Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“A figura do canteiro, o gran coñecedor do material, é insubstituíble”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 06 DE FEBREIRO DE 2019 · (0)




Dende novembro a arquitectura en pedra seca galega está incluída na lista representativa do patrimonio inmaterial da Unesco como parte dunha candidatura conxunta de na que participan oito países. Sobre este tipo de construción falamos en xaneiro con Cristóbal Crespo González, arquitecto e profesor na Escola de Arquitectura da UDC, ademais de vogal da delegación coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Nada coma cun experto no oficio para que nos conte que significa que a Unesco valore o patrimonio que supón un xeito de construír ademais do valor plástica da obra en si. E as posibilidades que hai para poder seguir mantendo a tradición da pedra en seco.

Que cres que pode supoñer o recente recoñecemento da Unesco a este tipo de obra?

Trátase dun recoñecemento certamente relevante, aínda que tardío. Pero sen dúbida redundará na mellora dun patrimonio cultural esquecido.

Entendo que en Galicia as construcións que temos son todas feitas en granito. Ou traballáronse tamén outras pedras, como noutras zonas de España?

Existen tamén moitas construcións en lousa e noutro tipo de pedras. De todos os xeitos, é o granito o que amosa máis expresividade, chegando incluso a conformar unha linguaxe propia.

En que momento comezou a ser habitual cubrir a pedra? Agora todo o mundo a quere á vista pero non hai tanto cubríase. Tiña algunha lóxica illante facelo?

Si, o recubrimento da pedra con morteiros de cal era unha necesidade construtiva para acadar a impermeabilidade nos muros de cachotería, non para os de sillería. A gran maioría destes muros de cachotería non tiñan calidade nin de execución, nin de uso do material para ser expostos á vista. A ausencia de cal en Galicia, e o uso de recheos e morteiros de arxila requiriron un revestimento impermeable e protector contra os roedores. Poucas construcións podían permitirse asumir economicamente o revestimento de cal, e eses foron os que chegaron en maior medida ata os nosos tempos en mellor estado de conservación. É preciso lembrar que o cemento artificial é un produto moi recente.

E cando comezou o proceso contrario, a recuperación polo amor á pedra?

O amor á pedra sempre existiu, máxime no pasado. Aínda hoxe é un material totémico na mentalidade colectiva dos galegos así como a figura dos mestres canteiros que, con moito esforzo e coñecemento, labrárona. Agora é cando está en risco de perda todo ese coñecemento, tecnoloxía e mesmo referencias culturais, como por exemplo cando se repican os muros de cachotería e énchense as xuntas con morteiros de cemento da mesma cor. Recordo unha cita moi apropiada do arquitecto e catedrático de Proxectos Arquitectónicos, Rafael Baltar que dicía que “en Galicia, a pedra era á arquitectura coma o latín ao linguaxe, pero que mesmo en latín podían dicirse tolerías”.

Son as dúas formas de entender a pel dun edificio igual de válidas? Ou un material nobre está obrigado a deixarse ver?

Non toda pedra é nobre, nin se teñen que ver todas as pedras. Os valores de uso de todos os materias, tanto da pedra coma daqueles artificiais e mesmo materiais naturais que non resultan tan nobres radican no acerto na súa integración paisaxística e no deseño arquitectónico. 

En Tectónica 7 escribiron que “a xunta seca pódese considerar como o procedemento máis elemental de unión en arquitectura, á vez que representa, paradoxalmente, o grao máis sofisticado dos sistemas construtivos”. É unha boa definición?

Dentro dos parámetros da arquitectura tradicional, si, é unha boa definición.

Hai algún traballo ou estudo feito sobre estas construcións en Galicia que poidas recomendar para quen quiera saber máis?

Si. Por citar os máis relevantes dos que coñezo son: “C.M. seca. Construcciones de junta seca en Galicia”, feito por varios autores e editado polo COAG en 2002; “As construcións da arquitectura popular en Galicia” de Caamaño, M. e publicado por Hércules de Edicións en 2006; “Arquitectura popular en Galicia”, de De Llano e editado polo COAG en 1981, e finalmente a obra “As construcións populares: un tema de etnografía en Galicia” de Bas B. e Ediciós do Castro, publicado en 1983.

Temos estudos de arquitectura que hoxe ofrezan facer algún tipo de traballo con esta técnica?

Si, si que hai empresas e estudos que utilizan estas técnicas, e tamén arquitecturas que a demandan.

Resulta unha obra cara?

A construción con xunta seca está feita con materiais naturais pero tamén con outro tipo de materiais, así que custo económico non é maior.

E en canto a dificultade técnica? Precísanse de canteiros, é obrigatoriamente artesá?

Realmente pódense usar técnicas de xunta seca tradicionais e tamén modernas. A demanda da tecnoloxía a empregar dependerá da técnica elixida, non necesariamente artesá. Hoxe ferramentas e tecnoloxías permiten novas solucións e novos xeitos de traballar a pedra polo que as posibilidades amplíanse. De todos os xeitos, considero que a figura do canteiro, o gran coñecedor do material e da tradición, é insubstituíble.

É sabido que hai revisións de vellos sistemas construtivos dende ópticas contemporáneas. Pasa iso con este sistema de mampostería na arquitectura de hoxe? 

Si, hai solucións de construcións de cachotería a dúas caras que reinterpretan as funcións das diferentes follas, tanto no uso estrutural como enerxético.

A lide entre arquitectura internacional e arquitectura digamos con “denominación de orixe”, veu para quedar?

O certo é que nunca deixou de existir esa “arquitectura con denominación de orixe”, aínda que sempre hai posicións irreconciliables... pero a arquitectura debe ser equilibrada e a súa construción a axeitada as necesidades e usos do seu propio tempo.

(Entrevista publicada no número 332 - xaneiro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)