Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Vermú baixo o sol



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 18 DE XULLO DE 2019 · (0)




Vermú, vermut ou vermouth? En castelán e galego é vermú pero ninguén dirá nada se pos o 't' finalFalarás do mesmo: desa intensa bebida de aperitivo que recuperou o corazón das novas xeracións tras anos postergada. Vai por detrás de cervexa e viño en afección e consumo, pero ten un mercado estable e cada vez máis sofisticado.

Realmente a palabra é unha variante da alemá wermut que significa ajenjo (absintio), unha das imprescindibles herbas que debe levar este viño aromatizado cuxa orixe lendaria é que foi creada polo médico grego Hipócrates (460-370 a. C.). O do xuramento.

Mito ou certeza o que xa está máis documentado é que a Baviera do século XVI viu nacer os “wermut”, pero –ao César o que é do César–, foron Antonio e Beneditto Carpano, no Milán de finais do s. XVIII, os creadores do concepto moderno. De feito déronlle nome á casa Carpano, fundada en 1782 e cuxo alegre cartel feito en 1950 polo turinés Armando Testa para a firma ilustra a apertura. Uns 50 anos máis tarde os irmáns Luigi e Guiseppe Cora conseguiron industrializar a produción e foron xurdindo marcas coma Cinzano (1860) e Martini (1863).

En España produciuse por primeira vez por iniciativa de Enrique Yzaguirre Basterreche, fillo de vascos de Zumárraga que, aconsellado polos irmáns, marcha a vivir a Cataluña onde fundará as coñecidas adegas en 1884. Hoxe a zona fica coma unha das grandes produtoras españolas de vermú pero xunto ás empresas madrileñas e valencianas, seguidas das galegas e andaluzas.

Gusta máis ás mulleres

Diferentes estudos de consumo así o recollen: temos preferencia por estes viños brancos (o ton avermellado conséguense engadindo caramelo maiormente) e cunha gradación alcohólica notable: entre 16 º e 19 º. É fácil de beber e non ten gas, o que axuda a unha dixestión máis rápida, se se toma con moderación, visto é. Ten tamén, coma o viño, antioxidantes.

Con todo a cervexa, cun 48 %, segue á cabeza de preferencias populares para o 'picoteo', seguida moi de preto polo viño cun 37 %.Pero o vermú xa está nun digno 9 %, segundo un recente estudo sobre hábitos de consumo dos españois elaborado por Corporación Vinoloa. Ademais, é unha bebida a prezo razoable: o dos galegos que aquí reseñamos oscila entre os 9 e os 15 euros por botella de litro, apto para case calquera peto.

Ver copas e vasos co toro de laranxa xa é bastante habitual en rúas e terrazas. Antes tomábao a xente máis maior pero agora gaña adeptos entre os e as trintaneiras que comezan a gozar da luz do día –moitos cun carriño de bebé ao lado– para estar coas amizades. Ata hai locais especializados ou que ofrecen unha oferta notable de marcas, incluído o vermú de barril. Na Coruña está Vermutería Martínez, por exemplo; na compostelá Rúa Raíña Vermutería La Fabulosa, e o último bar de alterne do lucense barrio da Tinería é agora unha delas; O Miño Therapy, vermutería e hostel con 23 referencias en botella. Saúde.

  • VERMÚ RIVERA. Rapaz novo na oficina
  • NORDESÍA. Pioneiros
  • CIOBRA. Un bo día
  • POVARELO. Branco sobre negro
  • LA FABULOSA. Unha historia de amor
  • LODEIROS. Ao gusto do consumidor
  • BOTAFUMEIRO. Premiado
  • GREEN MIXOLOGY ORGANIC VERMÚ. Ecolóxico

(Extracto da reportaxe publicada no número 337 - xuño 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)