Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

As seis galegas do Top 100



REDACCIÓN · PUBLICADO O 11 DE DECEMBRO DE 2018 · (0)




Co obxectivo de visibilizar o talento feminino en todos os ámbitos sociais, a xornalista e empresaria Mercedes Wullich punto en marcha hai sete anos o ranking As Top 100 Mulleres Líderes en España. Na súa última edición aparecen seis galegas entre as mulleres máis influentes do país.

Un ano máis o portal informativo Mujeres&Cía deu a coñecer a listaxe das cen mulleres cuxas ideas e proxectos en diversos ámbitos serven de referentes á sociedade. Trátase do ranking As Top 100 Mulleres Líderes en España, que nesta sétima edición acolle a seis galegas: a Dra. Manuela Camino López, a xerente cultural Carlota Álvarez Basso, a deportista Xisela Aranda, a deseñadora Purificación García e a catedrática Beatriz González López-Valcárcel e a investigadora do CNIO Marisol Soengas.

Soengas asegurou sentir un grande “orgullo” malia que os premios que recibe non os gaña soa, “senón tamén o equipo estupendo que teño detrás” e recordou que pese ao avance da muller aínda queda moito camiño por percorrer, por exemplo na ciencia: “Nas etapas iniciais formamos a moitas mulleres científicas, pero moi poucas chegan a xefas de grupo ou postos de dirección”, explicou.

Pola súa banda Mercedes Wullich, directora de Mulleres&Cía, asegura que “cantas máis referentes haxa, máis rápido será o tránsito a unha sociedade na que homes e mulleres compartan méritos, talento e as decisións sobre os grandes temas”. Por iso a fundadora do ranking indicou que “precisamos un gran lobby feminino para impulsar os cambios”. E as mulleres deste Top 100 “poderían ser estupendas candidatas”.

Entre ese centenar de mulleres hai empresarias, políticas, deportistas, periodistas, intelectuais... De feito, a lista recolle dez categorías para visibilizar todos os ámbitos da sociedade: Mulleres Académicas e Investigadoras; Directivas; Pensadoras e Expertas; Mulleres na Función Pública, Institucional e Política; nos Medios; no Terceiro Sector;   Revelación e Emprendedoras; Alta dirección e Empresarias. Así mesmo, o xurado de cada edición está composto por 50 destacados referentes de todos os sectores cuxos membros se renovan nun 50 % cada ano, aínda que tamén hai voto aberto a través dunha plataforma online

Algunhas das mulleres que aparecen neste listado de excelencia xunto coas seis galegas son María Teresa Fernández de la Vega, Begoña Villacís, Carmen Calvo, Garbiñe Muguruza, Almudena Grandes, Alicia Koplowitz, Carolina Marín, Azucena Bardají, Olvido Gara (Alaska), Manuela Carmena, Mamen Mendizabal ou Laura Freixas.

Beatriz González López-Valcárcel, catedrática de Métodos Cuantitativos en Economía da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria. Categoría: pensadoras e expertas.

Carlota Álvarez Basso, directora do Festival Internacional Cine por Mulleres. Categoría: cultura, ocio e deporte. 

Marisol Soengas, xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas. Categoría: académicas e investigadoras.

Manuela Camino López, xefa da Unidade de Trasplante Cardiaco Infantil do Hospital infantil Gregorio Marañon. Categoría: académicas e investigadoras.

Purificación García, Modista. Categoría: empresarias.

Xisela Aranda Núñez, propietaria de TOPGAME sport, life & business. Categoría: cultura, ocio e deporte. 

(Extracto da reportaxe publicada no número de novembro de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)