Longa vida á nosa costa
Estamos á cabeza de España en quilómetros dela con 1.500, percorridos por praias a gozar segundo teimas e querenzas: con ondas ou recollidas, de ría ou a mar aberto, recónditas ou con chiringuitos e chancleteo. Non é van orgullo, son obxectivamente moi fermosas e cada ano suman etiquetas: Q de calidade, aptas para cans, prohibidas a fumadores ou perfectas para surfeiros; mentres as mariscadoras non perden a vista os furtivos en bañador.
Nas nosas máis de 750 praias ondean agora mesmo 107 bandeiras azuis pero quéixanse de certa escaseza do prezado tesouro de ver as camisetas amarelas dos socorristas. O ano pasado unha vintena de concellos non logrou cubrir as prazas para vixiar os seus areais. A Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia é unha das que imparte os cursos que habilitan para exercer e asegura que viu como diminuía o número de persoas interesadas en facelos pola pouca calidade laboral.
S.O.S.
As inscricións no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia que existe desde 2012 apuntan na mesma dirección. O pasado xullo había 5.209 persoas, 300 menos que en xullo de 2018, se ben segundo datos da Xunta eran máis de 5.700. Mentres, Servizos da Confederación Intersindical Galega (CIG-Servizos) rexeitaban o convenio de Xunta e Federación de Municipios e Provincias (Fegamp) para crear unha bolsa de socorristas que servise para atender os servizos que queden sen cubrir denunciando que garante “precarización e pon en risco, máis se cabe, a vixilancia. A razón de que os areais galegos non conten con persoal disposto a traballar é polos baixos salarios e as malas condicións laborais”.
[…] Agora estanse avaliando alternativas como a creación dunha nova figura de auxiliar, como sucede coa Policía Local, para complementar o traballo dos socorristas e con menores requisitos de formación. Tamén a posta en marcha dunha bolsa centralizada na Academia Galega de Seguridade Pública.
En vermello
O 10 de xullo toda a Cámara galega apoiaba unha moción do PSdeG na que se reclama á Xunta adoptar medidas "inmediatas" para reducir os indesexables residuos plásticos en praias e fondos mariños mentres a Xunta deféndese e di que en 2020 xa estará en marcha a lei para frear o impacto de plásticos en Galicia. Ademais dos residuos evidentes, algunhas zonas en Galicia non son recomendables para o baño pola mala calidade das augas, nalgún dos casos ata as fluviais. Están na actual listaxe de prohibición da Dirección Xeral de Saúde Pública 18, pechadas permanentemente. Só por citar algunhas, Barrañán (Arteixo); Camelle e Area da Vila (Camariñas); A Concha (Cariño); A Concha e Lires (Cee), Santa Cruz Porto (Oleiros), e Centroña e Ver (Pontedeume).
Con todo e cunha perspectiva global, os resultados para a calidade da auga de baño en Galicia son bos, segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente que no relativo a Galicia analizou 502 praias tanto en leitos de ríos, como marítimas e lagos e lograron facerse coa máxima puntuación cunha calidade de auga “excelente” o 85% […] Ademais, as cifras melloran ano a ano polo que Galicia conta con 21 praias con calidade Q turística certificada sendo Sanxenxo quen acapara 11.
Sen fumes
Si, tamén hai xa praias onde non se pode fumar: 141 de 64 concellos galegos, dez deles con todas as súas praias dentro da rede. Se vas a Baiona, Corcubión, Rianxo, Barreiros, A Guarda, Noia, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Dumbría e Cabana de Bergantiños non abras a caxetilla. Ademais, outros 13 contan coa categoría de prata, é dicir, como mínimo, teñen a metade das praias do concello dentro desta rede sen nicotina. […]
E para quen non dispoña de coche e queira saír das praias de río a sentir a brisa do mar, a empresa Monbus ofrece desde Ourense unha liña domingos e festivos que vai ata as praias de Sanxenxo, Portonovo, Montalvo e A Lanzada antes de chegar á Toxa. Outra opción ten como destino Samil, o mesmo areal ao que poden acudir os veciños de Verín e Xinzo. Son viaxes de ida e volta no día e en funcionamento ata o 1 de setembro para gozar, se se quere, dalgún dos chiringuitos que hai ou dos que se vaian a abrir.
Caña de solpor
Xa é oficial: dende o pasado 3 de maio case mil praias de Galicia poden albergar, segundo a tipoloxía, chiringuitos en primeira liña de marea. A súa superficie máxima é de 300 metros cadrados nos areais catalogados como urbanos, mentres que nos naturais o límite será de 70, ademais da obrigatoriedade, neste caso, de ser desmontables para funcionar só desde o primeiro de maio ao último día de outubro.
Entre os que levan tempo funcionando con éxito e agarimo da clientela están Sinás en Raxó, Pontevedra, pegadiño á ría; Calma Chicha de Fisterra, con cervexa ben fría e boa música; O Alpendre en Doniños, Ferrol, con vistas acordes á praia, e o Bar Praia Lires para gozar de polbo, luras e mariscos. Non esquezamos que comer e beber na praia é un hábito tan arraigado como pasear pola beira. Apenas o 10 % espera a volver a casa para levar algo a unha boca famenta tras os bañossegundo unha recente enquisa de Deliveroo. Menos do 50 % dos que levan a comida de casa fano todos os días de praia. Esta opción queda para as familias, que xeralmente teñen que axustar orzamentos si ou si.
(Extracto da reportaxe publicada no número 339 - agosto 2019)
Comentarios (0)