Ata aquí chegamos
Antes da pandemia os xulgados de familia xa tiñan traballo dabondo e citaban a catro ou cinco meses vista. Pero tras retomar a actividade o 4 de xuño moitos temían o que chegou: novas demandas de divorcio xunto coa urxencia de cambios na contía das pensións alimenticias.

Tantas horas, días e semanas xuntos poden ser unha ledicia para quen estea ben avido, para outros non tanto. O confinamento, o illamento e o distanciamento social contrarios á nosa natureza coma especie… páganse psicoloxicamente. Ademais hai que engadirlle estrés e tensión a maiores: pechados moitas veces en pisos sen terrazas nin espazo, coa preocupación ante unha situación laboral incerta, pagando facturas sen ingresos ou cunha mingua notable e non digamos se hai que atender a cativos polo medio. Unha bomba de reloxería ata para os espíritos máis optimistas e de nervios temperados.
O número de peticións de divorcio aumentou considerablemente tras o confinamento, dito e recollido pola Asociación de Avogados de Familia(AEFA). Queda ver, certo, cantos se materializan finalmente en divorcio coa volta á vida, a chegada do verán e certa ilusión renacida. Ata pode haber un descenso se non hai cartos, como pasou noutras crises: se as parellas non están economicamente para separarse deciden aguantar. Ou non lles queda outra.
Os letrados de AEFA coidan que estes meses por diante “é dubidoso que vaian supoñer un cambio na tendencia estatística dos últimos anos respecto ao número de divorcios, que era descendente”. Segundo o CGPJ 2019 foi o quinto ano consecutivo de baixada, se ben cómpre engadir que nos datos do ano pasado algo ten que ver a folga de funcionarios de xustiza, na que deixáronse de rexistrar procedementos.
As consultas está aí. O Servizo de Orientación Xurídica do Colexio de Avogados de Madrid tamén di que rexistrou máis consultas do habitual relacionadas co divorcio durante o estado de alarma, pero non só. Tamén por incumprimentos de custodia, réxime de visitas e pago da pensión de alimentos. Na web Treated.com foron analizando en que comunidades se fan máis buscas en Google relacionadas coa separación no confinamento e segundo Google Trends, Galicia lidera a lista: somos a que tivo máis xente procurando con máis frecuencia buscas relacionadas co termo “divorcio”. Pontevedra ocupa o primeiro lugar con 52 buscas en abril por cada 10.000 habitantes. O que non deixa de ser destacable porque tamén estamos entre os afortunados que vivimos en contornas máis rurais e cidades máis pequenas, en principio propicias para respirar un pouco. Pero nin por esas.
Como explica o despacho coruñés de avogados Alejandro Aradas “para un divorcio non se necesita causa pero han de transcorrer polo menos tres meses desde que se contraeu matrimonio”. O convenio regulador regula as consecuencias xurídicas e recolle a garda e custodia dos fillos comúns e o réxime de visitas, a pensión compensatoria se así o acordaron os cónxuxes, a atribución do uso da vivenda, a contribución ás cargas do matrimonio e a pensión de alimentos.
Canto dura o procedemento? “Ata que se ten sentenza adoitan transcorrer uns seis meses se é de mutuo acordo pero o mes de agosto é inhábil, e por iso os meses de setembro e outubro son os peores en canto a rapidez”. De feito é máis rápido o divorcio ante notario, pero para iso non poden existir fillos menores dependentes. E agora hai que engadirlle o parón do estado de alarma e o tempo que leve recuperar os meses perdidos.
Dende o 14 de marzo en materia de familia, todos os procedementos, salvo os urxentes, quedaron suspendidos. “Foi catastrófico porque dilatou a solución de situacións moi difíciles de xestionar para as familias en crise, especialmente para os menores. Nos casos urxentes iniciáronse vistas por videoconferencias pero non todos os xulgados están dotados cos elementos tecnolóxicos necesarios”, explica Flora Calvo, avogada de familia e membro de Winkels avogados.
O 28 de abril o Goberno, vendo o que viña, aprobaba o Real Decreto-lei 16/2020 de axilización da Xustiza, un procedemento “especial e sumario” aplicable durante o estado de alarma e ata tres meses despois para tenta axilizar estes asuntos: adecuar as pensións a menores ingresos, a extinción da pensión de alimentos ou calquera outra cando mudase o contexto económico do obrigado ao pago. O que é normal tras un ERTE, un despedimento ou un peche de negocio como autónomo. Pero este procedemento especial foi máis ben unha modificación dunha medida xa prevista na lei de axuizamento civil. A tramitación é preferente pero os avogados de familia cualifican a medida de brinde ao sol. “É imposible que co volume que hai agora e os xuíces que temos se poida facer rápido”, denuncia María Dolores Lozano, presidenta da Asociación Española de Avogados de Familia. Todo ten que pasar por un xuíz e España temos 12 por cada 100.000 habitantes, fronte aos 21 da media europea.
Así que se finalmente decide ir a xuízo para divorciarse seguramente non conseguirá estar oficialmente separado ou separada ata dentro dun ano. Por iso os avogados sempre aconsellan chegar a acordos se se quere evitar quedar empantanados nunha situación de por si bastante complexa e con duras implicacións emocionais. As que sempre conleva a quebra dunha historia de amor e confianza.
(Extracto da reportaxe publicada no número 349 –xuño 2020)
Comentarios (0)