Irmáns García Naveira, empresarios na Arxentina e filántropos en Betanzos
O Pasatempo de Betanzos é un dos exemplos máis maxestosos dos investimentos feitos na nosa comunidade polos indianos, os emprendedores galegos que a finais do século XIX triunfaron na emigración. Neste caso é a obra de dous irmáns, Juan e Jesús García Naveira, que fixeron as Américas na Arxentina subministrando todo tipo de produtos ás tendas “de ramos generales”. En Galicia deixaron, entre outras obras, o magnífico parque enciclopédico, pero tamén en Bos Aires quedan aínda mostras do grandioso legado destes betanceiros.
En 1849 nacía na vella Brigantium Juan María García Naveira. Catro anos despois faríao seu irmán Jesús, ambos os dous no seo dunha modesta familia que, como a maioría, vivía fundamentalmente do cultivo da terra. Eran “campesiños destinados a emigrar”, conclúe Alfredo Erias, director do Museo das Mariñas e do Anuario Brigantino e gran coñecedor da historia de Betanzos e das súas xentes. E así o fan os dous irmáns con apenas 16 e 20 anos. Sen patrimonio e sen formación parten da súa pequena vila cara a gran capital porteña onde comezan a traballar no sector do comercio.
“Traballan arreo e aforran cada peso que gañan”, asegura Fernando Salgado, autor de Historias de Galicia e un dos xornalistas que mellor coñece o legado deixado polos indianos na nosa comunidade. Conta Salgado que en 1875 fundan a súa primeira empresa, García Hermanos y Compañía, “unha firma que abastecía de produtos de importación aos almacéns que agromaban ao longo do vasto territorio arxentino”. A empresa, que funcionaría durante case un século, cambiaría varias veces de nome a medida que se incorporaban novos socios ou se producían cambios accionariais: Sangrador, García y Cía; Sangrador, Etchegaray y Cía e, finalmente, Etchegaray, Arriarán y Compañía.
Na fachada dun dos edificios máis emblemáticos de Bos Aires, o Palacio Alsina, aínda se pode ver “a rúbrica dos empresarios que levantaron ese edificio” conta Salgado: o 'G' de García Naveira e o 'S' de Domingo Sangrador, “o socio rioxano dos galegos”. Convertido nun espazo cultural en pleno corazón histórico da capital arxentina, o edificio dá unha idea da magnitude da compañía levantada polos Naveira no país sudamericano.
Un imperio comercial
En Bos Aires vive Román Pellejero Magri, fillo dun parente dos Naveira que chega á cidade en 1909 con tan só 12 anos e, tras 65 na empresa, retírase como director xerente da mesma nos anos setenta do pasado século. Por tanto, o seu fillo coñeceu ben ese edificio que acolleu o imperio legado polos de Betanzos, do que destaca “dous incribles ascensores revestidos de madeira labrada e un xigantesco vitral que subía desde a planta varios pisos, coa imaxe da Torre de Hércules, que era unha das marcas rexistradas da empresa”.
Román Pellejero conta como se fraguou a fortuna dos Naveira: “Transportaban víveres e mercadorías a través do ferrocarril para subministrar aos almacéns 'de ramos generales del interior' que eran como pequenos centros comerciais que había nas vilas para adquirir todo o necesario”. Pero non só do comercio vén a fortuna, aclara Alfredo Erias, que destaca a compra-venda de terras como outra das actividades que lles reportan grandes beneficios, como a moitos outros indianos. Tanto é tan só 18 anos despois de crear a primeira empresa, Juan regresa xa a Galicia como indiano. A avoa de Román Pellejero, curmá dos Naveira, contáballe xa moi maior que chegaran “tan, pero tan ricos de América que construíran unha casa con dous baños”.
En realidade quen retornara era Juan. Jesús, aínda que visitou en varias ocasións a súa vila natal, permaneceu en Arxentina ata a súa morte en 1912 a consecuencia dun accidente de tráfico.
O regreso a Betanzos
“Os García Naveira son unha institución en Betanzos”, cóntanos o ex-alcalde Vicente de la Fuente fronte á casa que manda construír Juan á súa volta, unha mansión de estilo afrancesado que hoxe mira á praza que leva o nome dos irmáns e que preside a estatua que mandaran construír no seu día no Pasatempo e que o propio Vicente decidiu trasladar ao centro en 1983 coincidindo co 50 aniversario de Juan García Naveira.
O ex-alcalde destaca que, malia a importancia do parque, a pegada dos Naveira en Betanzos vai moito máis alá do Pasatempo, e recorda as escolas que contribuíron a rematar co analfabetismo en Betanzos ou a Casa do Pobo construída grazas a uns cartos deixados por Jesús, antes de morrer na Arxentina […]
Pero son varias as contribucións dos irmáns Naveira neste eido. Convencidos, como todos os indianos, de que o progreso só chegaría a través da educación, fundan varias escolas ás que tiñan acceso tanto nenos coma nenas e especial preferencia aqueles con poucos recursos. Para iso crean un padroado benéfico-docente que xestiona o funcionamento destes centros e dá prioridade a orfos, pon servizo de comedor para dar unha comida quente a quen o precisa e mesmo bolsas para pagar estudos de maxisterio a alumnos e alumnas que despois incorporaban ao propio padroado. Actuacións que amosan o ideario progresista dos filántropos, herdado da revolución francesa e plasmado tamén en moitas das actuacións do Pasatempo. […]
O lavadoiro das Cascas, outro legado único
En 1902, costeado polos dous irmáns, levántase na beira do río Mendo un lavadoiro gratuíto de planta rectangular, estilo ecléctico e dúas alturas. Un edificio totalmente funcional e adaptado ás necesidades das “lavandeiras profesionais” –que tiñan preferencia de uso– e que podían lavar a roupa de militares e hospitais de forma que o sangue correra polo río e non retornara. Con dúas filas de lavadoiros –útiles en función das mareas– e con capacidade para 63 lavandeiras simultáneas e gran secadoiro cuberto, a instalación aínda funciona hoxe, tras ser recentemente remodelada por dous arquitectos locais, José Manuel Vázquez e Carmen Calatayud.
Eles confírmannos que é a única instalación destas características que existe en Galicia: “Unha obra sublime”, recalca José Manuel ao tempo que destaca a dotación de luz eléctrica que permitía traballar “día e noite”. E por se a grandiosidade e fermosura do edificio non fosen suficiente, Carmen recorda que o lavadoiro alberga unha lareira que, entre outras funcións, actuaba “a modo de gardaría infantil”. Alí podían deixar as lavandeiras os fillos e mesmo darlles de comer quente, facilitando a conciliación e as condicións de vida da dura época que lles tocou vivir.
Labor benéfico
Nesa angueira solidaria enmárcanse outras dúas institucións de gran relevancia para a vila: un asilo e un refuxio para nenas pobres –moitas delas con graves secuelas da poliomelite–, que doaron ás irmás hospitalarias do Sagrado Corazón de Xesús e que tamén continúa o seu labor como centro de atención a persoas con discapacidade intelectual. Non se conserva o asilo fundado a carón doutra das escolas cuxo edificio si permanece aínda que dedicado a outros usos. Na capela dese asilo estiveron durante anos os restos de Jesús García Naveira e aínda despois de trasladados e abandonado o lugar, permaneceu alí o sartego que durante anos visitaba a mocidade da vila atraída pola curiosidade e o misterio que entrañaban as ruínas.
Na actualidade os restos dos dous irmáns repousan no panteón familiar xunto aos da filla de Juan, Dona Águeda, e o seu xenro Eduardo González. Pero a presenza dos irmáns segue moi viva en Betanzos, tanto nas obras que deixaron como na memoria da vila.
(Extracto da reportaxe publicada no número 327 – agosto 2018)
Comentarios (0)