Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Temos a violencia de xénero que temos, e nos grupos de idade que veñen detrás, aínda é peor”



ESTHER GARRIDO · FOTOS: MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 26 DE NOVEMBRO DE 2018 · (0)




Hai tres anos deixou o seu traballo de xornalista en Holanda para volver á terra tras asistir a unha conferencia que lle abriu os ollos. “Decidín ir un paso máis alá e intervir, non só sensibilizar", asegura Pilar Porral. De aí nace Coeduca, da necesidade de traballar a igualdade, o motor da miña vida”. En apenas tres anos recibiron cinco premios —Son Muller Emprendedora e o XVI de Proxectos Empresariais Innovadores da USC entre eles— e unha carteira de traballo que non cesa.

É imprescindible a educación sexual nas escolas?

Si, dende Infantil ata Primaria e Secundaria. Porque forma parte da educación afectiva, as emocións son algo que temos que coñecer.

E como abordar este tema en infantil?

Axudando a previr abusos sexuais a menores —os datos que manexan as asociacións é que un de cada cinco sófreos— porque se pode traballar con eles desde idades temperás con cousas básicas e intuitivas.

Entendo que falamos de darlles ferramentas…

Si, traballas as emocións. A xente ten prexuízos pero faise de modo natural, o neno aprende a dicir non cando alguén vai tocarlle en zonas íntimas. […]

Traballades con centros públicos e concertados?

Agora só con centros públicos pero tamén facemos plans en igualdade para concellos; deseñamos opcións específicas, non é o mesmo traballar para Outeiro de Rei que para Santiago. Con algún empezamos a facer as primeiras mesas de violencia de xénero reunindo a centros educativos, centros de saúde, corpos de seguridade… Facemos un informe de como están a traballar e que deberían mellorar e deseñamos guías de actuación para mellorar intervención e prevención.

Que opinas da educación diferenciada?

Estou totalmente en contra. Cando as persoas están separadas por sexo lévalles a interiorizar que son diferentes e cando chega a idade adulta non saben interactuar. Falei hai pouco cun sociólogo coruñés que estudou en colexios segregados e díxome que, ao chegar á universidade, non sabía como tratar ás mulleres. Iso é acrecentar a diferenza. O paso seguinte é a escola mixta, pero só con xuntar a mulleres e homes non tes unha escola igualitaria. Tes que conseguir unha na que coeduques cun plan de igualdade. Nunha escola infantil o noso público son só familias e profesorado porque o alumnado de cero a tres anos non ten prexuízos. Iso vaise perdendo.

Un estudo afirma que unha de cada tres adolescentes tolera a violencia de xénero…

Son datos de 2015 da macro-enquisa sobre Violencia de Xénero, e os dous grupos de idade onde máis aumenta é entre maiores de 65 e menores de 18. Temos a que temos e, nos grupos que veñen detrás aínda é peor: onde máis alto está é entre os 16 e os 24 anos. E velo cando vas aos centros escolares e pasas cuestionarios, é alarmante non estalo traballando.

Pero como educar nun mundo onde as mensaxes chegan de mil sitios e de mil modos?

Pois levándoas ás escolas. Cando fas un plan de igualdade diagnosticas comportamentos, actitudes, qué traen das familias os alumnos e qué pensa o profesorado. Deseñas talleres, actividades, plans. E despois avalías e decides que facer ao ano seguinte. 

Creo que levades dous ou tres anos traballando co Politécnico de Lugo...

Si, estamos polo terceiro ano.

E que conclusións estades a sacar da experiencia?

Pois é moi interesante porque pódense extrapolar ao resto de Galicia. Vemos que a taxa de acoso escolar é moi alta e adóitase producir por dúas causas: machismo e racismo. Traballamos para previr. No Politécnico fixemos unha charla sobre acoso para todo o alumnado de primeiro onde unha alumna falou dunha experiencia que viviu noutro centro, dando despois pautas para identificalo e saber que facer. E fixémolo ao principio de curso para previr.

Que observades na vosa relación cos adolescentes? Como perciben o acoso e a violencia de xénero? Hai diferenzas?

Si, é moi diferente. O acoso escolar todos saben o que é, identifícano, temos taxas tan altas que, ou o viviron, ou tiveron compañeiros que o sufriron. O que ocorre é que non fan nada e non se dan conta de que forman parte do proceso; pero cando traballas o problema funciona moi ben, se se dan casos adóitanse cortar. Coa violencia de xénero é diferente, non teñen formación para diferenciar o machismo, como se transmiten os estereotipos de xénero. Lembro un instituto onde case o 25 % das alumnas permitirían que a súa parella lles dixese como vestir ou que lles mirasen as mensaxes do móbil. É moi importante que teñan conceptos claros e que sexan capaces de entendelos, porque para concienciarse o primeiro é ver as cousas.

Pero que está a fallar cando se contaba que cada nova xeración sería máis igualitaria que a que lle precedeu?

Que non estamos a educar en igualdade desde a primeira infancia. Pero se educas a unha xeración cando sexan pais transmitirano. As futuras persoas que se dediquen á publicidade, a lexislar, pasarán antes polas escolas e conseguiremos que vivan, traballen e transmitan á seguinte xeración […]

(Extracto da entrevista publicada no número 330 - novembro 2018)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)