular ata para os neófitos: en España calcúlase que hai 30 millóns de euros investidos nela e mesmo xa se compran casas. Un ático en Tarragona foi a primeira vivenda mercada neste país por 40 bitcoins a través de Míster Piso. Víctor Monreal, o director executivo da axencia tarraconense pertencente ao Club Noteges, está convencido de que “cada vez serán máis os consumidores que darán o paso de utilizalas para transaccións ordinarias”. No portal idealista. com hai unha lista lista cos propietarios que aceptan transaccións con esta criptomoeda de ter interese en mercarlles, aínda que o historiador económico da Universidade de Cambridge e da London School of Economics, Garrick Hileman, cre que Bitcoin deixou de innovar porque “está a acadar a súa capacidade plena”. No número deste mes repasamos algunhas das outras que hai para facérmonos unha idea dun paradigma financeiro que veu para quedar […]
(Extracto da reportaxe publicada no número 321 – febreiro 2018)
Comentarios (0)