Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Non son un defensor das Deputacións, son un defensor das funcións que cumpren, que podería cumprilas perfectamente a Xunta”



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 03 DE XUñO DE 2021 · (0)




Accedeu á alcaldía das Pontes de García Rodríguez en 2007 e oito anos despois Valentín González Formoso convertíase en presidente da Deputación da Coruña, cargo que revalidou en 2019 “coa ilusión do primeiro día”, tal como dixo no seu discurso de investidura, no que tamén se comprometeu a “liderar un goberno provincial que terá como principio fundamental a lealdade institucional e a colaboración con todas as administracións, independentemente da súa cor política”. Un discurso que o convirte case nun outsider da política actual pero tamén nunha das promesas do socialismo galego.

Ten ampla experiencia na política local e tamén na provincial. Como cambiaron as cousas neste último ano nos dous ámbitos, diferentes pero moi relacionados?

Foi un ano de estremos. Tivermos que testar a flexibilidade da xestión das administración locais nun ano no que as necesidades de servizos sociais, de promoción económica e de reforzo de servizos básicos se puxo a proba. A reflexión é positiva porque as administracións locais puideron dar resposta a esas necesidades inmediatas que demandaba a cidadanía, pero tamén de preocupación, porque vimos as carencias e deficiencias de financiamento deses servizos básicos, que tiveron máis dependencia que nunca da Deputación e que outras administracións, como a Xunta de Galicia, desatenderon. Esa é a materia pendente que pedimos ao Goberno galego para situacións que se van dar no futuro inmediato pola crise económica que trae esta pandemia.

Como foron as relacións, tanto coa Xunta de Galicia como co Goberno central nestes meses?

Moi fluídas, sobre todo con aqueles departamentos cos que tivemos maior necesidade de coordinación. No caso da Xunta con Sanidade, Presidencia, no ámbito de protección civil, dos servizos básicos… E co Goberno central igual, sobre todo cando tivemos situacións complexas, cando se precisaba material de protección… a resposta foi boa.

Nos últimos anos viuse un cambio de estratexia no investimento que pasou de estar centrado nas obras a estalo nos servizos. Supoño que este último ano puxo en evidencia a necesidade de repensar o modelo social…

Eu creo que todas as administracións teñen claro que a protección social é unha garantía que ten que ir a máis. Esta Deputación xa aprobou un reforzo importante dos plans de acción social e nós sacamos un plan social que é o primeiro na súa historia. Pero creo que esta é unha reflexión que debe facer a sociedade no seu conxunto. A día de hoxe seguimos a atender as mesmas demandas de clubs deportivos, asociacións culturais… como se non pasara nada. Temos que ser conscientes das necesidades actuais e esixir a quen administra os recursos públicos que priorice a protección social e a imprescindible reactivación económica. Debemos axilizar a implantación de proxectos, investir no sector produtivo… todo o que supón manter os postos de traballo. Eu creo que agora iso é o esencial.

No ámbito económico cales son as principais preocupacións e as principais demandas que vos achegan agora mesmo empresas, autónomos, traballadores…

Son diversas; agora mesmo temos que atender a colectivos, como autónomos e hostalería, que tentan sobrevivir. O ano pasado puxemos en marcha un plan específico para eles, Reactiva, dotado con 12,5 millóns de euros, co fin de apoiar negocios que son viables e que seguen nunha situación moi vulnerable.

Por outra parte temos as grandes empresas que piden axilización dos fondos europeos que van a garantir un investimento superior ao normal nos próximos oito anos. E piden, sobre todo, que se faga con cabeza, porque hai experiencias pasadas que suscitan desconfianza, como foi o Plan E. Estes cartos teñen que servir para reforzar a consolidación de proxectos empresariais viables e reconducir a situación económica.

E finalmente está o capital semente, a xente que quere emprender e que precisa apoio para empezar, para traballar en rede… aí está a esperanza da Deputación. Desde 2016 creáronse 1.826 empresas que seguimos titorizando e a porcentaxe de mortalidade é moi baixa. Isto indica unha capacidade de iniciativa empresarial enorme […]

Sempre que falamos de Deputacións temos que facer mención a ese debate sobre a necesidade desta institución. Supoño que non vai ser o presidente dunha quen renegue delas pero… cambiaron as prioridades tras a situación vivida nestes últimos meses?

Eu non son un defensor das Deputacións, son un defensor das funcións que cumpren, que podería cumprilas perfectamente a Xunta de Galicia. Creo que hai que facer unha reflexión seria, sincera, áxil, práctica e realista de cales deben ser os medios a disposición da cidadanía, non que cidadáns están a disposición das administracións, que é o que está a pasar nun país que ten unha subdelegación do goberno a 500 metros da Delegación, que ten os primeiros 6 metros de costa titorizados por Costas do Estado e outros 94 polo servizo provincial del costas con oficinas distintas, persoal distinto… Eu creo que hai que facer unha reflexión e nesa reflexión pensar se teñen sentido as Deputacións se a Xunta de Galicia garante as funcións e os orzamentos de financiamento –que son a clave de todo isto– aos Concellos. Os alcaldes queren certeza e o presuposto da Deputación garante esa certeza, permítelles saber a 1 de xaneiro cal vai ser o aporte provincial para elaborar o seu orzamento […] 

Caracterízase vostede por ser bastante ecuánime nas valoracións dos adversarios políticos, sexan compañeiros de coalición, oposición directa, administracións doutra cor política… Resulta estraño con todo o que estamos vendo nos últimos tempos. Como valora a situación política actual?

Eu creo que a cidadanía é suficientemente intelixente para saber que cando alguén critica o cen por cen do que fai un goberno, esa crítica non ten credibilidade. Nin o Goberno de Feijóo fai todo mal nin o presidente Sánchez fai todo ben, aínda que sexa compañeiro de partido. Sánchez comete erros, igual que Feijóo. E eu máis cós dous xuntos. Desde esa perspectiva, creo hai que reservar a crítica para cando é realmente necesaria e, sobre todo, aportando alternativas. A min preocupoume moito ter que apagar a tele durante o confinamento para que os meus fillos non visen as barbaridades que se dicían nas sesións de control, e que se seguen vendo a día de hoxe […]

Porque todo xira arredor da rendibilidade política, de gañar eleccións…

Pero é unha rendibilidade cutre, que toma por parva á cidadanía. E non funciona, porque tanto nos concellos como nas comunidades autónomas seguimos vendo que a cidadanía premia con maiorías absolutas a aqueles que foxen de políticas destrutivas, de xudicializalo todo, e que buscan propostas en positivo. Eu son partidario desa política, de convencer, de gustar máis á xente, e non de destruír.

Dicía nunha entrevista en 2015: “Non identifiquemos a nova política cos partidos emerxentes. Temo que o chasco vai ser tremendo”. Parece premonitorio. Como ve todo o acontecido con esas agrupacións emerxentes que viñan a ocupar un espazo ao que o PSOE parecía estar renunciando?

Como algo moi pobre pero tamén o valoro como unha chamada de atención para os partidos de esquerdas, como o Partido Socialista, non se aburguesen. Non debemos esquecer as nosas orixes, para que fomos creados hai 140 anos e para que nos pon a cidadanía nuns postos que non son nosos. Debemos ter presente para que estamos aquí sen caer no populismo, que é o maior risco que ten unha sociedade nun momento conxuntural, e así o temos visto ao longo da historia: o populismo e o nacionalismo extremo trouxeron as maiores desgrazas á sociedade moderna. E o que pasou con eses partidos emerxentes foi unha chamada de atención para recordarnos que é a cidadanía quen nos mantén aquí mentres sexamos útiles á sociedade.

Tamén foi moi claro, e crítico, co resultado das últimas autonómicas cando o PSOE non recuperou ese espazo perdido polas novas formacións e quedou como terceira forza no Parlamento. Que propón para recuperalo?

Nós xa fixemos a nosa crítica construtiva no comité provincial e a ela me remito. Agora estamos nun período transitorio no que a cidadanía quere escoitar solucións a todos os problemas derivados da pandemia e a iso debemos adicarnos. Cando chegue o tempo dos congresos, de decidir sobre o partido, intentaremos buscar tempo para esa cuestión, para mellorar o proxecto do PSdeG.

E non quero rematar sen falar da situación do seu concello, As Pontes, afectada por esa reconversión industrial que ameaza Galicia desde múltiples frontes. Hai futuro para Endesa nas Pontes?

As Pontes forma parte desa realidade vinculada a un pasado enerxéticos que considerábamos de transición pero que se ve atropelada por unha transición moi disruptiva e por unha concepción de urxencia climática da UE. Píllanos moralmente descolocados porque se investiron 218 millóns de euros para adaptar aquela instalación á normativa europea e, froito das decisións europeas, vemos que é insostible, porque se permite especular co prezo do CO2, co aire que respiramos. Paréceme miope aceptar como válido ese mecanismo hipercapitalista para transicionar enerxéticamente un continente e a súa industria sen prever as consecuencias. Só no sector do motor esa transición extrema eliminaría centos de miles de postos de traballo. É imprescindible a transición –e a sociedade está concienciada– pero esas decisións teñen que ter unha memoria de impacto laboral e de impacto económico que sexamos capaces de asumir.

No caso da central das Pontes, cal é a situación a día de hoxe?

Eu son optimista porque seguimos tendo dous dos recursos principais para seguir sendo un polo enerxético importante: o vento e a auga. Somos clave no territorio español tanto para fabricación de hidróxeno como almacenamento de enerxía ou fabricación de enerxía hidráulica, polo que podemos ofrecer xeración de enerxía con vento, con auga, con gas natural e en breve espero que con fotovoltaica e biomasa… Pero os cambios de modelo non se resolven nun ano nin en dous, precisamos tempo e apoio para poder materializar eses proxectos.

(Extracto da entrevista publicada no número 360 – maio 2021)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)