“Hai que levantar o país e no BNG temos un proxecto serio e solvente para facelo”
Ana Pontón é a candidata á Presidencia da Xunta de Galicia polo BNG e a responsable non só de ter 'refundado' o Bloque Nacionalista Galego tras a grave ferida provocada polo abandono do carismático Xosé Manuel Beiras en 2012, senón de devolverlle o brío que tivo cando moitos apuntaban á súa desaparición. O barómetro preelectoral do CIS asegura que será a terceira forza no Parlamento de Galicia e mesmo hai quen prognostica que competirá polo segundo co PSdeG. Pontón ten experiencia política, un discurso asentado e tranquilo e unha alta valoración capaz de atraer a atención alén das fronteiras do nacionalismo.

Estamos vivindo un dos momentos máis excepcionais da historia recente e vamos a enfrontarnos a unha das citas electorais máis anómalas. Cre que a situación dos últimos meses vai condicionar o resultado electoral?
Evidentemente a sensibilidade social dunha cidadanía preocupada pola crise sanitaria e pola crise económica que trouxo a COVID19 vai estar moi presente. Aí está o drama que se viviu nas residencias nun modelo moi privatizado que mercantiliza o coidado das persoas maiores, o feito de ter que deseñar hospitais de campaña para afrontar un pico da pandemia tras dez anos de Goberno de Feijóo de recortes e privatizacións na sanidade pública, ou a preocupación de milleiros de galegos e galegas en ERTE ou que, directamente, perderon o seu emprego son cuestións que están moi presentes.
Pero desde logo, tamén vai estar moi presente a situación dunha Galiza minguante tras dez anos de Goberno do PP, un país que foi a menos, que perdeu oportunidades, cuns servizos públicos acosados e cun mercado laboral precarizado, marcado pola emigración e polos baixos salarios. Fronte a iso, o BNG ofrece un proxecto autocentrado, que confía no país e en poder sacar adiante unha Galiza con futuro, un proxecto que aspiro a poñer en marcha liderando o Goberno da Xunta tras o 12 de xullo.
Visto agora, con algo máis de perspectiva, que considera que foi o mellor e o peor da xestión desta crise?
O peor sen dúbida foi a situación dramática que se viviu nas residencias, sen que o Goberno de Feijóo estivese á altura. Os datos son claros: hai 20.000 galegos e galegas vivindo nunha residencia, pero este colectivo soportou máis do 40 % dos falecementos e 131 vítimas faleceron sen ser trasladadas nin a un centro hospitalario nin sequera a unha residencia medicalizada. Galiza ten 223 residencias pero só 24 son de xestión pública, e Feijóo, incumprindo a súa promesa, non construíu nin unha soa praza pública de residencias en once anos. Un goberno liderado polo BNG vai revisar todo o modelo das residencias para avanzar cara unha xestión publica, empezando por construír unha residencia en cada unha das cidades. O meu obxectivo é garantir o dereito a unha vellez digna.
Tamén foi un fallo non pechar Madrid, permitindo que actuara como difusor da pandemia, e o mando único foi utilizado por Feijóo para lavarse as mans cando había problemas e colgarse as medallas cando algo funcionaba ben. O mando único tamén demostrou ineficacia en aspectos nos que tería sido moito máis eficiente que as decisións se tomasen en Galiza.
Na parte positiva, que o virus tardou máis en chegar a Galiza e iso permitiu que o estado de alarma fose máis eficaz e, sobre todo, o comportamento da cidadanía galega e de todas as persoas, moitas delas mulleres, que estiveron en primeira liña mesmo arriscando a súa saúde en beneficio de todos e todas. Todo agradecemento e recoñecemento que expresemos sempre será pouco.
No ámbito sanitario, que debería cambiar, que medidas incluirán no seu programa?
Vou ser moi clara: o compromiso do BNG é fortalecer os servizos públicos, en particular a sanidade, e reverter de xeito progresivo todos os recortes e privatizacións. Hai que acabar coa precarización do persoal sanitario: hai profesionais que asinan ducias de contratos ao ano, por semanas, por días e mesmo por horas, un dislate ao que hai que poñer fin. Por iso, se os galegos e as galegas me dan a súa confianza para liderar o próximo Goberno tomarei dúas medidas de reforzo da sanidade nos cen primeiros días: lanzar unha OPE para cubrir as 6.000 prazas vacantes no Sergas e un plan de reforzo da atención primaria –que o PP deixa no chasis–, con 200 millóns de euros. Temos que estar a altura do noso persoal sanitario, que demostrou do que é capaz nesta pandemia e que leva sostendo o sistema público de saúde ao longo destes dez anos de políticas de acoso do Goberno Feijóo.
Tras a crise sanitaria chega a económica, con perdas en sectores clave como hostalería, comercio, turismo… e noticias como a de Alcoa. Hai solución para facer viable Alcoa sen depender de axudas multimillonarias que parecen non ter servido para nada?
O BNG puxo unha solución viable sobre a mesa desde o minuto cero, unha proposta que salvaría a produción e o emprego sustentada sobre dúas patas: nacionalización de Alcoa-San Cibrao, mediante unha intervención pública da Xunta e do Estado, e unha tarifa eléctrica galega que permita algo tan obvio que o entende todo o mundo menos o PP e o PSOE: que Galiza se beneficie de ser unha potencia eléctrica. É unha proposta posible e eficaz, na liña do que están facendo os países da contorna. A chanceler Angela Merkel acaba de intervir Lufthansa con 9.000 millóns de euros, por que non facer o mesmo cunha empresa que é rendible se lle damos as condicións de competitividade? Din que non se pode nacionalizar os mesmos que puxeron sobre a mesa 90.000 millóns de euros para rescatar a banca a fondo perdido ou 5.000 para nacionalizar as radiais madrileñas. Por que condenarnos a comprar aluminio dentro dun ano, cando agora somos produtores?
É intolerable ver a indolencia do PP e do PSOE, da Xunta e do Goberno central, cando están en xogo miles de empregos no país, o futuro de toda unha comarca e a produción dun sector estratéxico como é o aluminio. E cal é a resposta do candidato do PP? Poñerse de perfil, laiarse cando o país cae, ocultando que a situación de Alcoa vén dun marco enerxético aprobado por Mariano Rajoy e mantido por Pedro Sánchez. Claro que hai solución de futuro para a factoría da Mariña, pero hai que ter vontade política e amor polo país. No BNG temos as dúas e imos demostralo tras o 12-X.
E hai futuro para a industria en Galicia?
Se seguimos coas políticas do PP na Xunta a resposta é non. Acabamos de falar de Alcoa, pero os exemplos son innumerables. Só no último ano ducias de empresas pecharon ou se viron afectadas por expedientes de regulación de emprego, a peor política industrial é a que non existe e esa é a que leva practicando Feijóo once anos, cos resultados que coñecemos: desertización industrial, deslocalización de empresas e perda de galeguidade para pasar as mans de fondos voitres. Podemos darlle a volta a esta situación cunha folla de ruta industrial para o país que queremos poñer en marcha desde o Goberno con propostas concretas, con liñas de actuación como un Plan de galego de reindustrialización con tres piares: fomentar os sectores con máis potencial –por exemplo agroindustria, automoción ou aeronáutico–, ordenación do solo industrial en aras do equilibrio territorial e combater a deslocalización de empresas. E por iso prevemos unha regulación específica a través dunha Lei de localización empresarial de tal xeito que os préstamos, as axudas e as subvencións estean suxeitas a estritas cláusulas contra a deslocalización que, de incumprirse, obrigarían a súa devolución con intereses.
Igualmente, a estratexia de reactivación do sector industrial pasa por activar un Plan de I+D+i para modernizar o sector, que permita adaptar as estruturas produtivas e organizativas das empresas para ganar en competitividade e, todo iso, unido a unha aposta polo peche de ciclos produtivos, a formación continua dos traballadores e traballadoras e medidas para equilibrar a balanza exterior e corrixir o desfase entre importacións e exportacións, en paralelo a unha aposta pola internacionalización.
Os datos do IGE indican que o 71 % dos empregos en Galicia están no sector servizos, que en 2018 supuxo o 62,3 % do PIB galego e parece que vai ser o máis afectado pola pandemia. Como afrontaría a situación desde o Goberno galego?
A primeira decisión que adoptarei se teño a responsabilidade de presidir o goberno de Galiza é convocar a todos os partidos políticos e todos os axentes económicos e sociais para poñer en marcha un acordo de país para a reactivación económica e social. O sector servizos inclúe unha gran variedade de actividades, non hai unha receita xenérica. Por exemplo, en comercio, o BNG aposta polo comercio local e de proximidade, pola súa modernización e adaptación aos novos tempos, como a venda por internet, pero sen resignarnos a depender dunha multinacional planetaria que impón as súas regras. Por que non unha amazón galega como plataforma de vendas online para o noso comercio?
Se falamos de turismo, apostamos pola desestacionalización, pola calidade e pola sustentabilidade, máxime agora que non é tempo de masificación. Temos tamén un colectivo de 210.000 persoas autónomas –que por certo non recibiron nin un só euro de axuda por parte do Goberno da Xunta nos tres meses que estiveron coa persiana pechada–; hai que poñer en marcha medidas fiscais, de apoio e de acceso ao financiamento específicas.
Este sector pasou de representar pouco máis do 30 % do emprego a comezos dos anos oitenta, ao 71 % en 2019. Estamos no modelo económico correcto?
Galiza non pode renunciar a ter un sector industrial e un sector primario fortes, que xeren valor engadido, que fagan transformación do produto no país porque iso supón máis riqueza e emprego de máis calidade. Sector naval, automoción, téxtil, sector do aluminio… somos unha potencia pesqueira, cunha riqueza marisqueira nas rías sen parangón no mundo e témolo todo para ser unha potencia leiteira que vaia máis aló de vender a materia prima. Pero, como dicía, estes once anos dun goberno incapaz de defender os sectores produtivos está deixando unha Galiza minguante, que vai a menos. Iso é o que hai que reverter o 12 de xullo.
Outra das cuestións que vén de confirmar este estado de alarma é a debilidade do sistema social. Non só polo ocorrido nas residencias de maiores senón polo peche de centros de día e de todo o sistema educativo que deixou as familias –e especificamente as mulleres– ao coidado da familia. Cales son as súas propostas para afrontar estas cuestións?
Basicamente trátase de avanzar nun sistema público dos coidados e iso só se logra se partes da idea de que estamos falando de dereitos que deben se garantidos e que non poden ser obxecto de lucro dun puñado de empresas. O dereito a unha vellez digna, o dereito das persoas máis vulnerables que teñen necesidades específicas a recibir a atención que precisan, o dereito dos pais e nais a conciliar vida laboral e familiar todo iso ten que formar parte dunha acción de goberno social e xusta. Nós propomos crear residencias públicas nas grandes cidades e escolas infantís gratuítas para o 100 % da poboación, incorporando ao sistema educativo o tramo de 0 a 3 anos; poñer en marcha un Servizo Galego do Benestar, un equivalente ao Sergas no ámbito dos servizos sociais, para avanzar na xestión pública dos diferentes servizos; estender a rede pública de centros especializados en alzhéimer e un plan de mellora dos centros de día e socio-sanitarios.
No ámbito educativo, cales son as principais liñas da súa formación?
Dar marcha atrás nos recortes e recuperar todo o persoal docente suprimido ao longo destes once anos de Goberno do PP, non se poder ter un bo sistema educativo sen persoal, sen medios. Estamos falando da educación dos nosos fillos e fillas, de formalos como persoas tanto nas primeiras etapas como na formación profesional ou universitario. E si, a COVID-19 deixou algunhas cuestións sobre a mesa, como por exemplo a fenda dixital das familias. Que pasa se, aínda que de xeito temporal, hai que volver a teledocencia? Volvemos ter un estudantado a dobre velocidade? Nós temos unha proposta moi concreta: sufragar as familias a adquisición do material informático e da conectividade a rede, cunha axuda directa en función do seu nivel de renda.
Outro grave problema que arrastramos desde hai décadas en Galicia é o demográfico. Como se pode afrontar este difícil reto coa situación económica actual?
Non hai solucións máxicas porque non se arranxa en dous días un problema demográfico brutal consecuencia de tres décadas de políticas erradas do PP. Pero o enfoque é dobre: emprego e servizos públicos que permitan a conciliación laboral e familiar. Este é un país rico, pero na última década 300.000 galegas e galegos colleron as maletas cara a emigración, a maior parte deles xente moza. Como vai medrar a poboación con políticas que expulsan a mocidade e non lle dan a quen queda un emprego estable para desenvolver o seu proxecto vital? Emprego e servizos públicos son a clave e no noso programa desmiuzamos moitas propostas en ambas direccións.
Como cre que afectará ás eleccións galegas a xestión da crise do Goberno central e as supostas diferencias entre as dúas formacións da coalición?
Francamente, Galiza sempre foi discriminada polo Goberno central fose do PP, do PSOE ou agora de coalición. Non fai falta máis que ver os investimentos previstos por uns e outros nos orzamentos do Estado, ou por exemplo, as xenerosas subidas na estafa das peaxes que nos agasallaron dun lado e de outro, ou feitos como que haxa territorios que veñen de celebrar o 25 aniversario da chegada o AVE mentres aquí nin está nin sabemos cando se lle espera, porque o baile de datas, tanto do PP como do PSOE, son unha tomadura de pelo.
Cal sería a súa prioridade como presidenta da Xunta de Galicia?
Se teño que mencionar só unha, e tendo en conta a crise económica sen precedentes que nos deixa a pandemia, dígolle que a posta e marcha dun acordo de país para a reconstrución económica e social de Galiza. Hai que levantar o país e no BNG temos un proxecto serio e solvente para facelo.
(Entrevista publicada no número 350 – xullo 2020)
Comentarios (0)