30 anos son algo
Quedaban a desmán os escenarios das dúas grandes citas para as que se preparaba, entre histérico e ilusionado, o país: a Expo de Sevilla, o Quinto Centenario do Descubrimento de América e, sobre todo, as Olimpíadas de Barcelona. Pero Manuel Fraga encargouse de conseguir para esta esquina do noroeste a súa parte do pastel, dúas autovías e garantías de que o Xacobeo 93 non quedaría coxo. A ver o que pasa co deste incerto 2021.
O incombustible vilalbés, que aínda tería 14 anos máis por diante como presidente dos galegos, poñíase ao choio para que Galicia non fose menos asinando co ministro de Obras Públicas, Javier Sáenz Cosculluela, o compromiso de dúas novas autovías de acceso a Galicia antes de 1996, unha destino Coruña a través de Lugo e outra por Ourense ata Vigo. De feito acaparamos o 30 % do investimento previsto polo Goberno para estradas de alta capacidade. Como sempre pasa, as datas non se axustaron pero aínda así en 1996 Galicia foi a comunidade na que máis quilómetros de novas autovías entraron en funcionamento.
Nese 1991 en que ECO vía a luz por ver primeira, Fraga tamén pediu outra cousa: diñeiro para o Xacobeo 1993 cun trato similar ao dispensado á Expo 92 e os Xogos Olímpicos. E 30 anos despois volvemos estar na mesma casa da oca, coa Xunta esixindo a Madrid que concrete cartos para este Ano Santo. Malia que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo convocaba ás comunidades involucradas para presentarlles o Plan Estatal Xacobeo 2021-2022 este marzo, de momento temos unha presentación dixital de 14 follas sen detalles dos cartos a gastar. A xestión da pandemia afogou centos de negocios que viven por e para o roteiro, coa maioría de albergues pechados nun Xacobeo orfo de peregrinos. O estado si que garantiu facerse cargo das campañas de promoción en Europa, Xapón, Corea, Estados Unidos e Brasil mentres a Xunta pide coordinar eses traballos e non gastar menos de 30 millóns de euros.
Así que de Xacobeo a Xacobeo, botemos agora unha ollada atrás para lembrar chiscadelas, modas e teimas daquel ano do estourido “grunge” e este 2021, ao que chegamos arrastrando as consecuencias dunha xestión disque sanitaria cun horizonte cando menos estraño diante de nós. […]
(Extracto da reportaxe publicada no número 359 – abril 2021)
Comentarios (0)