“A estratexia galega está completamente incardinada no proxecto Marca España, pero ás veces a acción exterior española non ten en conta a pluraridade territorial”
Tras estudar Políticas en Santiago Daniel González Palau, o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, intercalou viaxes e formación, horarios de oficina e traballo de cooperación. Cando chegou ao Igadi pouco imaxinaba que acabaría dirixíndoo e traballando para unha proxección galega á que –coida–, cómprelle coherencia e obxectivos definidos.

Cres que o Igadi é coñecido?
Tendo en conta todo o que ten realizado nos últimos 27 anos, non. No ecosistema próximo si que é coñecido: nas ONG, cámaras de comercio, concellos e universidade. Pero estamos no proceso de ter máis visibilidade.
Cantos sodes en cadro?
Catro. Igadi é unha asociación privada así que non ten partida nos orzamentos da Xunta, pero si un Consello Reitor onde hai empresarios, ex-políticos, sindicalistas… Xulio Ríos é o presidente de honra e eu oriento a estratexia e o traballo.
Que tal foi este primeiro ano á cabeza?
A verdade é que ben. En 2017 fixemos un proxecto novo co concello da Coruña, o II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia e un foro sobre a nova Ruta da Seda que impulsa o Goberno chinés. Pero o máis relevante foi a aprobación, en febreiro de 2018, da Estratexia Galega de Acción Exterior, na que se levaba traballando dous anos.
Na súa elaboración contouse con vós?
Si, porque o Instituto forma parte do Consello Galego de Acción Exterior. Pedíusenos opinión, a demos, e despois a EGAEX foi ao Ministerio de Asuntos Exteriores, que lle deu o visto bo.
Ter unha política exterior galega é o obxectivo? Non está inmersa na española?
A estratexia galega está completamente incardinada na española e no proxecto Marca España. Pero a Lei de Acción Española de 2014, malia que recoñece o papel das comunidades autónomas e poderes locais, ten controis. E coidamos que, coordinándose co Estado, cómpre máis autonomía. E hai unha cousa clamorosa: o nulo papel de Galicia na lusofonía. Recentemente Reino Unido e Francia entraron como estados asociados da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, e non España. Ás veces a acción exterior española é un pouco uniforme e non ten en conta a pluralidade territorial e cultural.
Pero un dos obxectivos da EGAEX é precisamente estreitar eses vínculos coa comunidade lusófona. Non está a concretarse?
Non hai medidas concretas, un cronograma que estableza o que se vai facer. Hai marcos interesantes pero baleiros de contidos, independentemente do que se faga dende a sociedade civil. Hai moitos actores poñendo Galicia no mundo e deberían coordinalos pero a Xunta, máis aló de momentos puntuais, fragmenta a acción exterior. Nas relacións coa UE hai un traballo ben construído coa Fundación Galicia Europa, e o Igape ten unha política moi interesante, pero van polo seu lado; Normalización Lingüística e Turismo por outro, e a Secretaría Xeral de Emigración o mesmo. Vanse facendo cousas en función das oportunidades e non dun programa.
O informe de Acción Exterior Galega 2017-2018 que fixestes céntrase no que fan ao respecto as nosas cidades. De que falamos?
Dende os anos 80 normalizáronse as concellarías de Turismo, xermolo das relacións internacionais. Pero a incorporación na UE obrigou a ter unha dinámica dos tempos da globalización. E a promoción económica e cultural tamén leva a participar en proxectos internacionais, pero cada área fai o seu traballo sen coordinarse: turismo, cultura, deporte… En Galicia non hai departamento de Acción Exterior en ningunha das sete cidades.
Poden permitirse telo?
É algo normal xa non nas grandes cidades, senón de Valença a Cascais. Ou en Xixón, Granada e Tarrasa. O que queremos é que fagan unha diagnose de en que redes internacionais participan. As viaxes son moi necesarias pero hai que facelas cunha lóxica. Por exemplo, para Coruña ten máis sentido visitar Senegal que Nixeria, a realidade local debe definir prioridades. E as empresas e universidades deben saber o que está facendo o seu Concello a nivel internacional.
Que pasos deches antes de acabar neste cargo?
Tras rematar Políticas fixen un máster de administración de organizacións non gubernamentais (ONG), pero tiña a febre do inglés e marchei a Malta e Irlanda dous anos. Despois acabei na sede de Baiona do Igadi para as prácticas do máster, co Fondo Galego de Cooperación. Medio ano despois chamáronme para traballar no Igadi pero deixeino para ir a Nicaragua seis meses, nunha entidade que colabora con Fondo Galego e que tiña proxectos por toda a rexión. En 2011 Xulio Ríos pensou en min para ser secretario dese Fondo. E en 2017, como xa levaba anos anunciando que ía deixar o posto do Igadi para adicarse a China, pediume asumir a dirección.
Xulio Ríos de retirarse nada…
Non (ri), non. Segue moi en activo, pero concentra os seus esforzos en China.
Que supón facer prácticas no Igadi?
Recibimos xaponeses, austríacos, polacos, portugueses, franceses… e xente de Murcia, Cataluña... Pero tamén alumnos das nosas tres universidades, coas que temos convenios. A xente quere vir polo Observatorio da Política China e o traballo que fai Xulio, pero hai prácticas para coñecer proxectos de cooperación ou políticas moi variadas.
Tedes as contas colgadas na rede. Seguiredes en positivo este 2017?
Si. Pero en 2009 había oito persoas e hoxe somos a metade porque en 2012 os convenios de colaboración asinados coa Xunta dende Fraga foron retirados coa crise. Foi un momento problemático, cun ERE. Agora estamos normalizando as contas.
Por que os cambios de sede?
O Igadi estivo en Baiona dende a fundación, en 1991, ata que foi a illa de San Simón en 2011, e a finais de 2012 volveu a Baiona. Despois o concello de Pontevedra ofreceu un local e aceptouse por ser unha zona mellor conectada e con máis espazo para arquivos. Así que en 2016 viñemos coas persoas do Fondo Galego de Cooperación, que ten sede en Santiago pero que desenvolven aquí o seu traballo.
Hai un ano do II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia “Repensar Europa”. Repetiredes?
Foi moi boa experiencia con máis de 60 inscritos, así que en 2019 agardamos facer un terceiro congreso pero sobre relacións de Galicia coa lusofonía, para que non queden sobre papel e dotalas de contido.
Comentarios (0)