“A auga de Galicia é boa nalgúns pobos e noutros non tanto, depende de onde se obteña é case imbebible”
A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (Agamin) puxo en marcha un proxecto para dar a coñecer o sector mineiro galego a través da posta en valor da auga mineral natural. E para coñecer o valor da nosa auga, ninguén mellor que Francisco Blanco, presidente de Agamin.

Adoitamos pensar, ao menos en Galicia, que auga que sae das nosas billas é boa. Pero non sei se tanto como cremos...
A auga de Galicia é boa nalgúns pobos e noutros non tanto, depende de onde se obteña é case imbebible. A que temos nas billas sae dos ríos e os encoros e, loxicamente, para emendar posibles contaminacións en augas superficiais utilízase cloro. As augas minerais naturais tal e como saen da terra e os mananciais van ao envase, non teñen tratamento algún. Así que é un produto diferente á auga da billa.
Véndese tanta auga mineral aquí como noutras zonas de España?
O clima é un factor importantísimo á hora do consumo, por tanto hai zonas de España onde fai máis calor e bébese máis. Pero en Galicia tamén, o consumo per cápita é un pouco inferior, pero non moito.
Os acuíferos galegos están ben protexidos?
Si. Hai unha lei que delimita perfectamente os perímetros de protección e os usos e actividades que se poden desenvolver dentro deles; están moi identificados. Non hai ningún tipo de risco.
Son moi esixentes os requisitos para poder explotar un?
Son moi esixentes. Antes de nada, para declarar unha auga mineral natural debe cumprir uns parámetros de mineralización constantes e hai que demostralo cunha analítica mensual ao longo dun ano. Ese é o primeiro paso. E o segundo é que o acuífero debe estar protexido e, xeoloxicamente, debe ser sustentable. Pero os galegos, que adoitan ser en granito, pola súa propia natureza aseguran calidade e protección.
Xunto á Asociación de Balnearios creastes o Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia. Compartides intereses ao 100 %?
As augas minerais en Galicia empezaron cos balnearios, xa que case todas no seu día eran augas mineiro-medicinais, nomenclatura que logo cambiou por unha modificación europea e derivou en augas minerais-naturais. Pero case todos os mananciais galegos que nos dedicamos a isto fomos ou somos balnearios, polo que hai unha vinculación moi estreita.
En Agamin sodes seis empresas. De Lugo están Augas de Cospeito e Fontecelta; de Ourense Cabreiroá e Augas de Sousas; e de Pontevedra Auga Sana e Sanxinés. Falta algún nome coñecido, conseguirán que se asocien?
Seguro que te refires a Augas de Mondariz, que é do Grupo Vichy e que, por razóns que non coñecemos, non participan na asociación galega, como tampouco están na nacional. Supoño que é política de empresa.
E cal é o perfil profesional que máis abunda nas vosas?
Hai de todo, pero calquera industria de envasado de auga mineral natural require como mínimo dun 50 % de enxeñeiros, farmacéuticos e persoal de laboratorio moi ben formado. Como tamén precisamos persoal técnico de mantemento ou carretilleiros.
Cal é o tamaño medios das vosas empresas, cantos traballadores tedes?
No Caso de Fontecelta somos 65 persoas, pero o cadro de persoal dos seis asociados de Agamin está na contorna das 50 persoas.
Por certo, comezaron as visitas dos rapaces ás plantas embotelladoras?
Pois será a partir de xaneiro cando se fagan.
E por que coidades que facía falta esta campaña?
Primeiro, porque agora que se tenta o control no consumo de bebidas azucradas entendemos que a auga mineral natural é a perfecta substituta. A hidratación é moi importante para todos e a rapazada toma demasiadas bebidas doces. E hai outro tema sensible que é o dos envases, temos que ensinar a nenos e adolescentes que, se reciclan ben, nós podémolos volver utilizar. E de feito reutilízanse. Así que queremos conciencialos de que deben hidratarse e tamén reciclar. Pero ademais de que, bebamos o que bebamos e onde o bebamos, non podemos deixar os envases plásticos tirados, para iso están os contedores amarelos.
(Entrevista publicada no número 331 – decembro 2018)
Comentarios (0)