Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Vigo defínese polo que non é”



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 09 DE OUTUBRO DE 2019 · (0)




O macabro asasinato dun dos últimos representantes da estirpe empresarial máis grande de Vigo na súa propia fábrica de conservas sérvelle ao detective Manuel Peixoto para descubrir a historia do sector e da cidade. E a Beto Luaces para artellar a trama de VICVS Un lugar aquelado, segundo título da serie de novela negra cuxo primeiro libro vén de ser reeditado con enorme éxito. Tanto que foi o título máis prestado na Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo o pasado ano. Falamos do fenómeno VICVS co seu autor.

Vén de publicarse o segundo título da serie que coincide coa reedición do primeiro. Agardaba o éxito de Vicvs?

Supoño que todo escritor pensa que a súa obra é marabillosa e que vai ter un éxito mundial (risas)... Mais o certo é que me sorprendeu a boa acollida que tivo, tanto da crítica como dos lectores, e iso foi unha boa inxección de folgos e de moral para continuar coa serie literaria.

A idea de que fose unha serie xa estaba pensada de antemán ou xurdiu coa primeira novela?

O primeiro que xurdiu foi a historia no meu maxín, despois a novela Vicvs. Un lugar do común, e cando rematei esta comprendín que tiña material para continuar e facer unha serie.

Foi moi distinto artellar esta segunda historia despois do primeiro libro?

O primeiro libro converteuse no quilómetro cero da serie, foi a presentación da historia, dos personaxes e dos territorios. O segundo libro pode considerarse como se fose o primeiro libro da serie, cun protagonista claro, o detective Manuel Peixoto, que vai ser o protagonista da serie toda. O certo é que me resultou máis doado facer este segundo libro, xa tiña unha base onde asentar a trama.

No primeiro título, Vicvs. Un lugar do común, mestura o Vigo da última crise cunha visión non edulcorada da emigración galega a América, e conecta ambas realidades a través dun crime. Como xorde esta historia?

Sinceramente... non o sei. Na derradeira semana do ano 2012 xorde na miña cabeza o primeiro capítulo da trama e, antes de que rematase aquel ano, xa estaba a escribilo. Despois, a trama acadou vida propia e… foi por onde ela quixo. Aínda hoxe me parece incrible como aconteceu todo!

Vostede naceu no seo dunha familia emigrada. Hai algo autobiográfico na novela?

En principio non hai ningún dato autobiográfico, aínda que, para evitar tentacións, situei a parte da trama que atinxe á emigración noutro país distinto de onde meu pais emigraron e onde eu nacín. [O autor naceu en Uruguai e a trama “exterior” da primeira novela sitúase en Venezuela].

Moitas persoas sorpréndense ao coñecer a historia que motivou Viaxe ao país dos ananos de Celso Emilio Ferreiro. Temos unha visión demasiado compasiva da emigración?

Penso que temos unha visión un tanto idealizada da emigración. Como se explica na trama do primeiro libro entre o grupo de emigrantes galegos que se espallaron polo mundo había xente de todo tipo e condición e, polo tanto, non é de estrañar que algún deses paisanos nosos non tivesen unha ética moi elevada. Celso Emilio Ferreiro bateu con eles en Caracas e por iso escribiu o seu poemario tan polémico.

Eu diría que a principal diferencia do primeiro título co segundo, Vicvs. Un lugar aquelado, é o ton, moito máis próximo á novela negra ou policial clásica. É algo buscado?

Coincido con esa apreciación. No primeiro libro o protagonista é un arquitecto que se ve envolto nunha trama negra sen el querelo. No segundo, o protagonista é un detective privado, que ten algúns tópicos do protagonista máis clásico da novela negra, aínda que ten a idiosincrasia propia de ser vigués. Todo iso foi buscado.

Malia a ter xa como fío principal o esclarecemento dun asasinato, hai de novo nesta segunda novela un interese pola historia local, neste caso a historias das sagas conserveiras. Por que este tema?

O asasinato é unha escusa para falar do momento actual da cidade de Vigo e da súa historia. O tema das sagas conserveiras dos fomentadores cataláns que chegaron a Vigo hai máis de 200 anos está escollido a propósito. Eles son os creadores da cidade tal e como hoxe a coñecemos e, polo tanto, tamén é un bo punto de partida para o inicio da serie, para o inicio da carreira do detective… Cando eles arribaron a Galicia, Vigo non era máis que unha aldea de pescadores no Berbés. Eles industrializaron a salga e deron o salto á conserva. Non demoraron en seren a auténtica burguesía local, por iso Eduardo Blanco Amor os catalogou como “A Sardiñocracia”.

O libro foi presentado nun dos escenarios da novela, o Museo da Conserva de Vigo e con presenza do secretario xeral de Anfaco e do catedrático Xoán Carmona , unha das voces autorizadas na historia das sagas galegas do sector. Como foi a experiencia?

A experiencia foi marabillosa. Presentar o libro nun dos escenarios da trama foi ben… aquelado. Tamén o respaldo de Anfaco e do catedrático Xoán Carmona. Agora, estou á espera de ver como os lectores do sector da conserva se involucran na trama e, sobre todo… se lles gusta.

Ademais de Vigo, hai unha presenza constante nas dúas obras: a serra do Suído. Por que?

Precisaba dun escenario rural para a serie toda, non quería que só fose urbana. Quixen contrastar o urbano co rural, o presente co pasado, a ría coa montaña. A escolla da serra do Suído –que atinxe os concellos de Covelo, Fornelos de Montes, A Lama, Avión e Beariz– foi doada, xa que a miña familia paterna procede de aí e é un territorio que coñezo ben. Cando me documentei da zona, descubrín que existían uns elementos etnográfico, paisaxísticos e culturais propios que encaixaban moi ben na trama da serie de novela negra. Foi unha alegría enorme!

O primeiro título foi o libro máis prestado o ano pasado na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, por riba de Patria de Aramburu ou dos éxitos de Joël Dicker ou Dolores Redondo. Foi unha sorpresa?

Foi unha nova sorpresa! Eu sabía que o libro estaba a funcionar moi ben nas bibliotecas, mais non agardaba que chegase a ese nivel de aceptación.

Ademais de escribir, os autores teñen agora un importante labor de visualización social: presentacións, medios de comunicación, feiras do libro… É importante o labor de marketing para dar a coñecer unha obra hoxe en día?

É fundamental. O nivel de produción literaria é enorme e se non te moves, ninguén vai coñecer a túa obra. O mundo literario mudou e debe adaptarse a esta nova situación se quere sobrevivir e os autores tamén. […]

Hai unha evidente eclosión de autores en Vigo relacionados coa novela negra ou policial. É certo que non todos se axustan –ou se senten cómodos– dentro do xénero pero vostede si que reivindica esa etiqueta de “novela negra viguesa”. Que características ten?

Eu estou cómodo con esa etiqueta. As historias que desde un punto de vista de xénero negro escribimos os escritores vigueses teñen, sen dúbida, como característica principal que a cidade é un personaxe máis da trama. A partir de aí, cadaquén pode argumentar a favor ou en contra desa denominación, mais o que está ben claro é que xa somos un bo feixe de autores que facemos xénero negro na cidade. O tempo ha dicir se iso se consolida ou non.

Aseguraba nunha entrevista recente que a “idiosincrasia de Vigo é moi propicia para a novela negra”. Por que?

A cidade é senlleira e non ten comparanza con ningunha outra cidade en Galicia. Vigo defínese polo que non é. Non é capital de provincia, non é unha cidade burguesa –no peor sentido da palabra–, non ten poder político nin administrativo ningún, non é moi relixiosa, non… Pola contra, é unha cidade moi dinámica e chea de contrastes, con xente de moitas partes de Galicia e do mundo, cunha parte rural moi importante e unha traza urbana caótica, un porto importante, con moita historia… e todo iso dá moito xogo para as tramas de novela negra.

Como convencería a alguén para que lese Vicvs?

Os libros de Vicvs están encadrados no xénero de novela negra. Con todo, as tramas que desenvolve poden interesarlles a outros lectores que gustan doutros xéneros e están abertos a ler cousas diferentes. Nas tramas de Vicvs hai historia, paisaxe, etnografía, tradicións galegas, mitoloxía, arquitectura –urbana e rural–, música, relixión… e, por suposto, novela negra! […]

(Extracto da entrevista publicada no número 340 - setembro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)