Ábrese á porta para reclamar gastos hipotecarios
Nun estraño verán esta nova é coma un agasallo: case medio millón de galegos poden reclamar a súa devolución, teñan a hipoteca paga ou non. A sentenza asinada o 16 de xullo polo Tribunal Europeo abre a veda.

Dende a Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) explican que poderán recuperarse os gastos de notaría, rexistro e xestoría, e “na maior parte dos casos conseguirse a devolución da comisión de apertura” e mesmo a taxación. O fallo europeo tamén garante o acceso de todos os consumidores á xustiza, é dicir, que aínda que non se concedese a devolución de todos os gastos o tribunal terá indicarlle ao banco ao pagamento das custas procesais. A cousa é tan oficial que ata a Xunta informa de como facelo: o Museo do Moble da Estrada, por exemplo, acollía este 27 de xullo unha charla sobre o tema organizada pola Federación Galega de Euroconsumo e coa participación de Sol Vázquez, presidenta do Instituto Galego de Consumo e Competencia.
O presidente de Acouga, Manuel Pérez Arias, –asociación que mantén dilixencias preliminares no xulgado mercantil número dous da Coruña por unha demanda colectiva contra Abanca, Banco Santander, Sabadell, Caixa Rural Galega e Caixabank– anima as persoas afectadas a acudir aos tribunais e facer as reclamacións canto antes; mentres o seu secretario xeral, o coñecido avogado coruñés Xoán Antón Pérez-Lema, destaca a “importancia” da sentenza. Coida que, unha vez máis, a xustiza europea desautoriza e corrixe “a liña do Tribunal Supremo en favor da banca”, e a decisión do Supremo en novembro de 2018 de imputarlle o pagamento do imposto de Actos Xurídicos Documentos aos consumidores, “unha auténtica trapallada no bordo da prevaricación”. Tamén Adicae cuestiona as que define como “posicións probanca do Supremo”. Di que xa en 2017 unha sentencia da Audiencia Provincial de Pontevedra obrigaba a devolver os gastos hipotecarios a un cliente, declarando que a cláusula que carga todos os gastos hipotecarios era abusiva.
Portas nas que petar. Moitos son os avogados que se ofrecen a facer estas xestións. É o caso do despacho MVP, con bufetes na Coruña e Vigo. Eles explican que “todo o mundo pode reclamar estes gastos de formalización. Tanto se a hipoteca está aínda activa, coma se xa a cancelaches ou mesmo se xa vendiches a túa casa. En calquera destes casos podes recuperar o teu diñeiro”. Para iniciar o proceso “simplemente tes que deixarnos os teus datos e un dos nosos avogados porase en contacto para axudar a recuperar todo”.
Esta obriga de devolución dos gastos pagos na formalización das hipoteca no caso galego afecta positivamente a aproximadamente 495.206 familias segundo sinala Adicae, Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforro e Seguros, que ten varias oficinas en Galicia. A cifra resulta tanto das hipotecas actualmente en vigor como das canceladas nos últimos anos. Esta cláusula sacou das economías domésticas, e por tanto da economía da rexión, entre 1.500 e 5.000 millóns de euros. Unha cantidade que na actual situación é de enorme relevancia, cada cliente pode recuperar entre 750 e 2.500 euros de media.
A Asociación xa reforzou oportunamente a súa campaña “Vas regalar 1.000 € á banca?” para que quen queira se una ás demandas colectivas que teñen presentadas contra máis de 100 entidades, interpostas xa en 2019 pero reforzadas agora pola sentenza do TJUE. O fallo europeo incide no criterio de que unha cláusula declarada nula hase de ter por non posta e, por tanto, os efectos que xerase deben tamén anularse (neste caso, os gastos pagos). Para agruparse os consumidores poden acceder á plataforma www.hipotecaconderechos.es e sumarse ás accións de reclamación colectiva en marcha agora, intensificadas tras a resolución europea.
(Reportaxe publicada no número 351 – agosto 2020)
Comentarios (0)