Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia perde máis de mil oficinas bancarias nunha década



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 03 DE XULLO DE 2019 · (0)




Máis de 40 municipios galegos non teñen ningunha oficina física tras a radical transformación do sector bancario nesta última década que rematou co 40 % das sucursais existentes, moitas delas pertencentes ás caixas e bancos galegos. Arestora, seis marcas controlan practicamente o 92 % do mercado. E os peches continúan en Galicia á par que a perda de empregos no sector, máis de 4.500 en 10 anos.

Un total de 41 municipios, segundo o Banco de España non teñen ningunha oficina bancaria física, o que supón o 13 % do total e afecta ao 1,9 % da poboación. Así o indica un recente informe do Banco de España que sitúa a Castela e León como a comunidade coa rede de oficinas “máis débil” ao contabilizar 1.777 municipios sen sucursal, o que afecta ao 15,1 % da poboación castelá-leonesa. No conxunto do estado máis da metade dos pobos non teñen oficina de banca, o que dá unha idea da situación.

A finais do ano pasado o Banco de España xa falaba dun 39 % menos de oficinas no seu informe “Cierre de oficinas bancarias y acceso al efectivo en España” no que tamén aseguraba que a falta de oficina física “non implica necesariamente […] unha situación de exclusión financeira”, en alusión ao “aumento significativo” do uso da banca online “que permitiu contrarrestar dalgunha maneira os efectos del peche de oficinas”. Pero advertía xa o Banco de España dunha situación que afecta especialmente a Galicia: “O uso das facilidades online entraña certa dificultade para determinados segmentos da poboación, en particular as persoas de avanzada idade, residentes en zonas rurais”.

Precisamente malia que Galicia non é das comunidades máis afectadas por número de poboación –apenas un 2 % dos galegos non teñen acceso a unha oficina bancaria fronte a ese 15,1 % dos castelán-leoneses, o 5,7 % dos estremeños ou o 4,4 % de cataláns ou valencianos– xa que os peches se concentraron en municipios rurais, os máis afectados pola despoboación, é nestes onde a fenda dixital se converte nun muro infranqueable para os seus habitantes. 

Envellecemento e dispersión agravan a situación

Pese a non termos as peores cifras, a perda de case mil sucursais en Galicia supón un grave problema para unha comunidade marcada polo envellecemento e a dispersión da poboación, dous factores que complican o acceso tanto ás oficinas físicas –afastadas xeograficamente– como ás online –de difícil acceso para as persoas de máis idade–.

Así o explica a ECO un empregado de banca que superou varias “integracións” que o levaron dunha oficina nunha parroquia da Estrada ata unha sucursal do casco urbano […]

En perigo 135 oficinas máis

Xustamente a duplicidade de sucursais de Popular e Santander ameaza arestora 135 oficinas, un terzo da rede actual. A dirección do Santander presentou o pasado mes un extenso documento coa xustificación técnica do ERE que afectaría en total a 3.700 empregos e unhas 1.150 oficinas. Nese informe alégase a necesidade de eliminar as duplicidades tras a compra do Popular, nun contexto marcado pola escasa rendibilidade do negocio bancario polos tipos cero e o avance dixital. Os sindicatos preparan un contrainforme para reducir o impacto dese axuste que afectaría en Galicia a 271 traballadores (un 14,14 % do total). Unha cifra especialmente elevada na nosa comunidade polo peso do Banco Pastor e que se sumaría aos 4.513 postos de traballo perdidos na última década, segundo os datos de UGT, o que suporá un novo mazazo ao sector en Galicia.

E ás perdas laborais súmanse as oficinas que pecharán de aquí ao próximo ano con motivo desta nova integración: 64 na Coruña, 37 en Pontevedra, 19 en Lugo e 15 en Ourense. Galicia sobrepasará así a simbólica cifra do millar de sucursais pechadas nunha década, máis do 40 % das existentes antes da crise. Os últimos datos do Banco de España, correspondentes ao peche do terceiro trimestre de 2018, indican que na comunidade quedaban 1.540 oficinas bancarias operativas, a cifra máis baixa desde 1977 […]

Todo isto leva aos sindicatos a asegurar que seguimos inmersos nunha reconversión do sector que cambiará completamente o modelo financeiro ata agora coñecido. E, unha vez máis, serán as novas tecnoloxías as grandes beneficiadas deste difícil camiño que estamos andando con non poucos atrancos.

(Extracto da reportaxe publicada no número 337 - xuño 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)