Abanca rectifica tras o escándalo da súa última campaña
Primeiro nas rúas e entre unha parte do seu persoal, despois nas redes sociais e finalmente chegaron aos medios de comunicación as queixas de milleiros de cidadáns indignados coa nova campaña de Abanca “Aínda vés á oficina para todo?”. Unha publicidade que vía a luz coincidindo coa reportaxe que publicabamos en ECO o mes pasado sobre a perda de oficinas bancarias e os problemas de exclusión financeira que iso está provocando en Galicia.

Tal como recollía a reportaxe de ECO, o 'Informe de exclusión financeira de Galicia 2018' amosaba a perda de 936 oficinas entre 2008 e 2018, un 37,5 % do total, aínda que a situación agrávase se miramos as cifras a xuño do pasado ano, cando atopamos unha porcentaxe de peches próxima xa ao 50 %. Segundo as cifras publicadas en xuño de 2020, o número de sucursais en Galicia era de 1.314 fronte ás 2.539 que aparecen no informe de setembro de 2008. En 2019 había 41 concellos galegos sen oficina de banca (o 13 % do total), unha situación que afecta xustamente a quen máis precisa destes servizos: as persoas maiores, un colectivo especialmente importante na nosa comunidade.
Precisamente a ese colectivo dirixiu Abanca a súa última campaña: “Se podes ver os netos desde a tablet, podes sacar cartos desde o caixeiro” dicían nos carteis que colgaron en todas as oficinas e que provocaron unha inmediata onda de indignación de clientes e familiares que, xustamente, denunciaban as dificultades que os seus pais ou avós están tendo para poder facer xestións co banco. É o caso dunha muller que denunciaba en Twitter que alentasen a súa avoa de 95 anos e cega a usar o caixeiro automático.
As fotos e denuncias creceron como unha bola de neve tanto por parte de cidadáns como entre entidades sociais e políticas. Un concelleiro do grupo municipal Manifesto Miñor de Gondomar presentaba unha “Moción de urxencia sobre a campaña de Abanca que denigran as persoas maiores” na que se pedía, entre outras cousas, a retirada inmediata da campaña, cousa que non foi necesaria porque unhas horas despois Abanca anunciaba a retirada e pedía desculpas. “Hemos escuchado diversas opiniones sobre alguno de los carteles que hemos colocado en nuestras oficinas estos días y pedimos disculpas a quienes les hayan podido molestar. Nuestra intención no es incomodar a nadie, por lo que hemos decidido comenzar a retirarlos”, anunciaba a compañía o 23 de febreiro.
Retiran os carteis, manteñen a mensaxe
Apenas unhas horas despois da desculpa, moitas oficinas lucían carteis co mesmo lema “Aínda vés á oficina para todo?” acompañado dun “Agora toca coidarnos máis”, sen dúbida un máis que dubidoso intento de maquillar a polémica mensaxe… sen cambiala. Porque de novo se pedía acudir á oficina “só para o que necesites” e, ademais, anúnciase a limitación de horario de caixa a partir de xuño de 8:15 a 11:00 horas.
Unha empregada de Abanca da capital galega aseguraba a ECO que se trata dunha práctica efectiva xa na realidade, porque desde hai tempo o persoal ten instrucións de restrinxir a atención e dirixir a clientela aos caixeiros ou ás vías telemáticas para que fagan as operacións que piden nas oficinas. Tamén clientes confirman que foron avisados en ocasións de que non se lles prestaría máis o servizo requirido en oficina e que debían facelo nas aplicacións dispoñibles ou nos caixeiros. Agora, coa restrición de horarios, Abanca dá un paso máis na eliminación da atención presencial, sen dúbida, un duro golpe para todos e, de xeito moi especial, para as persoas maiores.
Outra polémica a conta das nóminas e pensións
A campaña alentando a facer as xestións online non foi a única que xerou polémica recentemente. Hai outra que pasou máis desapercibida pero que, segundo nos comenta unha traballadora de Abanca en Galicia, provocou varias queixas nas oficinas desta comunidade autónoma. Trátase dunha campaña de captación de nóminas que a entidade ten en marcha ata o 31 deste mes de marzo e que, como se aprecia nas capturas da súa propia páxina web, cambia completamente os termos segundo a residencia da persoa que solicite a promoción. Se es de Madrid ou Asturias, por domiciliar a túa nómina ou pensión en Abanca recibirás un incentivo de 300 euros. Pero se es de Galicia, só levarás 150 euros.
“Son estratexias comerciais para captar clientes noutros mercados pero, para os que estamos cara ao público, non nos facilita nada o traballo. Non é doado explicarlle á xente que a súa nómina ou pensión, se é de Madrid, vale o dobre”, explicábanos esa empregada.
(Extracto da reportaxe publicada no número 358 – marzo 2021)
Comentarios (0)