Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia Calidade aumenta o catálogo de xoiaría coa incorporación de Isabel Suárez



REDACCIÓN · PUBLICADO O 23 DE DECEMBRO DE 2020 · (0)




Este Nadal será diferente pero, quizais por iso, é máis importante que nunca recordarlle ás persoas que queremos que a distancia só é física, non emocional. E nada mellor que facelo cunha xoia de calidade e feita en Galicia como as de Campus Stellae-Isabel Suárez, que acaba de incorporarse ao selo de garantía de Galicia Calidade, no que xa estaban Fernando Gallego Xoieiro Artesán), Óscar Rodríguez Joyeros, Unión Joyera de Bergondo, Ardentia, Fink Orfebres, Katuxa Platero Joyas e Orfega.

Isabel Suárez inicia a súa andaina no mundo da xoiaría en 2004, cando abre a súa primeira tenda –aínda sen rematar a carreira de Dirección e Administración de Empresas– en Santiago de Compostela. Con coñecementos de reloxería, pouco a pouco comeza a deseñar e fabricar as súas propias xoias a petición da clientela. O que comeza sendo algo anecdótico convértese na clave do seu éxito. Os seus deseños gustan e acaban por representar unha parte importante da demanda, polo que abre taller propio onde deseña e elabora as súas xoias usando procesos artesanais e traballando sempre os materiais máis nobres, como o ouro de 18 quilates, a prata de lei, pedras preciosas naturais etc. Así nacen pezas únicas, con personalidade e identidade propia, cen por cen representativas da marca que o selo de garantía de Galicia Calidade acaba de recoñecer incorporándoas ao seu catálogo.

Gústame moito o que está facendo Galicia Calidade; formar parte deste proxecto aporta prestixio e supón o inicio dunha nova etapa da que espero poder contar moitas cousas ao longo do próximo ano”, explícanos Isabel Suárez. A xoieira e empresaria chegou a ter catro comercios pero a situación actual obrigouna a tomar decisións difíciles co fin de manter o negocio e, sobre todo, garantir a calidade do seu traballo, a pedra angular do negocio e onde reside esa diferenciación que reclama o cliente. Actualmente Campus Stellae - Isabel Suárez conta con taller e dúas tendas, unha no Milladoiro e outra no centro de Santiago (na rúa Xeneral Padiñas) onde esta xoieira amosa a alma que transmite ás súas pezas, perfectas para regalar este Nadal porque nelas vai implícita a autenticidade, a liberdade, a beleza e o amor polo propio.

Coa incorporación da xoiaría Campus Stellae - Isabel Suárez, o selo de garantía de Galicia Calidade suma xa oito empresas certificadas no ámbito da xoiaría ourivaría. Trátase de Fernando Gallego Xoieiro Artesán (Outes), Óscar Rodríguez Joyeros (Viveiro), Unión Joyera de Bergondo e Ardentia, ambas as dúas de Bergondo, e tres de Compostela: Fink Orfebres, Katuxa Platero Joyas e Orfega. Elixir as súas alfaias este Nadal supón moito máis que regalar unha xoia: é apostar pola artesanía, a tradición, a arte e a cultura galegas en estado puro.

(Reportaxe publicada no número 354 – novembro 2020)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)