“Se os que o ano pasado votamos para que o PSOE gobernara España acudimos o 12-X, o cambio en Galicia é imparable”
Para o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, esta será a súa primeira experiencia como candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, tras gañar as primarias do partido en 2017 e acceder ao Parlamento galego hai apenas un ano. Non obstante conta con experiencia en política local e con coñecementos en economía, disciplina na que se doutorou cum laude e da que é profesor na Universidade de Vigo. E aínda que a maioría absoluta do PP que prognostican as enquisas deixaríao sen posibilidades, confía nunha “mobilización suficiente do electorado progresista”.

Estamos vivindo un dos momentos máis excepcionais da historia recente e vamos a enfrontarnos a unha das citas electorais máis anómalas. Cre que a situación dos últimos meses vai condicionar o resultado electoral?
Cando aprazamos data electoral acordamos que eleccións se celebrarían despois do estado de alarma e da emerxencia sanitaria, mais Feijóo preferiu romper todos os acordos e convocar eleccións para o 12 de xullo.
Esperamos que estas eleccións se poidan celebrar coa maior normalidade posible. O reto do PSdeG é unha mobilización suficiente do electorado progresista. Se todos os que o ano pasado votamos para que o PSOE gobernara España acudimos o 12 de xullo, o cambio en Galicia é imparable.
Visto agora, con algo máis de perspectiva, que considera que foi o mellor e o peor da xestión desta crise?
Foi un acerto que o Goberno de España decretara o estado de alarma e marcara o confinamento de toda a poboación para evitar incrementos no número de contaxios.
Hai que poñer en valor tamén as medidas adoptadas polo Goberno de España en relación aos salarios, aos autónomos e, por suposto, o Ingreso Mínimo Vital, medidas que permiten construír un escudo protector para a cidadanía.
A posteriori, é evidente que todos os gobernos do mundo percibiron con retraso a gravidade da situación. Todos tivéramos acertado máis se a principios de ano os gobernos fosen conscientes do que estaba por acontecer.
Tras o acontecido nestas últimas semanas, que consideran que debería cambiar no ámbito sanitario? Que medidas incluirán no seu programa?
En once anos de goberno do Partido Popular en Galicia recortáronse 2.000 millóns de euros en investimento en sanidade pública e reducíronse en 500 camas as dispoñibles nos hospitais públicos no noso país. Feijóo optou por un modelo de privatización e por precarizar o emprego.
Por iso é necesario abrir unha nova etapa na Xunta de Galicia que recupere o investimento en sanidade, que convoque 5.000 prazas estables para profesionais sanitarios, que fortaleza a atención primaria, que garanta os servizos sanitarios nos hospitais comarcais, e que dimensione todo o relativo á saúde pública, ademais de fortalecer o ámbito da saúde mental. É un compromiso fundamental para nós e será unha bandeira do goberno progresista.
Parece que no eido sanitario o peor xa pasou pero no económico empezamos a ver as consecuencias da situación. As perdas para sectores clave, como hostalería, comercio, turismo… e noticias como a de Alcoa non aportan tranquilidade. Hai solución para facer viable Alcoa sen depender de axudas multimillonarias que parecen non ter servido para nada?
É evidente que se necesita unha política económica e industrial que priorice os sectores produtivos do país. Temos o compromiso de escribir unha nova folla na evolución económica de Galicia cun goberno socialista. A min, que me dediquei durante máis de 20 anos ás políticas económicas, correspóndeme orientar toda unha nova estratexia para relanzar ao país.
Feijóo deixa unha Galicia con menos peso no sector industrial e con menos poboación traballando na industria. Hai moitos retos que cumprir: é fundamental garantir a actividade industrial e o emprego na factoría de Alcoa en San Cibrao. Para iso hai que contemplar todas as formas de intervención que sexan económica e legalmente viables. É necesario un presidente socialista para traballar co presidente do Goberno de España coordinadamente na folla de ruta para Alcoa para os próximos tempos. Garantiremos o mantemento do emprego na planta de San Cibrao, ben sexa con Alcoa, con outros inversores ou a través dunha intervención pública.
Con todo o que está pasando nas últimas décadas, cre que hai futuro para a industria en Galicia?
Sen dúbida, necesitamos unha nova estratexia industrial comprometida coas industrias do país, cunha nova política de I+D+i, cunha nova política de promoción do emprego e cun novo Igape redimensionado e dilixente á hora de traballar na promoción económica en Galicia.
Hai un capital humano dunha Galicia emprendedora e traballadora que garante que poidamos facer o que nos propoñamos, pero fai falla unha nova orientación dende o Goberno galego, que ten amplas competencias en materias económicas e industriais.
Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, o 71 % dos empregos en Galicia están no sector servizos, que en 2018 supuxo nada menos que o 62,3 % do PIB galego e parece que vai ser o máis afectado pola crise da COVID-19. Como afrontaría a situación desde o Goberno galego?
Todas as economías mundiais teñen unha tercialización moi importante, e iso é tamén unha realidade en España e en Galicia. Necesitamos unha adaptación á nova normalidade na que vivimos pola crise da COVID-19. É fundamental acadar un gran pacto pola reconstrución de Galicia entre todas as forzas políticas, sociais e territoriais do país, para orientar o noso futuro.
Necesitamos un plan de fortalecemento da economía galega, na que hai que mobilizar 2.500 millóns de euros de fondos públicos e en torno a 3.500 millóns de euros se incorporamos fondos privados.
Este sector pasou de representar pouco máis do 30 % do emprego a comezos dos anos oitenta, ao 71,1 % en 2019. Estamos no modelo económico correcto para Galicia?
O peso do sector servizos na economía é relevante e ocorre en todas as economías do mundo. O que temos é que conseguir recuperar a relevancia do sector industrial, que perdeu peso ao longo dos anos do goberno do PP, mentres noutras comunidades autónomas hai unha maior participación, coma por exemplo no País Vasco.
Traballar pola industria e fortalecer o sector industrial galego é compatible con que o sector servizos sexa o maioritario. Pero a febleza do sector industrial e a perda de peso do sector primario dende logo nos preocupan e son froito da inacción e falla de estratexia do goberno de Feijóo.
Outra das cuestións que vén de confirmar este estado de alarma é a debilidade do sistema social. Non só polo ocorrido nas residencias de maiores senón polo peche de centros de día e de todo o sistema educativo que deixou as familias –e especificamente as mulleres– ao coidado da familia. Cales son as súas propostas para afrontar estas cuestións?
A aposta polas políticas sociais é o ADN do socialismo. Pedíamos antes desta crise, e facémolo agora con máis forza se cabe, unha nova etapa das políticas sociais da Xunta de Galicia para que manteñan un claro compromiso coa atención aos nosos maiores dende o ámbito público, que aposten pola conciliación familiar e polos dereitos e a igualdade real das mulleres e, dende logo, pedimos unha clara aposta pola educación pública a todos os niveis e para todos e todas.
Por citar dúas medidas, ao longo da próxima lexislatura crearemos 2.000 prazas de residencias públicas para maiores, e grazas aos fondos extraordinarios que o goberno de España lles remite ás Comunidades Autónomas, conseguiremos non só volver ao sistema de libros de texto gratuítos, senón adoptar un Plan de Dixitalización que dote a todos os estudantes galegos dun ordenador e de datos para poder facer a súa actividade escolar tamén a distancia.
Así mesmo, cremos que é fundamental que se garantan as condicións sanitarias para o pleno funcionamento dos centros de día, porque a inacción da Xunta implica enormes riscos para a saúde física e mental dos nosos maiores.
Máis alá dos libros de texto gratuítos e a dixitalización, cal é a proposta no ámbito educativo para Galicia?
En Galicia existe un déficit de prazas en escolas infantís, temos que apostar por xerar unha rede potente de escolas infantís para nenos e nenas de 0-3 anos. E, insisto, temos volver ao sistema de libros de texto gratuítos e a un Plan de Dixitalización que garanta que ningún neno quede sen ordenador en Galicia para poder seguir o próximo curso escolar, especialmente se houbera complexidades. Outra das grandes apostas do noso programa é garantir que as primeiras matrículas universitarias nas tres universidades públicas galegas serán gratuítas.
Defendemos o compromiso público dunha educación para todos, que sexa unha referencia fundamental do goberno socialista.
Outro grave problema que arrastramos desde hai décadas en Galicia é o demográfico: a natalidade segue en descenso e a cifra de maiores multiplícase, o que vai obrigar a mudar moitos chanzos do sistema actual. Como pensa afrontar este difícil reto coa situación económica actual?
En once anos de goberno de Feijóo en Galicia destruíronse 70.000 empregos, polo que a poboación ocupada reduciuse en 70.000 persoas, e un país sen emprego e con recortes nos servizos públicos, é un país que elimina as posibilidades de futuro da súa cidadanía. Esta foi a realidade de Galicia ao longo dos últimos anos e implicou que moita xente nova abandonara o noso país o que afecta directamente á situación demográfica de Galicia, que presenta un dos datos máis preocupantes que pode haber en toda Europa.
Reverter esta situación é un reto para toda Galicia. Necesitamos unha nova política de emprego, necesitamos fortalecer os servizos públicos en todo o territorio e tamén apostar polo medio rural para conseguir que os galegos e as galegas poidan vivir en Galicia con dignidade e formar aquí as súas familias.
Hai experiencias como a do modelo escocés que poden ilustrar como favorecer o establecemento da cidadanía ao longo do territorio. Colleremos as mellores experiencias para intentar acompañar os galegos na defensa da súa vida en Galicia.
Como cre que afectará ás eleccións galegas a xestión da crise do Goberno central e as supostas diferencias entre as dúas formacións da coalición?
O Goberno de España tomou unha decisión de enorme calado, como foi decretar o estado de alarma e aplicar o confinamento, e amosou ademais que non é o mesmo cando unha crise a xestiona a dereita e cando a xestiona a esquerda.
Mentres o Partido Popular gobernaba noutras etapas de crise salvábase aos bancos, o cal era relevante, pero non se tomaban medidas para protexer a cidadanía. Mentres, nesta crise o Goberno de España toma medidas de enorme calado para que ninguén quede na cuneta, cun nivel de intensidade como non se lembra noutras crises económicas.
Os que defendemos unha saída inclusiva desta crise temos que defender un goberno progresista que adoptou medidas complexas nun momento no que a dereita e a extrema dereita manteñen unha campaña de acoso e derribo ao Goberno de España.
Cal sería a súa prioridade como presidente da Xunta de Galicia?
Darlles aos galegos e ás galegas unha etapa de progreso e benestar con políticas que defendan o emprego e provexan de servizos públicos a cidadanía do noso país.
(Entrevista publicada no número 350 – xullo 2020)
Comentarios (0)