“O meu traballo consiste en seleccionar as mellores startups de Europa e axudalas a medrar ou acelerar o seu crecemento”
Aseguran os expertos que Galicia reclama o regreso do talento “emigrado” pola crise económica pero quen vai traballar fóra, especialmente ao norte de Europa, segue sen ver no noso mercado laboral, e empresarial, condicións para volver. É o caso do enxeñeiro Roi Rodríguez quen, despois de varios anos traballando para FundingBox desde Vilagarcía de Arousa decidiu trasladarse, con toda a familia, a Dinamarca. A súa muller atopou traballo ás semanas de chegar e o fillo adaptouse perfectamente á nova vida, idioma e cultura. Un cambio sen traumas que invita a valorar o que lle falta á nosa economía para sermos competitivos.
En que consiste o teu traballo en FundingBox?
Xestiono aceleradoras de startups e pemes financiadas pola Unión Europea a través do programa de I+D Horizon 2020. Basicamente o meu traballo consiste en seleccionar as mellores startups de toda Europa no seu campo e axudalas a medrar ou acelerar o seu crecemento. Para iso as startups e as pemes reciben financiamento de ata 250.000 euros e un programa de apoio online que inclúe mentorización dos mellores no sector –como executivos de Google, Booking, inversores ou expertos en produto–, formación e apoio para conseguir financiamento, entre outros.
Cantas persoas traballades?
En FundingBox somos unhas 40 persoas distribuídas entre España, Polonia e Dinamarca. Actualmente en Dinamarca somos tres traballadores. En Polonia está a central administrativa da empresa e o departamento legal e en España o equipo de marketing, así que traballamos moi de preto con todos eles.
Como é o teu día a día?
Unha das cousas que máis me gusta deste traballo é que non hai tempo para a rutina. Se estou en Odense normalmente vou un ou dous días á oficina a reunirme con socios, potenciais clientes ou cos meus compañeiros. Ademais teño reunións online cos distintos socios de toda Europa, en cada proxecto colaboramos cos mellores no seu sector. Entre os nosos socios hai entidades de investigación de toda Europa, grandes corporacións como Ferrovial ou Danone, inversores como Kibo ou Accelerace, e expertos en comunicación e aceleración como a Mobile World Capital ou ISDI. Se temos convocatoria aberta para seleccionar unha nova ronda de empresas dedícolle tempo a facer scouting de empresas e á diseminación da convocatoria.
Pero supoño que nesa escolla haberá que moverse, aínda que as novas tecnoloxías teñan facilitado moito a comunicación.
Normalmente viaxo cinco ou seis días ao mes, para reunións ou eventos dos proxectos que xestiono. E tamén para participar en eventos de terceiros como Web Summit, Slush ou European Robotics Forum, nos que vamos a procurar empresas para os nosos programas e novas oportunidades de negocio, polo que tratamos de participar como speaker en tantos como nos sexa posible, xa que é unha moi boa forma de darte a coñecer.
Neste tempo haberá xa algún proxecto especial que saíra adiante…
IMPACT, a primeira aceleradora que comezou no ano 2014, a través da cal aceleramos máis de 120 empresas en sectores como Smart Cities, Manufacturing, Agrigood, Contidos ou Mobilidade nas que se investiron máis de 13 millóns de euros. Foi recoñecida entre as dez mellores aceleradoras do mundo nun informe de Gust. Agora mesmo estou de retirada en IMPACT. As actividades na aceleradora continúan pero eu estou centrándome nos programas de aceleración de robótica e intelixencia artificial, o obxectivo é converter RobotUnion nunha aceleradora de referencia a nivel mundial en robótica e tamén situar AI4EU como unha aceleradora de referencia en intelixencia artificial.
Como chegas a esta empresa? Que fixeches antes?
Estudei enxeñería de telecomunicación en Vigo, ao acabar traballei cunha beca en Vodafone e como planificador radio. Con 26 anos unha empresa contratoume en Valladolid para xestionar unha pequena parte dun gran proxecto que tiña como obxectivo dar cobertura de telefonía móbil a pequenas poboacións. Ás dúas semanas o responsable da delegación en Castela e León tivo que deixar o traballo por problemas persoais e propuxéronme tomar o seu relevo, dixen si sen pensar. Os primeiros meses foron moi duros, e tamén un máster acelerado en xestión, e marcaron o resto da miña carreira. Dende aquel momento adiqueime á xestión. Durante 10 anos estiven no sector da telefonía móbil, onde cheguei a levar equipos de máis de 200 persoas e contas de resultados de 12 millóns de euros anuais. A aventura na telefonía acabouse tras pasar pouco máis dun ano en Brasil, ao volver tiña claro que quería cambiar de sector.
E tentáchelo no sector audiovisual. Como foi esa experiencia?
Uns anos antes do de Brasil fundara unha produtora de cine así que decidín dedicarme un tempo a iso e a transmedia. Conseguimos facer unha curta La Carne Cruda e meter un proxecto de longa en varios foros de coprodución, como Cannes e Locarno. En transmedia comecei un blogue e participei en varios eventos que me permitiron coñecer grandes nomes do sector como Jeff Gómez ou Simon Staffans.
Despois destas experiencias profesionais, que destacarías do teu traballo actual en FundingBox?
En FundingBox teletraballamos, traballamos desde a casa, é algo que adoro. Ademais movémonos a nivel europeo, o que che permite traballar nunha contorna internacional.
Tamén destacaría o bo ambiente de traballo que hai na empresa. Non é fácil tendo xente de varias nacionalidades e con culturas diferentes, de feito a barreira cultural é difícil de superar nun principio. Por outro lado a festa e a diversión está no ADN desta empresa e sempre que nos reunimos temos cea e baile. O que non quita que todos traballemos duro.
Por que marchar para Dinamarca cando levabas xa uns anos traballando desde Vilagarcía de Arousa sen problema?
Imaxino que porque tiña que pasar. Cando era pequeno tras ver Brazil, a peli de Terry Gilliam, non me quitei a banda sonora durante anos e tiña claro que algún día iría a Brasil. Ao final fun de visita no 2004 porque Rosa, a miña parella, estaba traballando alí. E anos despois, no 2011, a primeira oferta que recibín na miña vida para traballar fóra de España foi para ir a Brasil. Non foi buscado, foi a través dun antigo xefe.
Ao volver de Brasil e tras decidir deixar a produtora e o transmedia comecei a buscar traballo en España. A oferta en plena crise era pobre e as condicións moito peores que anos atrás así que lle dixen á miña muller, “creo que vamos ter que emigrar outra vez”; ela preguntoume a onde e, tras analizalo, díxenlle “a Dinamarca”. Isto foi fai máis de cinco anos. Ao final atopei traballo en España relativamente rápido e desbotei esa idea. E xa ves, aquí estou, en Dinamarca. Agora estou pensando en irme ao Caribe ou a Dublín, así que supoño que nuns anos alguén me fará unha oferta para irme para alá…
Que tal a adaptación familiar en Dinamarca, especialmente cun neno de 8 anos?
É unha oportunidade única para min e para toda a familia. Para min, porque estou traballando en Odense, un dos maiores hubs de robótica de toda Europa. Aquí fundáronse empresas como Universal Robots, Mobile Industrial Robots ou On Robot que son referencia a nivel mundial. Todos os anos saen novas empresas como Purple Robotics, que nun ano, e con só tres traballadores, foi vendida por 7 millóns de euros, e outras que soen estar no ranking das empresas máis prometedoras en robótica a nivel mundial. Traballar cos mellores é un privilexio que che permite aprender e mellorar todos os días. E como dicía Bruce Lee na súa vertente de filósofo “dá, cando menos, un paso cada día para alcanzar a túa meta”; iso aquí é moito máis fácil.
Ademais o meu fillo estuda nunha escola internacional con nenos de todo o mundo: Polonia, China, USA, Alemaña… Nuns meses xa fala inglés perfectamente, ten materias de tecnoloxía ou drama e en matemáticas traballa con robots. A miúdo digo “eu fixen o Erasmus con vinte e tantos e cambioume totalmente a vida, el está facéndoo con 8”. E Rosa comezou a traballar na miña empresa aos tres meses de chegar, así que as cousas non poden ir mellor.
Así que a adaptación foi total, non hai ningún dos problemas do emigrante que chega?
Foi moito mellor do que esperabamos. Xián tiña moitas dúbidas antes de vir e adaptouse moi rápido. Ao chegar á nosa casa por primeira vez dixo “gústame; a ver que tal a escola”. Empezou a quedar a xogar cos compis despois da escola ás catro semanas. Aquí acaban a escola ás 14:00 h pero poden quedar ata as 16:00 h a xogar, facer música, arte etc. Nós non temos familia aquí, así que Xián está no colexio no mesmo horario no que traballamos, de 8:00 a 16:00 h, o que facilita a conciliación. Ten moitos amigos e xa fixo varias festas de pixama nos primeiros meses. Para os maiores leva máis tempo crear unha rede de amigos. Eu xogo a baloncesto e Rosa vai a clases de danés para facilitar a adaptación.
É un proxecto de vida a longo prazo ou gustaríavos volver pronto?
En principio firmamos por dous anos e medio, ata finais de 2020. Pero nunca sabes. O que está claro é que seguramente esta non sexa a última parada.
Como se ve España en Dinamarca?
Como país de sol e praia. Hai moita xente que pasa as súas vacacións en España. Pero tamén nos ven como inmigrantes, non no meu ambiente de traballo pero cando coñeces alguén fóra dese ambiente é normal que che pregunten a que cole vai o teu fillo, ou onde vives, supoño que a inmigración vese de distinto xeito dependendo do nivel adquisitivo.
Como vedes vós a situación económico-social de España desde aí?
Sería marabilloso ver en España iniciativas como as de Odense onde, en apenas sete anos, a unión de goberno, academia, centros de investigación e empresas permitiu que o número de empresas en robótica pasara de 30 a máis de 120 e multiplicar por 8 ou 9 o número de traballadores no sector. Unha das maiores virtudes dos daneses é a colaboración, saben que unindo forzas teñen máis posibilidades de éxito e é algo que lles sae de forma natural. Oxalá se dera a mesa situación en España.
(Entrevista publicada no número 334 - marzo 2019)
Comentarios (0)