Cancro, a outra pandemia
A gravidade da situación provocada polo SARS-CoV-2 foi quen de agochar outras pandemias para as que aínda non hai vacina nin, en moitas ocasións, cura. É o caso do cancro, unha pandemia mundial que vai en aumento e que tamén sufriu de cheo o impacto da covid-19. Os expertos reclaman máis investigación e piden non baixar a garda.
O número de novos diagnósticos de pacientes con cancro baixou un 21 % durante o confinamento con respecto ao mesmo período de 2019, un descenso que corresponde, na maior parte dos casos, á suspensión da actividade asistencial. É dicir, non se trata dunha diminución de casos, senón de diagnósticos. Tamén se observou un descenso no número de pacientes atendidos en hospitais de día do 14 % e dun 9,5 % nos que reciben tratamento con quimioterapia, entres que nos servizos de radioterapia o descenso foi dun 5 %.
Son datos dun informe elaborado pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) que amosa o impacto da pandemia na atención sanitaria. O estudo desvela, ademais, un incremento das listas de espera, pacientes que non quixeron acudir aos centros sanitarios por medo e un sistema de saúde que canalizou gran parte dos recursos para asegurar a atención dos pacientes de coronavirus, unha situación que provocou, durante os meses de marzo a xuño, atrasos significativos na atención doutros problemas de saúde, entre eles o diagnóstico e tratamento do cancro.
Un estudo do pasado mes de maio xa revelaba a situación agravada de fraxilidade emocional e social das persoas con cancro e as súas familias. Agora, a AECC centrouse en coñecer o alcance real do impacto da covid-19 nos pacientes oncolóxicos no ámbito hospitalario nos meses de confinamento. Para iso traballouse coas sociedades científicas implicadas na abordaxe do cancro e o resultado é un primeiro informe cuxa principal conclusión é que a pandemia supuxo un descenso tanto no número de novos diagnósticos como no inicio de novos tratamentos na poboación con cancro.
Consultar sen demora novos síntomas
Afortunadamente a situación parece comezar a reverterse nos últimos meses. A Dra. Teresa Curiel, directora de HM CIOCC Galicia, asegura que este mes de xaneiro o centro oncolóxico galego xa recuperara niveis de actividade pre-pandemia, pero aínda detectaban medo a consultar novos síntomas. “Os pacientes en tratamento están acudindo con normalidade pero aos que presentan novos síntomas aínda lles costa acudir a consulta e é moi importante que o fagan porque no cancro segue sendo esencial o diagnóstico precoz”, indica a Dra. Curiel. “Hai pacientes que chegan en estadios tan avanzados que non poden recibir xa tratamento, aínda que sexa con fins paliativos”, asegura a oncóloga.
“Inicialmente houbo unha recomenda das sociedades científicas para atrasar os tratamentos, pero cando se viu que a pandemia se ía alongar máis do esperado fixemos un esforzo por concienciar da necesidade de acudir ás consultas”, explica a Dra. Curiel, para quen a teleconsulta é unha ferramenta máis pero nunca debería ser a elixida para unha primeira valoración ou para pacientes con síntomas de nova aparición para os que a teleconsulta “non resolve o problema e pode acrecentalo”, destaca a doutora. “Non se debe abandonar nin atrasar ningún tratamento nin pasar por alto síntomas novos, xa dirá o médico se son ou non importantes e que facer en cada caso, pero hai que consultar sempre”.
E por se non quedara suficientemente clara a importancia da cuestión, a Dra. Curiel recorda que no exceso de mortes rexistrado o ano pasado no noso país hai moitas por covid pero moitas outras que non teñen que ver coa nova enfermidade. “Hai un exceso de mortes por covid e por non covid. O cancro tamén é unha pandemia e debemos telo presente”.
Unha mensaxe na que inciden estes días varias sociedades científicas baixo o lema “O cancro estaba, está e estará”, co obxectivo de que non se esquezan as necesidades dunha poboación cunha enfermidade da que cada ano morren en España máis de 110.000 persoas.
(Reportaxe publicada no número 358 – marzo 2021)
Comentarios (0)