Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A cultura da auga



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 11 DE MAIO DE 2018 · (0)




Dende 2002 en Galicia só abriu unha nova instalación de acuicultura. As axudas que hai todos os anos van a mellorar as que xa temos, as cifras de produción apenas varían. A polémica adoita acompañar calquera tentativa de nova apertura pero, con máis do 30 % das poboacións de peixe sobreexplotadas no mar, o futuro pasa por elas.

Permítese facer algunha ampliación, melloras enerxética, pero pouco máis. Nin novos tanques de rodaballo, piscinas para linguados ou bateas de mexillón. Os números son os que son e, ben por cuestión ambientais ou por limitar a ocupación de espazo terrestre e costeiro, non abren máis.

Non cómpre petar ás portas de asociacións ambientalistas para saber das nubes que botan máis sombra sobre o sector, a propia FAO (a organización da ONU para alimentación) xa o recoñece: a acuicultura pode estar en pugna coa agricultura, a pesca, a expansión industrial, a navegación e as zonas de recreo. Sen contar os danos que ocasionan na paisaxe as propias instalacións, as estradas de acceso ou as liñas de alta voltaxe. “Son necesarios planos que axusten os intereses para permitir o uso máis proveitoso, porque a acuicultura non require necesariamente o uso exclusivo, outros usos poden acomodarse moi ben”, asegura o organismo internacional.

Entre as cousas máis importantes para evitar males está asegurarse de que os residuos que xeren estean libres de microorganismos porque a sobrecarga de nutrientes pode causar floración de algas e diminución de osíxeno no mar: unha acuicultura ben planificada inclúe sempre medidas para a biodegradación dos residuos. Se todo se fai ben o sector é unha fonte de riqueza e axuda a evitar que se esquilme a vida salvaxe nos océanos.

O poder do bivalvo

Practicamente dun golpe de vista confírmase que Galicia é a comunidade española con máis beneficiarios das axudas que dá Bruxelas á acuicultura vía Fondo Europeo da Pesca 2007-2013. O cal é lóxico: somos o maior produtor nun estado que xa ten a maior colleita por diante do Reino Unido e Francia. Deses cartos públicos máis do 75 % foron ao sector mexilloeiro, o gran puntal ao sumar dous terzos do valor da produción. Hai pouco un grupo de científicos do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC traballaron na ría de Ares-Betanzos e constataron os problemas aos que tiveron que facer os produtores en 2017: dificultade para atopar fazula e un incremento importante de depredadores, sobre todo o sargo, que causa estragos nas bateas. Entre as nove especies con máis produción en España, Galicia leva case todo o rodaballo, ollomol e linguado. Aínda así non perdamos perspectiva: se a produción de acuicultura española en 2015 sumou case 290.000 toneladas o gañador é o mexillón por goleada con 225.000. Porque as bateas tamén son acuicultura.

A onde vai o diñeiro das axudas

Como queda dito non é para apoiar novos proxectos –dada a dificultade de conseguir licencias– senón para investimentos nos que xa hai e para melloras, sobre todo no relativo a eficiencia enerxética, un dos maiores custos para calquera instalación industrial, polo que xa comeza a haber plantas que fan uso da enerxía solar. Hai multitude de opcións, como usar a mesma auga primeiro para a produción de peces e logo para a rega cun só bombeo para os dous sistemas de cultivo, como se fai en Israel desde hai décadas na agricultura.

Tamén se usan os cartos das axudas europeas para diversificar, modernizar as instalacións e mercar novos equipos e maquinaria. E semella que non haberá grandes mudanzas no financiamento da pesca e a acuicultura a partir do 2020 tras a recente votación a favor do ditame do Comité Europeo das Rexións. Galicia, que o lidera en representación de España, defende que a subvención é a mellor opción xa que garante o control do destino e aplicación sobre algo concreto. E porque xera efecto dinamizador directo sobre a economía.

A “rara avis” da familia

Falamos do abalón, un gasterópodo moi prezado no mercado asiático onde chegan a pagar 2.000 euros por quilo. Tras iniciar probas en Santiago en 2011 está desde 2014 en funcionamento na ría de Muros-Noia a maior instalación deste tipo en Europa, máis de 25.000 metros cadrados onde crían uns dous millóns de exemplares. Galician Marine Aquaculture nutre a restaurantes de Taiwan, Corea e Xapón de takabushi, o Haliotis discus hannai alóctono que necesita auga de extrema pureza. En Galicia tamén crece nos fondos mariños da illa da Toxa aínda pero trátase da variedade tuberculata, que non ten a mesma potencia de sabor nin o mesmo tamaño.

Cómpre sinalar que temos tamén 34 produtores certificados en produción ecolóxica de mexillón con 198 bateas ao seu cargo. Produción que seguirá en aumento, xa que a nosa acuicultura ten grandes facilidades para adaptarse á normativa desta esixente produción e o fresco semella ter un mercado á expectativa. Pero sexa ou non ecolóxico, este sistema de produción alimentaria é o que creceu máis rápido no últimas catro décadas a nivel mundial –os noruegueses son os líderes– e, lonxe de morrer de éxito, é certo que hai preocupacións semellantes ás que xa vimos na gandaría: abuso de medicamentos, infeccións, problemas de alimento. Queda traballo por facer para transformala nunha industria que faga enfronte ás posibles consecuencias do seu traballo, porque gañaremos todos. Como dixo Robert Jones, director de acuicultura de The Nature Conservancy, “o 70 % do planeta é auga pero só o 2 % da alimentación humana procede deste elemento. Está a perderse unha oportunidade”.

(Extracto da reportaxe publicada no número 323 – abril 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)