“Para min Vigo está por riba de todo e teño claro que para Caballero xa non é unha prioridade”
Leva 100 días como delegada da Xunta de Galicia en Vigo, o concello no que o alcalde socialista figura sempre na lista dos máis votados. Malia todo, a popular asegura que hai moito por facer non só na cidade senón en toda a área metropolitana e aí estarán os seus ollos e oídos para recoller, e responder, todas esas demandas da veciñanza. Porque Marta Fernández-Tapias declárase cen por cen viguesa e aínda que exerceu como avogada, en 2016 foi designada directora xeral de Administración Local e son moitas as voces que aseguran que a súa carreira política non fixo máis que empezar.
Leva apenas tres meses como delegada da Xunta de Galicia en Vigo. Como recibiu o nomeamento?
Agradezo a confianza do presidente e do vicepresidente para representar a Xunta de Galicia na miña cidade e asumo con responsabilidade e ilusión esta nova etapa, na que estou centrada en estar preto dos cidadáns, recoller todas as súas demandas, ser os ollos e os oídos da administración que presta os servizos básicos. En definitiva, servir a todos os veciños de Vigo e a súa área.
Aínda que leva pouco neste cargo xa ocupaba postos políticos de relevancia. Notou moito cambio no día a día neste novo posto?
A miña experiencia política como directora xeral de Administración Local proporcionoume unha relación directa con todos os alcaldes de Galicia e serviume para reafirmarme na idea de que cando traballamos xuntos, cando as distintas administracións suman esforzos, multiplícase o beneficio para os cidadáns. Así o creo e así o comprobei.
Antes exerceu como avogada… que a leva a dar o salto á política?
Levo en política desde que me afiliei ao Partido Popular no ano 92 e foi no ano 2016 cando tiven a oportunidade de asumir responsabilidades de xestión, entón din o paso. Fíxeno no momento oportuno, por vocación, por convicción e por responsabilidade.
Foi nas listas do PP tanto nas últimas eleccións autonómicas como nas locais e o seu nome soou xa en varias ocasións para postos de relevancia política no Partido Popular. Nun momento en que a política está tan deostada, séntese cómoda nun cargo de grande “exposición” pública?
Gústanme os retos e non me asustan as responsabilidades. Políticas e políticos hai de moitos tipos, nós defendemos a política útil, a real, a que é de verdade. Aquela que entende que os intereses dos cidadáns están por riba de todo e que estamos aquí para servilos. Para min é unha honra poder representar a Vigo nas listas do meu partido.
É vostede representante do goberno galego nunha das cidades máis “socialistas” do estado. Como se leva isto, é máis doado ou complica a xestión?
Cando noutras cidades de Galicia hai entendemento, independentemente das cores políticas, en Vigo o alcalde non ten vontade de chegar a ningún acordo. A busca de constante de confrontación entre administracións que fai Caballero non brinda, a longo prazo, ningún beneficio para os cidadáns. Para min Vigo está por riba de todo e teño claro que para Caballero a cidade xa non é a súa prioridade. A nós aválannos os feitos e non podemos deixarnos levar por unha pretendida guerra política que non conduce a ningures.
Estamos a vivir unha das situacións máis complicadas da era actual. Cales son as principais preocupacións que lle ten feito chegar a cidadanía de Vigo nestes primeiros meses?
A principal preocupación é a pandemia sanitaria, pero non podemos perder de vista que esta situación leva asociada unha pandemia económica. Nós dixemos que non iamos perder nin un minuto en reconstruír a nosa economía e así o estamos a facer. Manter a actividade económica e o emprego debería ser un obxectivo común de todas as administracións. O Goberno galego está a facelo cun plan de reactivación e dinamización económica e co fortalecemento dos servizos públicos que se prestan aos cidadáns.
Cre que se está xestionando adecuadamente o tema sanitario? En que situación está a cidade agora mesmo e cales son os retos que ten neste eido?
En Galicia temos un goberno estable que nos permitiu afrontar a pandemia con dilixencia e contundencia. Fomos pioneiros ao implantar o covid-auto ou a técnica de pooling, o cribado usando mostras de saliva. Estamos a cumprir co plan de vacinación, cun ritmo que nos sitúa á cabeza das Comunidades Autónomas. Debemos agradecer o extraordinario traballo que está a realizar o persoal sanitario. […]
Vigo é unha cidade industrial que sufriu a crise do naval e tamén da industria e agora a pandemia está afectando gravemente o sector servizos. Cales son as necesidades da área no ámbito empresarial e económico arestora?
A reactivación económica é unha prioridade absoluta para o Goberno galego e neste contexto o apoio ás empresas para crear emprego e sentar as bases para o crecemento económico é crave, así como o plan de reactivación. No sector servizos as tres liñas de axuda do plan de rescate para autónomos, microempresas e hostalería estanse aboando en tempo récord. A 28 de decembro xa tiñamos aboado o 70 % dos 82 millóns destinados a estes sectores. Agora ben, é necesario que o resto de administracións, central e local, se involucren con apoios directos.
A que deberan destinarse os fondos de recuperación na área?
Dos 108 proxectos presentados por Galicia que optan aos fondos europeos, a automoción da nosa área xoga un papel moi importante. E para que estes proxectos saian adiante a colaboración público-privada é fundamental. É o caso do proxecto Autoancora que prevé mobilizar 1.300 millóns de euros e suporá a creación de 900 empregos directos. En canto ao sector naval, colaboraremos cos estaleiros para optar aos fondos comunitarios e reclamar igualdade de criterios na distribución das axudas que xa se están a conceder a outros europeos de Alemaña ou Holanda.
Asegurou que a partida orzamentaria da Xunta para Vigo respondía ás necesidades da cidade. Que destacaría deses 143 millóns de euros?
Ao fío do dito, todas as decisións que se puxeron en marcha durante os últimos anos en Vigo foron encamiñadas a ser útiles para a cidade. O grado de compromiso da Xunta con Vigo non está en cuestión pois é, de lonxe, a Administración pública que máis inviste na cidade, máis de 1.000 millóns nos últimos anos. Para este ano, o orzamento do Goberno autonómico recolle partidas que superan os 143 millóns de euros. Un exemplo máis da nosa implicación cos veciños e veciñas de Vigo, pero que sobre todas as cousas responden ás súas necesidades […]
Tamén temos xa Presupostos Xerais do Estado. Que aportarán á cidade?
Son uns orzamentos elaborados e pensados de costas a Vigo. Son os peores orzamentos en 15 anos. Este é o caso da saída sur ferroviaria que permitiría facer pasante a estación de Urzaiz e pechar Guixar, reducir as distancias en tempo con Madrid e Portugal, e situar Galicia no mapa das redes transeuropeas. Desde a Xunta non estamos dispostos a aceptar unha nova discriminación do Corredor do Atlántico fronte a outros territorios. O noso obxectivo é ter unha rede ferroviaria realmente competitiva e que mellore as capacidade loxísticas de Galicia. A saída sur e unha das máis estratéxicas e con maior proxección neste eido, incluíndo a conexión coa terminal portuaria de Bouzas. As prioridades do goberno socialista son outras.
E suma e segue: a autovía Vigo-O Porriño recibe 100.000 euros e tan só 500.000 se destinan ao proxecto de entrada do AVE á cidade por Cerdedo. A sede de investigacións mariñas proxectada na ETEA terá que esperar uns anos para ser realidade ao igual que ocorre coa Biblioteca do Estado. Queremos que Vigo teña a mellor Biblioteca do Estado de Galicia, á que o Goberno central non só non destina máis de 100.000 euros, senón que corrixe á baixa e reduce á metade o plan de usos de 8.000 metros cadrados que lle remitimos desde a Xunta.
O papel do porto de Vigo é esencial e agora ten novo presidente. Que agardan para o futuro inmediato da rada?
O Porto de Vigo é un dos motores económicos da nosa cidade e manteremos o clima de colaboración na busca do mellor sempre para Vigo, como é o caso da defensa da saída sur e o Corredor do Atlántico.
Que cambios lle gustaría ver en Vigo dentro de 15 ou 20 anos?
Vigo está a perder posicións respecto a outras cidades galegas. É o resultado de gobernar de costas ao entendemento e ás alianzas, imprescindibles para retomar o liderado que Vigo nunca debeu perder. Debemos recuperar o Vigo aberto e acolledor que fomos. Unha cidade de emprendedores na que os nosos fillos non teñan que saír fóra en busca de oportunidades. Ademais dun referente industrial, temos que volver a ser un referente cultural, un exemplo de modernidade ben entendida. Hoxe, desgraciadamente, estamos á cola da oferta cultural de España.
E mirando ao futuro no ámbito máis persoal… é evidente que o PP ten a espiña de Vigo cravada. Gustaríalle ser a persoa que saca a espiña ou poder intentalo, ao menos?
Nin mo planteo. Agora mesmo estou centrada ao 100 % nas miñas responsabilidades como delegada da Xunta e esta é a miña prioridade agora mesmo.
(Extracto da entrevista publicada no número 356 – xaneiro 2020)
Comentarios (0)