Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Luz Pozo Garza, profeta na súa terra



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE XUñO DE 2018 · (0)




A Escola Oficial de Idiomas de Viveiro leva o nome da poeta galega, que foi unha das tres voces elixidas para inaugurar o “Xardín das pedras que falan”, un proxecto literario impulsado por Suso de Toro no Colexio de Fonseca de Compostela.

O “Xardín das pedras que falan” pretende crear unha espiral de pedras que leven gravados versos de importantes escritores e escritoras de todo o mundo. Durante o acto de inauguración destapáronse as tres primeiras, que corresponden con obras escritas polas autoras galegas Rosalía de Castro e Luz Pozo Garza e polo irlandés Seamus Heaney.

De forma progresiva, iranse incorporando diferentes rochas ata alcanzar un total de corenta, segundo desvelou a Universidade de Santiago, entidade promotora –xunto co Concello– da iniciativa. O seu reitor en funcións, Juan Viaño, destacou o “carácter simbólico” deste espazo “que conserva un espírito e carácter especiais”. Viaño asegurou que o xardín forma parte do “patrimonio dunha Universidade vinculada con Compostela e coa súa cidadanía”.

No acto inaugural participaron tamén o alcalde de Santiago e a concelleira de Acción Cultural, Martiño Noriega e Branca Novoneyra; Marie Seamus, viúva de Seamus Heaney; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Suso de Toro, escritor e autor do proxecto e a escritora e colaboradora de ECO Luz Pozo Garza.

Escola de idiomas Luz Pozo Garza

Poucos días despois do acto en Compostela, a prestixiosa autora galega trasladábase a Viveiro para participar no acto público de cambio de nome da Escola Oficial de Idiomas. A directiva da EOI explicou que a iniciativa partiu dunha campaña do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que propoñía pór nomes de mulleres a centros educativos. Á dirección pareceulle “moi boa idea” e puxérona en práctica, segundo explicou Sonia Fernández, xefa de estudos. Houbo unha votación entre tres candidatas, Micaela Chao Maciñeira, Maruja Mallo e Luz Pozo Garza, e resultou elixida a filóloga, docente, poeta e integrante da Real Academia Galega.

Desde a EOI aseguran estar “moi contentos de que a escola leve o seu nome, primeiro por ser muller, e tamén por ser unha persoa de linguas, unha muller apreciada, recoñecida, de moita valía e unha pioneira en moitos aspectos, non só no artístico senón tamén no persoal”, destacou Fernández. Pola súa banda, o director da escola, Francisco José Pérez, destacou a figura e a personalidade da homenaxeada, “sobre todo tendo en conta os tempos que lle tocou vivir”. Precisamente antes de descubrir o novo nome na fachada do centro tivo lugar un dos momentos máis emotivos, cando a autora recordou os malos tempos do exilio recitando un poema sobre o desterro de Ovidio. Tamén persoal da escola leu en galego, italiano, alemán, francés e inglés varios poemas da académica.

Unha autora en plena actividade

Luz Pozo Garza, nacida en Ribadeo en 1922, declarouse “mariñana ao cen por cento” e asegurou estar “moi emocionada” ao tempo que sorprendida de que se “acordasen” dela en vez de optar por alguén máis novo. Pero, malia os seus 95 anos, a autora asegurou ter varios libros preparados que agarda publicar nos próximos meses, un deles sobre o Pazo de Tor, de onde provén o seu apelido materno, Garza, xa que os primeiros habitantes dos pazo foron os Garza de Castillón.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)