“O 12-X escollemos o goberno que vai decidir como saír da crise provocada pola pandemia”
A ruptura provocada na coalición En Marea o pasado ano e a posterior saída de Luis Villares parece que lle van pasar factura á formación que representa o ata agora deputado Pancho Casal. As enquisas indican que lle vai custar moito obter representación á súa coalición, integrada por En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista. Malia iso, a Marea Galeguista non renuncia a “ofrecer unha alternativa a todos os galegos e galegas de darlle unha oportunidade ao seu país”.
Vivimos un dos momentos máis excepcionais da historia recente e vamos a enfrontarnos a unha das citas electorais máis anómalas. Cre que a situación dos últimos meses vai condicionar o resultado electoral?
Estamos ante unhas eleccións constituíntes, no sentido de que non escollemos unicamente quen vai gobernar os próximos catro anos, escollemos o goberno que vai decidir como saír da crise provocada pola pandemia. Isto é unha novidade, xa que o horizonte non é para o curto prazo, a cidadanía galega ten que escoller no longo prazo, ten que escoller que quere ser no futuro e como quere xestionar a crise. Temos este 12-X unha responsabilidade que transcende en moito a outras eleccións. Este tamén é o maior motivo que nos levou a facer esta Marea Galeguista: ofrecer unha alternativa a todos os galegos e galegas de darlle unha oportunidade ao seu país, un país con futuro, verde, moderno, libre, igualitario e soberano.
Visto agora, con algo máis de perspectiva, que considera que foi o mellor e o peor da xestión desta crise?
O mellor desta crise foron as persoas anónimas, nomeadamente as mulleres: médicas, enfermeiras, auxiliares, repoñedoras, caixeiras… que estiveron en primeira liña da pandemia xogándose, moitas veces, a propia saúde nunhas condicións a estas alturas, coñecidas por todos. Esta crise evidenciou os resultados de once anos de desmantelamento de servizos sociais e sanitarios, evidenciou o peor do goberno de Núñez Feijóo: un goberno que só fixo botar balóns fóra e escudarse no Goberno do estado, aínda que as competencias fosen súas. O goberno de Feijóo non asumiu as súas responsabilidades, non foi transparente. A pesares da evidente relevancia do drama nas residencias, os datos que facilita a Xunta ao respecto son confusos e parciais. Dende o comezo nós propuxemos a creación dunha Mesa de Coordinación Sociosanitaria con todos os axentes implicados –Consellerías de Política Social e Sanidade, representación do persoal do Sergas, de servizos sociais comunitarios e especializados etc.– para elaborar un plan de actuación de emerxencia social e dar cobertura ás persoas máis vulnerables para paliar as dificultades do illamento e o peche de centros e servizos. O PP nin respondeu.
Que medidas inclúe o seu programa no ámbito sanitario?
É prioritario dignificar a atención sanitaria, tanto primaria como especializada, apostando por un modelo sociosanitario público, especialmente en todo o referente á atención das persoas vulnerables do noso país, revertendo as privatizacións. Facilitaremos a introdución de novas prestacións, como a asistencia odontolóxica gratuíta aos menores de 18 anos, e asistencia podolóxica en función da renda e garantiremos a calidade e transparencia na xestión do Sergas. Entre as nosas prioridades están tamén abordar as listas e agarda, traballar para a regularización da eutanasia, fomentar que a sanidade pública contribúa a corrixir as desigualdades de xénero desde todos os eidos etc.
Parece que no eido sanitario o peor xa pasou pero no económico empezamos a ver as consecuencias da situación. As perdas para sectores clave, como hostalería, comercio, turismo... e noticias como a de Alcoa non aportan tranquilidade. Hai solución para facer viable Alcoa sen depender de axudas multimillonarias que parecen non ter servido para nada?
Consideramos imprescindible, sen prexuízo doutras medidas, a entrada temporal do estado –de forma directa ou a través da SEPI– no capital de Alcoa, para axudala a capear esta situación de crise, que entendemos como conxuntural e non estrutural, así como a aprobación urxente do Estatuto das Industrias Electrointensivas tendo en conta as alegacións feitas pola representación dos traballadores. Para nós, estas dúas actuacións son imprescindibles para garantir o futuro de Alcoa San Cibrao.
Temos tamén que contar cos fondos europeos de 750.000 millóns de euros, dos que unha porcentaxe destinada a Galicia podería destinarse ao tema de Alcoa. Agora ben, sabendo e sendo conscientes que a solución pasa por impulsar e realizar investimentos en potenciar outros sectores e novas industrias de alto valor tecnolóxico na Mariña de Lugo. Non podemos esquecer que a balsa de residuos de Alcoa ten tamén unha data de caducidade.
Hai futuro para a industria en Galicia?
Por suposto que temos futuro, o que temos que decidir é que clase de futuro. Para nós, sen dúbidas de ningunha clase, o futuro da industria no noso país vai vinculado, vai collido da man, do plan europeo do green deal. A descarbonización e a economía verde é o noso futuro, e Galicia ten que liderar esta nova revolución industrial verde. Galicia ten as condicións, os recursos humanos e o emprendemento necesario para ser punteira en moitos sectores da nova economía e na loita contra o cambio climático.
As tecnolóxicas, robótica, telecomunicacións, biotecnoloxía, a computación cuántica… temos por diante un mundo novo, temos que aportar novas solucións e apostar decididamente por unha transición ecolóxica.
Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, o 71 % dos empregos en Galicia están no sector servizos, que en 2018 supuxo nada menos que o 62,3 % do PIB galego e parece que vai ser o máis afectado pola crise da COVID-19. Como afrontaría a situación desde o Goberno galego?
O noso pulo ten que ser ao cuarto sector, as axudas e investimentos temos que canalizalos masivamente cara ao sector baseado no coñecemento, na investigación, na educación. Temos que procurar novas solucións e apostar decididamente polo coñecemento e a internacionalización dos nosos sectores. A nosa economía non pode, por principios, estar baseada, por exemplo, nos empregos de camareira no sector hostaleiro, traballo que ademais é xeralmente sobre corpo de muller, con xornadas de 12 ou 14 horas e pagados con salarios indignos de 600 euros ao mes.
Temos que reter o noso talento, 100.000 mozos e mozas marcharon fóra do noso país, xente preparada, estamos perdendo todo o noso capital humano e iso é algo que un país pequeno como o noso non pode permitir.
Parece que non comparten o rumbo que da economía galega…
Non, está claro que non. Os diferentes gobernos galegos nunca souberon dar co noso modelo produtivo como país e fomos vivindo nunha crise continua desde os anos 80 do século pasado: sector naval, sector leiteiro, pesca… os nosos sectores produtivos foron esmorecendo e politicamente ninguén procurou unha saída no longo prazo.
Moitas das subvencións non foron para a economía real, foron para o peto dos amigos e para o modelo de prevendas e favores. Non houbo unha estratexia de país e pasou o que tiña que pasar e agora estamos nestas.
Temos que aproveitar as ferramentas das que dispomos, a galeguidade é unha delas, ter toda unha rede de galegos e galegas polo mundo tería que ser un punto de apoio fundamental á hora de internacionalizar a nosa economía. O noso futuro pasa pola internacionalización e Galicia niso tería que ser punteira. Internacionalización e industria do coñecemento, estamos na hora certa de tomar eses camiños e dar un futuro digno para as xentes do noso país.
Outra das cuestións que vén de confirmar este estado de alarma é a debilidade do sistema social. Non só polo ocorrido nas residencias de maiores senón polo peche de centros de día e de todo o sistema educativo que deixou as familias –e especificamente as mulleres– ao coidado da familia. Cales son as súas propostas para afrontar estas cuestións?
Dende a Marea Galeguistas comprometémonos a artellar a nosa acción política en torno á premisa xeral de orientar a política galega á igualdade efectiva para todas as persoas, o que para nós significa asumir o compromiso co principio ético-político de “igual valor”. Consideramos que esta é unha proposta imprescindible para a transformación social de Galicia coa apertura a un novo tempo de emancipación e de xustiza redistributiva, social e de xénero.
Apostamos por un programa que non deixe a ninguén atrás, salvagardando desde o primeiro momento os dereitos básicos a unha vivenda, á educación, á saúde, aos coidados, a uns ingresos mínimos –renda básica universal e incondicional– que permitan vivir con dignidade a todas as persoas.
Defendemos a xestión directa dos servizos públicos –sanidade, educación, servizos sociais…–, apostando por un modelo de benestar social comunitario, onde os coidados e as relacións de axuda mutua sexan o centro das políticas sociais e onde as necesidades das persoas máis vulnerables sexan atendidas con dignidade e profesionalidade.
Para paliar a emerxencia feminista, incrementaremos o orzamento destinado ás políticas de igualdade e, entre outras medidas, promoveremos un programa de empoderamento das mulleres do rural, como axentes estratéxicos para o desenvolvemento.
No ámbito educativo, cales son as principais liñas da súa formación nesta cuestión?
Centraremos os nosos esforzos en garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade promovendo oportunidades de aprendizaxe permanente para todas as persoas. A nosa visión inspírase na concepción humanista da educación e desenvolvemento baseada nos Dereitos Humanos e na dignidade, na xustiza social, a protección, a diversidade cultural e lingüística e a responsabilidade compartida. Reafirmámonos en que a educación é un ben público, un dereito humano fundamental e a base para garantir outros dereitos. A educación é a clave para a erradicación da desigualdade social.
Ningunha meta educativa debería ser considerada polo país acadada, a non ser que fose acadada por todo o alumnado, polo tanto, comprometémonos a realizar os cambios necesarios nas políticas de educación e centrar os nosos esforzos no alumnado en situación de maior desvantaxe para velar que ninguén quede atrás.
Recoñecemos tamén a importancia da igualdade de xénero e, polo tanto, o noso compromiso radica en velar pola incorporación deste aspecto tanto na formación como no desempeño laboral dos nosos docentes.
Tamén debemos fortalecer a ciencia, a tecnoloxía e a innovación e aproveitar de forma axeitada as TIC para reforzar o noso sistema educativo. Recoñecemos que acadar todos estes aspectos require pola nosa parte políticas e planeamentos axeitados cun aumento significativo e ben definido da financiamento da nosa escola pública.
Outro grave problema que arrastramos desde hai décadas en Galicia é o demográfico: a natalidade segue en descenso e a cifra de maiores multiplícase, o que vai obrigar a mudar moitos chanzo do sistema actual. Como pensa afrontar este difícil reto coa situación económica actual?
O avellentamento, xunto co despoboamento do rural e do interior, é un problema estrutural para Galicia. Temos xunto a Xapón unha das máis lonxevas poboacións a nivel mundial. Isto require de planificación no ámbito do coidado aos maiores e nun avellentamento activo, para ter unha poboación maior que viva con calidade de vida.
A perspectiva neste sentido ten que ser unha maior implicación do sector público nos coidados e na atención aos maiores por unha banda e, por outra, dar unha saída vital digna para os mozos e mozas do noso país. Isto implica inversión pública e non o inmobilismo e a inoperancia que levamos décadas sufrindo no país.
Como cre que afectará ás eleccións galegas a xestión da crise do Goberno central e as supostas diferencias entre as dúas formacións da coalición?
Antes de todo, temos que dicir que ninguén estaba preparado para esta crise. Aínda é hoxe o día no que temos por diante moitas incógnitas. Neste sentido os erros cometidos na xestión da mesma veñen por parte do Goberno central e tamén na parte que lle corresponde á Xunta de Galicia.
O que vivimos foi unha desleal oposición, todos nós temos na mente o discurso feito en São Bento, en Lisboa, por Rui Rio, líder da oposición en Portugal. E todos temos na mente aos abutres da oposición de PP e Vox no Congreso de Madrid. Isto marca a calidade democrática dun país. Tamén marca esta calidade democrática a cultura de pactos. Estivemos durante décadas escoitando ao PP dicir que a tiña que gobernar era a lista máis votada. Si, insistindo desde hai décadas ata que deixaron eles de ser a lista máis votada nos seus feudos, desas entón xa valían os pactos e os gobernos de coalición.
Se ben, dito isto, o que se valora nestas eleccións é o futuro de Galicia, tema central e exclusivo neste proceso electoral que nós separamos do resto de tendencias e axendas mediáticas do resto do Estado. Estes días é tempo de Galicia.
Cal sería a súa prioridade como presidente da Xunta de Galicia?
Pois, primeiramente, recuperar servizos básicos para o público, devolver a calidade da asistencia na sanidade dotando de máis recursos humanos e devolver a dignidade ao ensino público. Para isto, sen panos fríos, temos que erguer unha nova estrutura económica para sustentar estas políticas, e isto unicamente pode vir da man de investimentos nos novos sectores económicos, nomeadamente no cuarto sector e nas políticas de descarbonización e de transición enerxética.
Como presidente da Xunta de todos os galegos e galegas lideraría o cambio para facer un país máis verde e ecolóxico, máis libre, máis igualitario, máis soberano e máis moderno.
(Entrevista publicada no número 350 – xullo 2020)
Comentarios (0)