Temperan as previsións de crecemento económico
A pandemia provocada pola covid-19 está a provocar unha serie de impactos macroeconómicos, con efectos aínda por cuantificar a nivel mundial. O que si está claro é que as caídas no PIB e no nivel de emprego non teñen precedentes na nosa historia económica recente. E, por riba, as previsións de crecemento para este ano desínchanse.

A intensidade da terceira vaga da covid-19 e as demoras no proceso de vacinación provocaron un novo axuste á baixa na maioría das previsións de crecemento para 2021. Esta é unha das principais reflexións que recolle o documento ‘A Economía Galega. Informe 2019-2020’, elaborado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) e coordinado polo profesor da USC Alberto Meixide.
Segundo o último informe sobre o estado da economía galega, o PIB galego medrou un 1,8 % en 2019, dúas décimas menos que no conxunto de España, pero cinco décimas máis que na Eurozona. Entre 2015 e 2019 a taxa de crecemento do PIB, malia que positiva, foi cada ano menor ao anterior e sempre –excepto en 2015– inferior á española. “Os resultados confirman que en recesión a economía galega non cae tanto como a española, pero en períodos expansivos crece menos”, constata o informe. Porén, o escenario galego sufriu un cambio radical hai xusto un ano, co inicio da pandemia. A crise de 2020 puxo fin ao período de recuperación económica comprendido entre os anos 2014 e 2019.
O Instituto Galego de Estatística (IGE) estimaba que 2020 finalizaría cunha contracción do PIB do -9,7 % e un crecemento en 2021 do 8 %. “Como no caso de España, as estimacións do Goberno galego sitúanse na franxa máis elevada, fronte a outras nas que se espera unha caída máis forte en 2020 e unha recuperación non tan intensa en 2021”, asegura o informe da USC. O certo é que no segundo trimestre do ano pasado a caída do PIB español foi do 17,8 %, o maior da Unión Europea. Os expertos culpan disto á combinación entre o confinamento estrito decretado para frear a primeira vaga da pandemia e un modelo de crecemento excesivamente dependente do sector servizos, en particular turismo e hostalería.
O informe do Idega asegura que resulta máis difícil predicir o que acontecerá en 2021 “debido á confluencia de múltiples factores externos e internos caracterizados por un elevado grao de incerteza e volatilidade”. Entre os factores que marcarán a traxectoria da economía galega este ano –e nos próximos–, están a duración e intensidade da terceira vaga da covid-19, o tempo estimado do período de vacinación, as repercusións do acordo do Brexit en determinados sectores produtivos, a capacidade de xestión dos fondos europeos, as políticas da nova Administración norteamericana e as súas implicacións no comercio internacional ou o desenvolvemento das reformas estruturais pendentes. En calquera caso as proxeccións relativas á recuperación esperada para 2021 tamén sufriron xa unha revisión á baixa e a maioría sitúanse nun intervalo que van do 5 ao 9 %, sendo a máis optimista a do Goberno.
O emprego sofre menos do agardado
Ao inicio de 2020 había 106.000 ocupados menos e 32.000 parados máis que en 2008, polo o crecemento sostido da ocupación entre 2015 e 2019 non foi suficiente para recuperar os niveis precrise. A pandemia acentuou a perda de poboación activa o que atenuou o impacto en termos de desemprego. A taxa de paro tivo un valor similar ao de 2019 e os datos de ocupación mostran un empeoramento “moi inferior ao que correspondería tendo en conta o nivel de destrución de PIB”, sinala o informe, que destaca como factor clave os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE).
Evolución da demanda e da oferta
Todos os compoñentes da demanda interna tiveron en 2019 unha achega positiva ao PIB mentres que en 2020 a caída foi notable, sendo moi intenso o descenso na formación bruta de capital e no gasto dos fogares. En canto á oferta, a evolución en 2019 dos grandes sectores foi moi irregular e en 2020 a industria manufactureira foi, no segundo trimestre, o principal sector prexudicado pola crise sanitaria, descendendo o seu VEB un 29,6 %. Tamén foron notables as caídas na construción (-19,6 %) e nos servizos (-16 %), que se amorteceron no terceiro trimestre. No sector primario foi onde menos se sentiron os efectos da crise.
Tampouco o comercio exterior foi alleo á situación xeral. En consonancia coa traxectoria do comercio mundial, nos oito primeiros meses de 2020 baixaron tanto o valor das exportacións (-13,5 %) como o das importacións (-21,2 %) véndose afectados os principais grupos arancelarios, excepto os produtos alimentarios e as exportacións de automoción. Por outra banda, Tras o record de investimento estranxeiro directo en 2019 (723 millóns de euros), no primeiro semestre de 2020 a contía reduciuse a 25,8 millóns de euros. Pola contra, o investimento estranxeiro emitido por Galicia foi de 1.725,5 millóns de euros. As actividades inmobiliarias e o comercio polo miúdo seguen concentrando os investimentos galegos no exterior tanto en 2019 como en 2020.
(Noticia publicada no número 358 – marzo 2021)
Comentarios (0)