Espumoso galego para brindar este Nadal
Actualmente son xa sete os espumosos galegos que contan co selo de garantía de Galicia Calidade. Un deles, Gundián Brut, de Adegas Valdés, foi elixido o mellor espumoso galego nas Catas de Galicia deste ano, pero o distintivo de calidade ampara tamén dous espumosos de Señorío de Rubiós, dous de Terra de Asorei e cadanseu de Altos de Torona e Valtea.
Cada vez son máis as adegas galegas que apostan polos espumosos e cada vez logran mellores bebidas. Nos últimos anos tanto o público como a crítica téñense rendido á excelencia da produción de espumosos na nosa comunidade, contribuíndo con iso a incrementar o investimento, a investigación e a produción por parte das adegas galegas.
Pero se hai un dato que confirma a excelencia destes caldos é a súa incorporación á marca de garantía Galicia Calidade. Actualmente, contan co selo un total de sete espumosos de cinco adegas galegas. Dúas delas contan con dous certificados; son Señorío de Rubiós, que ten o Condado blanco Brut e o Condado blanco Brut Nature, e a adega Terra de Asorei que ten o selo de garantía para o Brut 1953 Pazo Torrado e o Brut Terra de Asorei. Todos eles pertencen á D.O. Rías Baixas. Así mesmo, contan co distintivo de calidade da Xunta de Galicia os espumosos elaborados con viño albariño Altos de Torona Brut, Valtea Brut Nature e Gundián Albariño Brut de Adega Valdés.
Precisamente Gundián foi premiado como o mellor espumoso do ano nas Catas de Galicia deste 2020, nas que participaron un total de 348 mostras pertencentes a 143 adegas. O albariño brut Gundián, da Denominación de Orixe Rías Baixas, levou o Acio de Ouro ao mellor espumoso, un novo recoñecemento para a adega e para os espumosos galegos que, de seguro, van brillar con luz propia este Nadal nas mesas de Galicia e tamén de fóra, xa que cada vez é maior a exportación do sector.
En 2019 Galicia exportou case 20.300.000 litros de viño o que supuxo uns ingresos de case 50 millóns de euros segundo o Observatorio Español do Mercado do Viño, no que a provincia de Pontevedra figura, ademais, entre as vinte provincias españolas que máis vino exporta en termos de valor. Un motivo máis para brindar este Nadal.
Comentarios (0)