Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Non permitiría voos de drons nas cidades ata que estea todo moi controlado”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 17 DE ABRIL DE 2018 · (0)




Jaime Pereira é CEO de Aerocámaras Professional Drone Services. En breve contratarán uns 20 pilotos destes vehículos aéreos aos que estamos case afeitos para un traballo en Arabia Saudita e Kuwait. Con oficinas en Galicia, Madrid e Cádiz –“temos en Lalín e no Parque Tecnolóxico aínda que nos imos establecer definitivamente en Ourense–, a empresa que fundou este piloto galego soubo endereitar a dirección inicial. Non pensaba dedicarse a isto, pero non puido acertar máis.

Imos ver voar drons no centro das cidades?

A lexislación aprobouse en xaneiro pero non están publicados os manuais. Temos nocións claras, prevemos o que van pedir pero non hai ningunha solicitude aprobada. Haberá requisitos: o dron ten que ir equipado cun paracaídas, cunha serie de sensores, cun sistema de volta a casa, e sacarche un título de radiofonista que xa temos os que somos pilotos de avión, pero ata o de agora un piloto de dron non se podía comunicar cunha torre de control. Non vai poder voar en cidade calquera.

A pesar de que se están facendo probas de repartición con drons en cidade, non será un caos?

Isto lévoo opinando desde que coñezo este mundo. Eu non permitiría ese tipo de voos ata que estea todo moi controlado. Polo momento o sector está moi verde, hai xente que saíu con proxectos e ata nós estamos a traballar nun coa Universidade de Cádiz para entregas de última milla, que é como se denomina. E é viable a nivel técnico. Pero non o vexo a nivel seguridade porque desprotexes o espazo aéreo, hai drons continuamente sobre a túa cabeza e pode fallar porque depende de factores meteorolóxicos, ou aves. Creo que a Axencia Estatal de Seguridade Aérea pensarao moitísimo antes de permitir este tipo de voos.

Como nace Aerocámaras?

Nace en 2007 orientada ao software e ao marketing. Pero en 2010 empezamos a investigar os drons xa que faciamos producións para o sector audiovisual con helicópteros e avións e, para abaratar custos, decidimos meternos nun mundo entón case descoñecido. Tras facer as primeira producións e vendo os resultados fomos animando e decidimos compralos, co cal incorporamos xa a enxeñeiros. E foron aparecendo outras demandas.

Cales foron eses primeiros clientes? Pois un dos primeiros foi un cliente en México que necesitaba drons para vixiar un edificio. Incorporamos para eles cámaras térmicas e con aumento. Aí despegou todo, empezamos a ver posibilidades.

E a idea da escola de pilotos?

Decidimos montala en 2014 e tivemos que conseguir os pilotos porque non había, así que os formamos. Ao final é unha das patas máis fortes da empresa.

Pesa máis xa a escola que o propio servizo asociado a drons?

Pois somos líderes en España, formamos a máis de 3.500 persoas, temos 22 campos de voo con 32 pilotos formadores traballando connosco. Así que é unha das áreas máis fortes da empresa.

Onde tedes os campos de voo?

En todo o territorio nacional e illas, temos tamén escola en Mallorca e Tenerife.

As autoescolas españolas comezaron os trámites para dar cursos de pilotaxe de drons de ata 25 quilos. Como o ves?

A miña opinión? Para dar unha formación de calidade xa decidimos no seu día que todos os formadores fosen enxeñeiros aeronáuticos ou pilotos comerciais en activo, ten que ser unha formación moi profesional que deuido que poida impartir calquera. Os nosos instrutores están afeitos traballar no día a día e saben os problemas que hai. Unha cousa é o que che contan os manuais e outra é a realidade.

Por exemplo?

Hai que saber voar a temperaturas altas, ou a determinadas altitudes, con meteoroloxía impredicible, ter coñecementos de lexislación… Haberá quen tome a opción das autoescolas pero, sinceramente, se mañá nos chega unha persoa formada nunha autoescola o currículo non o imos mirar. Poñemos equipos de 30, 40.000 euros nas mans dos nosos pilotos e ten que ser xente con nocións moi avanzadas de pilotaxe e aeronáutica. Calquera pode abrir unha escola o problema é a calidade de docencia. É coma se nós ofrecésemos sacar o B1.

Traballades en inspeccións de redes eléctricas, topografía, emerxencias... Hai algún mercado que despunte máis?

Hai traballo en todos os sectores, como en agricultura de precisión: podemos facer un voo a 50 metros e detectar se hai pragas ou tensións hídricas, e adquirimos un dron para fumigar, uns dos 3 ó 4 que hai en España. O abano é enorme. O tema é que cada vez están a filtrar máis a quen contrata. Agora mesmo traballamos en Canarias para Rede Eléctrica, que é unha das zonas mais difíciles, con po, vento, calor. E iso pasa con todo, para vixiar antenas de telefonía ou ao voar sobre unha refinaría. Son traballos delicados porque levas ata 25 quilos a 30-40 quilómetros por hora. Por iso búscase seguridade. 

E no sector audiovisual?

Guindastres, helicópteros ou travellings están a substituírse por drons porque é máis rápido, mais económico e con mellores resultados. De feito imos pechar un contrato en maio con produtores de cinema, música e televisión para activar a división audiovisual, que a tiñamos parada por falta de tempo.

Vides de asinar con Dräger un contrato para o sector das emerxencias en España e Portugal. Que vai supoñer?

Combinando a súa experiencia en seguridade e a nosa en drons imos conseguir produtos –e xa os estamos conseguindo– moitísimo mellores que os da competencia. Grager é unha multinacional así que supón proxección e un aumento en comercialización.

Algún cliente especialmente importante para este ano?

En Estados Unidos estamos a facer inspección de aeroxeneradores e probando técnicas novas con sensores láser. Tamén estamos a traballar cunha empresa española moi importante de control de masa forestal onde determinamos que porcentaxe de árbores hai en cada zona e calculamos os metros cúbicos de madeira que se poden extraer. E hai moi boa perspectiva no sector de emerxencias onde pechamos dous contratos. É un dos campos que máis me gusta porque estás a axudar a bombeiros, persoal sanitario, protección civil. Traballamos nunha posible colaboración coa DXT. E en Arabia Saudita e Kuwait temos dous contratos moi grandes para inspeccionar liñas de alta tensión. De feito en breve abriremos unha bolsa de traballo porque imos necesitar entre 20-30 pilotos.

Entón, cando vos contratan ides tanto con equipo humano como técnico?

Si. Hai clientes que piden só formación pero ao final decátanse de que os drons teñen que estar operados por profesionais. Cando ven as dificultades do traballo e a capacidade que temos de capturar e analizar datos, sáenlles mais barato subcontratarnos que facelo eles mesmos.

Sendo piloto supoño que nada pode substituír para ti a sensación de voar…

Iso por suposto. Isto son ferramentas útiles. Un dron pode salvar unha persoa da auga, de feito temos un que é salvavidas. Pero se tes que extinguir un incendio, na miña opinión, utilizaría un avión ou un helicóptero: tes moita máis velocidade e moita máis capacidade de carga. É outro concepto.

(Extracto da entrevista publicada no número 323 – abril 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)