Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

LIDERA: Cooperación europea durante a crise



POR ANA MARIÑO GARCÍA · PUBLICADO O 08 DE ABRIL DE 2021 · (0)




Chámome Ana, e son unha estudante galega. Estudei relacións internacionais en Madrid e este ano decidín comezar un novo proxecto uníndome ao VOLUNTARIADO DE IVY (INTERREG VOLUNTEER YOUTH). A integración en proxectos europeos vén de dous lados no meu caso, xa que estou facendo este voluntariado na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, quen tamén participa noutros programas europeos.

Dentro deste voluntariado teño a oportunidade de poder traballar con proxectos Interreg, especialmente con LIDERA, un proxecto de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal enfocado a impulsar a competitividade empresarial nesta rexión. Este proxecto trata de impulsar o desenvolvemento económico a través das capacidades dos novos emprendedores e a súa cooperación.

Tendo en conta a situación actual de pandemia e as dificultades coas que nos atopamos para organizar eventos presenciais así como para levar a cabo proxectos de cooperación transfronteiriza, pódese pensar que non é o mellor momento para participar nestes programas, pero sería un erro. Lidera, e os seus socios, seguen traballando activamente na procura de solucións e formación para novos emprendedores. Un dos últimos eventos foi levado a cabo en novembro pola Fundación Galicia Europa, dentro do  proxecto LIDERA (POCTEP, Interreg 2014-2020), no que se impartiu un curso intensivo de ecoturismo: "Novas estratexias para un turismo sostible. As empresas turísticas, a súa evolución, futuro e liñas de financiamento na UE". 

Debido á proximidade das dúas rexións, o turismo parece unha boa opción para a reactivación da economía, pero pode este sector voltar como antes da crise do Covid? Non. Para aproveitar o máximo as oportunidades do sector turístico entre Galicia e o Norte de Portugal nesta época de crise ou de post-crise, cómpre reinventalo e adaptalo ao novo paradigma e ás novas necesidades turísticas. Por iso, para valorar e aproveitar esta oportunidade, a Fundación Galicia Europa organizou este curso intensivo para a mocidade emprendedora e que queira emprender, centrado especificamente no turismo ecolóxico e responsable, contando coa colaboración de expertos nesta área.

Este curso abriunos os ollos ante a xanela que ofrece esta pandemia para reinventar un sector que dende hai tempo berra por unha reforma cara á sustentabilidade. Evitar o turismo de masas permite unha actividade máis responsable no sector, respectando a poboación local, o patrimonio cultural e o medio ambiente. O turismo activo e individualizado foi o núcleo da nosa análise, revelando as principais prioridades que caracterizan este período: a seguridade sanitaria e pasar tempo ó aire libre. O turismo local tamén se revalorizará nun futuro próximo, permitindo unha nova forma de turismo sen necesidade de percorrer longas distancias para descubrir novos lugares ou culturas. Un exemplo disto foi unha relatora, Patrícia Martins, que participou no curso, que creara a súa propia exposición de artesanía, na que recreou ela mesma artiluxios e produtos populares de Portugal que xa desapareceron ou están a piques de facelo.

Un bo aspecto de facer o voluntariado na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela con IVY é que ambos teñen proxectos europeos diferentes que poden complementarse. Por exemplo, dentro dos  proxectos da Cámara de Comercio teño a oportunidade de traballar dentro do programa Erasmus for Young Entrepreneurs, un programa de intercambio europeo centrado en aumentar a cooperación entre novos emprendedores e os xa consolidados entre diferentes países. Este programa europeo e LIDERA son bastante conciliables, xa que moitos participantes en LIDERA son candidatos potenciais para participar no intercambio Erasmus e aumentar as súas capacidades empresariais.

É hora de reinventar e aproveitar as oportunidades que pode traer esta situación. Os organizadores de LIDERA sábeno e seguen traballando activamente para contribuír ao desenvolvemento da mocidade, converténdose nunha parte moi enriquecedora da miña carreira profesional e permitíndome adquirir un coñecemento máis profundo dos programas europeos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)