Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Quen é Mamed Casanova?



POR NURIA ROMERO CON FOTOGRAFíAS DE AIGI BOGA · PUBLICADO O 15 DE DECEMBRO DE 2020 · (0)




Detrás do mito popular, das nosas iconas, sempre se atopa unha existencia humana, mundana coma a de todos. Detrás da icona sempre hai un ser que nace, que medra e que morre. Mamed Casanova naceu en Grañas do Sor (Mañón) alá polo ano 1882, medrou coma o bandoleiro Toribio e morreu, case sen nome, nun tempo que xa non era seu.

A Galiza de finais do s. XIX conta cunha longa tradición en canto a bandoleirismo se refire. Mamed Casanova nace nunha Galiza que se enfronta a unha grave crise económica onde a estrutura produtiva, baseada na gandería e na agricultura de minifundio e a pequena industria artesanal e doméstica, non resiste ante a presión demográfica, a modernización e o “progreso”. Dous camiños se presentan ante esta situación para os galegos –as galegas non terán en máis das ocasións opción de escoller ningún–: a emigración ou o delito. O bandoleiro Toribio encaixa máis co coñecido coma bandoleirismo de subsistencia que coa figura do bandoleiro xusticeiro, que rouba aos ricos para darlle aos pobres –como o coñecido Tempranillo en Andalucía, por exemplo–.

Con apenas 15 anos, ingresa no cárcere de Ortigueira por roubos menores e días despois de ser absolto, decide saltar a tapia do camposanto da localidade e roubarlle o traxe a un indiano adiñeirado que falecera neses días. Quizais neste episodio estea a clave para entender onde se enraízan as orixes da transformación de Mamed Casanova no mito popular, no bandoleiro Toribio. Ter roubado o traxe, posiblemente coa intención tamén de facerse coas xoias ou demais bens coas que fora enterrado o defunto, non foi suficiente para aquel mozo rebelde, e, infrinxindo os códigos legais e sociais, decidiu aparecer nas festas do pobo, outros din que na misa, co traxe roubado. Os familiares do indiano recoñecen o traxe que Mamed exhibe fachendoso e desta vez, ingresa en prisión por condena maior durante seis meses.

Sobre este episodio escribiría Valle-Inclán no xornal El Liberal en 1903: “Eu confeso que admiro a estes bandoleiros que desdeñan a lei, que desdeñan o perigo e que desdeñan a morte. Teñen para min unha estraña fascinación moral. Aos quince anos, Mamed Casanova realizou a súa primeira fazaña, que, entre tantas, é sen dúbida a máis fermosa. Desenterrou o cadáver dun indiano, vestiu a mortalla e, ataviado desa sorte, foi á casa mortuoria para darlle o pésame á parentela de fillos e noras... Non é verdade que esta aventura lúgubre e burlesca, ten a estraña beleza dunha fantasía urdida polo príncipe Hamlet?”.

De mozo rebelde a delincuente condenado

O 23 de novembro do ano 1900 Mamed Casanova, xunto con outros catro homes entre os que se atopaba, sen sabelo, o seu propio pai, Lorenzo Balseiro, asalta a casa reitoral da súa parroquia natal. Na fuxida matan a criada do sacerdote para non deixar testemuñas pero un sobriño da muller fica agochado e declarará, máis adiante, que Casanova fora o autor do disparo. Tras ser capturado é enviado ao cárcere de Ortigueira de onde foxe tras deixar inconscientes a dous gardas. Iso, e os meses que pasa fuxindo da Garda Civil, son o alimento mediático de moitos dos xornais da época, que van elevando a Toribio coma un mito popular ao redor do que se vai construíndo todo un imaxinario.

Finalmente, un párroco de Vilalba téndelle unha emboscada e remata a súa aventura de fuxido. Os xuízos comezan o 15 de novembro de 1903 e serán recollidos en moitos dos xornais da época. Entre os cargos dos que é acusado, o maior –e causa da súa pena de morte–, será o asasinato da criada. Pero hai quen considera a Toribio un cabeza de turco dos caciques por terse rebelado contra unha sociedade de ricos nunha Galiza empobrecida. A súa historia vai pasando de boca en boca, de titular en titular e chega ao rei Afonso XIII, ante quen a nai se axeonlla nunha visita á Coruña e logra o mudar a pena de morte pola reclusión perpetua. 

Durante máis de vinte anos vaga por diferentes cárceres e, proclamada xa a II República, regresa á súa parroquia natal “a un tempo que xa non era seu”, como ben soubo representar o xornalista Manuel López Poy na novela gráfica O fillo da furia. Cóntase que se viu a Mamed Casanova pedindo esmolas polas rúas, que traballou nas obras do ferrocarril, nun tempo no que o espazo galego se transformaba, nun tempo que non vivira. O rexistro en canto os seus derradeiros anos de vida é moi escaso; fronte a gran cantidade de mencións na prensa de comezos de século, quedan as historias da veciñanza que aínda recorda a aquel bandoleiro brután que nunca conseguiu fuxir ás Américas.

(Extracto da reportaxe publicada no número 354 – novembro 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)