Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Ribeira Sacra, o destino que merece ser Patrimonio Mundial



REDACCIÓN · PUBLICADO O 20 DE MAIO DE 2019 · (0)




A súa demanda turística creceu case un 50 % no últimos sete anos e non é difícil entender por que. Por iso non sorprende a súa candidatura para formar parte do Patrimonio Mundial da Unesco. A Ribeira Sacra é un dos Bens de Interese Cultural máis extensos de España e un auténtico tesouro natural.

Con máis de 1.200 bens singulares repartidos ao longo de 16.500 hectáreas protexidas, e bañada polos ríos Miño, Sil e Cabe, a Ribeira Sacra é unha aposta segura para quen busca coñecer Galicia. Ofrece unha natureza única de bosques e prodixiosos viñedos que van dar ás tranquilas augas fluviais que transcorren polos canóns navegables, sinal de identidade deste territorio. E, por riba, atesoura un valioso patrimonio, no que non faltan castelos, igrexas, pazos ou pontes e restos arqueolóxicos que van desde a Idade do Bronce ata o Imperio Romano.

Non obstante, un dos grandes atractivos da Ribeira Sacra é a concentración de arte románica que posúe. Hai documentados 85 mosteiros en apenas 165 m2dos que queda boa mostra en lugares como Santo Estevo de Ribas de Sil, antigo convento cuxo edificio foi totalmente rehabilitado e integrado na rede de Paradores Nacionais, ou o de San Pedro de Rocas, un templo escavado en roca viva que semella unha primitiva cova.

Os canóns naturais creados fai millóns de anos nas beiras dos ríos Sil e Miño son un dos grandes atractivos da Ribeira Sacra. Navegar por eles nos cruceiros en catamarán é unha das experiencias máis demandadas por quen visita esta zona. Pero tamén sorprenden as vistas desde os miradoiros colgados sobre o río, ideais para a contemplación dunha paisaxe de inusual beleza.

Paisaxe, patrimonio e viño

Outra das sorpresas que encerra este territorio son os socalcos, os empinados viñedos cuxo traballo require un esforzo heroico. Recursos únicos que só poden verse neste lugar de Galicia, berce do afamado viño de Amandi, que forma parte dunha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas da comunidade.

Pero tamén e esta unha terra de bosques que se converten en perfectos reclamos para xornadas de sendeirismo entre carballos, castiñeiros, sobreiras e madroños, moi pouco habituais en Galicia. Imprescindible pasear polo bosque benedictino de Santa Cristina de Ribas de Sil, en Parada de Sil; polo de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, ou polo Bidueiral de Montederramo, que alberga un dos bosques de bidueiros mellor conservados de Galicia.

Os centros históricos da Peroxa, Pobra de Trives, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil e Xunqueira de Espadañedo na provincia de Ourense e Pobra de Brollón, A Teixeira, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober e Taboada en Lugo completan a excepcionalidade deste destino, un dos máis singulares do mundo.

Espiritualidade, patrimonio e natureza son tres dos criterios nos que se sustenta o valor universal desta zona que a fai merecedora da candidatura a Patrimonio Mundial.

(Reportaxe publicada no número 336 - maio 2019)


 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)