Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Medio século de altruísmo e solidariedade



GONZALO FERNÁNDEZ · PUBLICADO O 08 DE NOVEMBRO DE 2018 · (0)




Liberdade, Intelixencia, Orde, Nacionalidade e Servizo. As iniciais destas cinco palabras compoñen a palabra 'lions' (en galego leóns), que á súa vez define unha organización que grazas aos seus máis de 1.400.000 socios repartidos en máis de 200 países de todo o mundo levan un século desenvolvendo de xeito altruísta proxectos solidarios naquelas sociedades nas que se asentan. Nada en 1917 en Estados Unidos, Lions International é unha fundación que conta con representación en España dende 1964 e que en Galicia, coa creación do Club de Leóns da Coruña-Decano en decembro de 1967, leva xa medio século desenvolvendo o seu labor humanitario alá onde o estima conveniente.

José Luis Masián, presidente; José Luis Álvarez Fernández, secretario; Manuel Bóveda, tesoureiro, e Arturo Carrio, relacións públicas do Club de Leóns da Coruña-Decano, explican a ECO que esta é a asociación máis antiga do mundo despois da Cruz Vermella e que o seu cometido se centra en atender peticións de toda índole, especialmente aquelas que teñen que ver coa saúde e máis en concreto a vista. “As nosas cinco funcións principais son atender á nosa xuventude, compartir a visión, mitigar a fame, protexer o noso medio ambiente e loitar contra o cancro pediátrico, independentemente de que traballamos en calquera proxecto que a asemblea do club decida”, salienta o seu presidente.

E actúan así porque a estrutura dos leóns en todo o mundo funciona de forma asemblearia, atendendo con total independencia aqueles proxectos propios da súa sociedade despois de elixir entre os seus socios a actividade que desexan auspiciar. Esta forma de manexarse, segundo comenta Masián, permítelles ser moi áxiles á hora de atender calquera catástrofe que suceda no mundo, xa que dada a súa ampla rede de clubs sempre haberá algún preto de onde se produza. Para facer fronte a estas continxencias, Lions International ten un fondo, financiado coas achegas dos socios, que lle permite transferir 100.000 dólares ao club onde se produza a catástrofe para cubrir as primeiras necesidades.

Independencia 

O presidente do club coruñés afirma que os leóns séntense especialmente orgullosos desta independencia na súa forma de proceder, pero tamén de pagar por ter esta condición. “Contamos co diñeiro dos demais para poder atender as necesidades que xurdan, pero o mantemento do club pagámolo do noso propio peto. O 100 % do que recadamos o investimos nas necesidades sociais. O noso mantemento pagámolo nós. Non temos empregados, somos só voluntarios”, aclara.

Masián tamén explica que o club que preside foi o primeiro que se fundou en Galicia, a finais de 1967, e que na cidade na que ten a súa sede, A Coruña, conviven catro clubs de leóns: o Decano, o Marineda, o Torre de Hércules e o Teresa Herrera. “Que haxa catro clubs nesta cidade débese sobre todo á xenerosidade dos coruñeses, pero tamén a que estamos convencidos de que un club de 20 socios funciona mellor que un de 80 […]

Xente con tempo

A pesar de que en Galicia chegou a haber unha ducia de clubs de leóns, os representantes do Decano lamentan que na actualidade haxa menos. Segundo consideran, esta diminución débese principalmente a que é moi difícil atopar xente que teña tempo para poder traballar de forma altruísta, e a que “o temos somos os vellos, co que hai clubs que non se puideron rexuvenecer e non puideron continuar”, comenta Masián. Xunto a esta razón, o relacións públicas do Club de Leóns da Coruña-Decano apunta outras como o excesivo individualismo que existe tanto en España como en Galicia. […] 

Outro dos motivos que indican os representantes desta institución é a desconfianza que a xente pode ter cara unha iniciativa que vén de Estados Unidos e á que hai que facer unha achega a nivel internacional. “Hai quen pensa que por que imos facer o que nos mandan dende Estados Unidos. Pero non é así. Nós eliximos os nosos propios proxectos e o que nos vén de alí é unha axuda para poder desenvolvelos. Nós pagamos unha cota a Lions International e hai clubs que se deron de baixa por pensar que ese diñeiro o poden xestionar mellor eles directamente”, comenta Masián. Así mesmo, fan fincapé en que a crise tamén fixo moito dano, xa que “aínda que as nosas cotas son pequenas, duns 20 ou 25 euros ao mes, ás veces cústanos traballo pagar ese diñeiro”, lamentan. […]

(Extracto da reportaxe publicada no número 330 - novembro 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)