Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Máis que amigos



POR ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 05 DE DECEMBRO DE 2019 · (0)




Non hai dúbida dos enormes lazos emocionais que temos con moitos animais, sobre todo co can, marabilloso compañeiro que tantas veces reconcílianos coa vida. Pero nas últimas décadas convertéronse practicamente nos fillos ou netos que non temos. Salóns de peiteado, roupa e complementos, gardarías, masaxes, pensos ecolóxicos, terapeutas e hospitais veterinarios. Alimentalos e querelos xa non é suficiente. Ao menos para nós.

É mesmo cansado lembrar a minguada natalidade que temos xa non en Galicia, en toda Europa, realidade social que pode ter moitas explicacións que agora non veñen ao caso. O ano pasado os nacementos baixaron en España un 6,1 % e, se se cumpren as previsións actualmente sobre a mesa, para 2050 a Unión Europea representará soamente o 5 % da poboación mundial, a maioría seremos persoas xubiladas ou a piques de facelo. Mentres, nos últimos cinco aumentaron un 40 % as mascotas de todo tipo ata chegar aos 13 millóns paseando por rúas e parques de toda España, durmitando nos coxíns do salón, xogando nos areais en inverno o engaioladas dando voltas nunha roda. 

A mascota favorita? É difícil definila así porque certamente é moito máis: o can. Os sistemas de identificación animal contabilizan 9.733.162 deles no noso país en outubro pasado. En Galicia temos 581.605 seguidos moi de lonxe polos gatos, con 14.582, e 450 de todos os demais, proporción semellante ao resto do Estado co cal a preferencia polos cánidos é incuestionable. Así o afirman ADECES (Asociación pro Derechos Civís, Económicos e Sociais) e UCGAL (Unión de Consumidores de Galicia) que presentaban hai uns días o I Estudo sobre os animais de compañíaSegundo o Ministerio de Agricultura o 40 % dos fogares ten unha ou varias mascotas cun gasto medio ao ano por cada un de 1.200 euros, dos que case 800 van destinados a darlles de comer, menos de 90 á compra de accesorios e o resto en coidados médicos. Isto arroxa unha media de gasto de 100 euros mensuais por animal. Os veterinarios adoitan roldar o pago de 900 euros ao ano pero o máis caro é, con diferenza, ter problemas co animal de responsabilidade civil. Un animal desbocado xera o pago de 15.000 euros ás persoas prexudicadas segundo o estudo Aproximación ao seguro de mascotas e animais.

Compartimos máis ca nunca a nosa vida con eles, temos poucos fillos e tarde ou non os temos, polo que dedicámonos a mimar ao noso compañeiro ou compañeira de catro patas. Na última etapa da vida son ademais aconsellables por moitos motivos. Con este mercado potencial de clientes novas empresas emerxen con servizos exclusivos para uns animais que xa non se alimentan do que sobra na casa, nin dormen ao agocho dun pendello espertando ao mencer para acompañar ao dono co gando. Son compañeiros vitais.

Hoteis e espazos de adestramento. Cómpren aloxamentos para eles se queremos unhas vacacións libres e non os podemos levar canda nós nin endosarllos a amigos ou parentes. Ou se polo noso traballo preferimos evitar que bote o día sós. En Galicia hai bastantes hoteis para animais –sobre todo de gatos e cans– funcionando, se ben moitas das veces son espazos onde tamén traballan profesionais do adestramento e a educación, moi solicitados. Espallados por toda a nosa xeografía, con diferencia a maioría deles concéntranse na provincia da Coruña. Só por citar algúns están O Lar do Can en Oleiros, La Cabaña de la Zarpa en Oza-Cesuras, Residencia Canina do Pazo (Limiñón), Mi Segunda Caseta (Culleredo), Hotel do Can (Carballo)… En Vigo funciona Ramalladas; e en Lugo, en Castro do Rei, o Hotel para Animais Lassie. Non todos abren as 24 horas, hainos que só ofrecen servizo de media xornada.

Un dos mellor valorados é o Hotel do Can, en Carballo, onde inclúen horarios completos para saber o que fará o teu compañeiro con actividades especificadas: saída ao parque de herba natural, almorzo en cuartos individuais con repouso, paseo polo recinto e recollida e entrega a domicilio se o necesitas. Tamén se pode pagar por recibir clases na escola de adestramento para aprender ordes e comportamento en sesións de media hora. “Sempre que é posible recomendamos ao dono tomar cinco destas clases connosco, de non ser posible é necesario tomar dúas ou tres para aclarar dúbidas co adestrador”, explican. Hai distintos niveis de adestramento: Básico, Avanzado e Corrección de Malos Hábitos. O equipo que alí traballa inclúe a instrutores diplomados e veterinarios. Na residencia canina e felina da Laracha Red Garden, por exemplo, atenden de 10:00 a 18:30 por 9,5 euros e no caso de sumar a noite, desde 12 euros. “Ao oitavo día de aloxamento o día xa sae 10 euros”, explican, se ben no caso dos gatos ese é o prezo habitual xa que o seu coidado é máis barato ca o dun can.

A auxiliar de veterinaria Tatiana Redondo é quen está detrás do único aloxamento para mascotas de Lugo, o Hotel de Castro de Rei Lassie. Ela mesma é propietaria de varios cans e recoñece que xamais puido ir de vacacións tranquila se non os levaba. “De aquí nace esta iniciativa, da necesidade de ter un lugar de confianza onde os coiden como merecen”. Explica que nas súas instalación os animais “nunca están sós, e ademais dos seus tratamentos diarios ofrecemos cuartos individuais, salón de xogos para grupos e xardín exterior”. Tamén ten en mente abrir unha gran piscina onde poidan refrescarse nos días de calor e facer exercicio, e preparou unha zona illada para gatos e así evitar problemas. “Traballamos cun Hospital Veterinario de Lugo, con veterinarios 24 horas para estarmos preparados se xorde nas vacacións calquera enfermidade” .

En persoa. Tamén existe o trato personalizado, outras das solucións para as vacacións ou o día a día cando parecía que as residencias de animais eran a única. Os donos solicitan a axuda dun coidador directamente nas súas casas ademais de paseos, alimentación, xogo, baño e visitas ao veterinario. A plataforma Yoopies ofrece coidadores de mascotas con tarifas que se sitúan nunha media de 10 euros por día. “Trátase do comezo deste fenómeno en España", afirma Elena Tiburcio, responsable da firma. “Xa temos 25.420 rexistrados e prevemos que esta cifra se duplicará a finais de ano”. Procurando na súa web atopamos que a mediados do pasado outubro anunciábanse nela 26 persoas en Vigo con tarifas dende os 8 euros ao día, en Coruña 18 coidadores e un total de 7 persoas en Ourense. Con perfís moi variados en idade pero compartindo paixóns.

Veterinarios e lavandarías. O gasto nos médicos animais, que se resentiu especialmente durante a crise pasada como tantos outros, creceu nos últimos anos. O mellor é contratar un seguro específico, compensa case sempre. Das clásicas vacinas nos primeiros meses pasouse a vacinas anuais como recordo, microchips, esterilizacións e desparasitacións mensuais, cun custos notables. Tanto é así que ao sector acaban de chegar os fondos de investimento que están a financiar clínicas de atención 24 horas e hospitais para cans e gatos. Primeiro entraron no noso país na parte do retail pero desde hai tres anos están a facelo no sector veterinario: a sociedade de capital risco Collins Capital investiu 4 millóns de euros na compra do 45 % do Hospital Ars Veterinaria en Barcelona e despois fixo o mesmo coas Clínicas Terán en Asturias e a Clínica Veterinaria Indautxu en Bilbao. O último foi a compra do 45 % do Hospital Veterinario Vetsia, en Madrid, en novembro do 2017. Estes fondos só entran en sectores estratéxicos onde poden conseguir beneficio en 2-3 anos.

A lista de coidados e atención que lles prestamos a este amigos aumenta: accesorios de capricho e barateiros, ioga para cans, psicólogos, peiteadores profesionais… a demanda é tal que o INEM xa oferta cursos de peiteado canino, ademais da notable oferta privada que tamén existe ante uns negocios comezan a salpicar as nosas rúas a pouco ca un se decate. Tamén as lavandarías caninas, como a galega Lavaocan, un servizo bastante similar ao da roupa para a evitar o caos no baño da casa con prezos de dos euros por dez minutos. Ou outra de nome similar, Lavakan, de orixe catalán e que está a estender por España con franquías dende 28.500 euros e unha facturación media que vai dos 3.000 aos 5.000, co cal non será estraño que comecemos a velas máis. Na Coruña xa hai unha.

(Extracto da reportaxe publicada no número 342 - novembro 2019)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)