Novos combustibles, a revolución planificada
“Esencialmente cosmética”, así definen dende a Federación Galega de Estacións de Servizo a prohibición de vender –e mercar– automóbiles diésel, gasolina e híbridos a partir de 2040. Din que os fabricantes xa traballan nos coches con propulsións alternativas, polo que en dúas décadas non se venderán os outros “porque non se van fabricar”. As mudanzas chegarán tamén, visto é, ao mundo das gasolineiras.
O modelo de estacións de servizo que debuxan non só os empresarios galegos do sector senón todos os estudos feitos por consultoras contempla que serán espazos que subministrarán Gas Licuado de Petróleo (GLP), Gas Natural Comprimido (GNC), Gas Natural Licuado (GNL), electricidade e biocombustibles. Tamén fornecerán hidróxeno para os coches con pila de combustible.
Os expertos da consultora Oliver Wyman recollen nun recente informe que “a crecente popularidade de híbridos e eléctricos xa promove a apertura de estacións de carga e estanse preparando para atender a crecente demanda de gas natural comprimido e licuado”. A previsión é que en 2035 a hora punta de actividade dunha estación de servizo sexa de madrugada, cando os vehículos autónomos acudan a encher de forma automática.
A Federación recoñece que imos cara un futuro multienerxético no que non existirá unha única tecnoloxía de propulsión así que traballan para que todas estean nos seus puntos de venda. O seu persoal xa se están a formar para manipular novos produtos.
O gas, mal menor
Malia que a mellor opción a nivel de mingua de contaminación é sen dúbida o coche eléctrico e a súa variante de pila de hidróxeno, o gas natural –que é un combustible fósil– ten o seu oco a medio prazo. “Aforra un 30 % de consumo respecto ao diésel e un 50 % fronte á gasolina”, explica José Ramón Freire, presidente de Gasnam, a asociación promotora que apunta que as matriculacións aumentaron un 112 % entre 2016 e 2017 e o número de gasineras españolas en 2018 medrará un 140 %. O último Plan Estatal de Axudas á merca vehículos alternativos (MOVALT) incluíu vehículos eléctricos, de gas natural, autogas e cartos para as infraestruturas de recarga. O MOVALT 2018 pechouse no verán –voaron os cartos– e dende entón non houbo máis xa que Facenda di que non libera os 16,6 millóns de euros orzados porque “non hai tempo”.
Fegaes comparte opinión coa Confederación Española de Empresarios de Estacións de Servizo (CEEES) por un debate aberto sobre unha Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, pero con opcións realistas e axustadas ás capacidades de industria e sociedade. “O Goberno non ten por que obrigar nin impoñer multas. Eu teño o meu proxecto pero fágoo por iniciativa propia, e porque é o meu negocio”.
ELÉCTRICOS. Case un 80% subiron as vendas en España o pasado mes de novembro […]
GLP (GAS LICUADO DE PETRÓLEO). Destaca por aceptación e vendas o tamén chamado Autogás. Ollo: practicamente calquera coche de gasolina pode ser transformado para que funcione con GLP por uns 2.000 euros […]
GNC (GAS NATURAL COMPRIMIDO). A diferenza co anterior é que o GNC é algo máis caro, ao redor de 1- 0,88 euros/kg, pero o consumo redúcese ata a metade ademais de que contamina menos […]
GNL (GAS NATURAL LICUADO). A diferenza co GNC está na maneira na que se transporta. O gas natural licuado é procesado para ser transportado e almacenado en estado líquido a baixa temperatura, ocupa pouco e permite aumentar a autonomía dos vehículos […]
PILA DE HIDRÓXENO. Mentres que nos coches eléctricos úsanse baterías de litio que se cargan coma un teléfono móbil, nos de hidróxeno (que tamén entran na clasificación de eléctricos), a enerxía obtense da pila, pero o que move as rodas é un motor eléctrico […]
(Extracto da reportaxe publicada no número 331 - decembro 2018)
Comentarios (0)