Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Clamor común contra a universidade privada galega



REDACCIÓN · PUBLICADO O 03 DE XUñO DE 2021 · (0)




O inicio dos trámites de Cesuga para converterse en universidade privada únese ao avanzado expediente de Abanca que, malia os moitos informes e opinións contrarias, segue o seu curso. O propio sector cuestiona o espazo e a necesidade destas iniciativas nunha comunidade de apenas 2,7 millóns de habitantes con tres universidades públicas de prestixio.

O pasado mes de abril Cesuga solicitáballe á Consellería de Educación converterse en universidade privada. O centro privado de educación superior con sede na Coruña ofrece agora títulos propios, pero expedidos e validados pola Universidade de San Jorge, de Zaragoza. De callar a súa proposta, ofrecería formación superior xa con identidade propia.

A petición de Cesuga é a segunda que se rexistra en Galicia para poñer en marcha unha universidade privada, tras a de Abanca, que iniciou os seus trámites no 2019, e conta con arrincar no curso 2022/23. No caso de Cesuga, os seus promotores aseguran que pretenden iniciar a actividade para o curso 2024/25.

O interese de Cesuga era xa coñecido polo sector da educación superior, que así o viña anunciando nos últimos meses ao tempo que Abanca ía dando pasos coa súa propia proposta. CIG-Ensino, unha das centrais máis críticas con estas iniciativas, era a primeira en valorar a noticia como “un duro golpe” á universidade pública galega “desatendida e abandonada”, e acusaban a Cesuga de “non querer renunciar a un anaco da torta que a Xunta quere entregar no sector dos estudos universitarios” tras as “facilidades” dadas “ao proxecto pilotado por Abanca, cunha forte oposición social e tamén institucional por parte das tres universidades públicas”. O sindicato culpa o Ministerio de Universidade de non “ser quen de sacar adiante unha nova regulamentación para frear o 'mercadeo' das titulacións no ámbito de universidades privadas e esixir o cumprimento efectivo duns requisitos mínimos que, a día de hoxe, non cumpren máis do 90 % das empresas privadas que fan negocio cos estudos de grao e mestrado”.

Efectivamente, Cesuga indica que a súa oferta educativa “nace adaptada ao Decreto Castells, a nova normativa sobre creación de universidades”, aínda en tramitación. Pero o seu proxecto ten que pasar polo Consello da Xunta, o Ministerio de Universidades, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, o Parlamento de Galicia ou o Consello Económico e Social (CES)

Precisamente o CES foi un dos órganos críticos coa proposta de Abanca. Non o único, xa que o anuncio por parte da entidade bancaria provocou unha inmediata onda de desaprobación.

A oposición en contra

Tanto o BNG como o PSdeG mostraron o seu rexeitamento á creación da universidade de Abanca, despois de que o Goberno galego completara o último trámite para autorizala –no seu ámbito de competencias–, e remitira ao Parlamento o anteproxecto de lei de recoñecemento da Universidade Intercontinental da Empresa. As formacións políticas recordan que o fixo en contra das recomendacións do CES, “un dos principais órganos consultivos de Galicia”, que manifestou non poder “valorar positivamente” a iniciativa, polo que tanto BNG como PSdeG pediron devolver o proxecto de lei, para o que presentaron senllas emendas á totalidade.

O BNG alega que a universidade de Abanca é “innecesaria” porque o sistema público xa cobre “as necesidades de titulación que hai no país”, mensaxe que tamén centra a emenda do PSdeG xunto coas carencias na parte da investigación.

O Goberno galego limítase a defender que é “un dereito amparado na Constitución”. Así o indicou o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, nunha comparecencia na que tamén asegurou que o único que pode facer a Xunta ante este tipo de solicitudes “é comprobar se as normas autonómicas e estatais se cumpren ou non”.

Proxecto privado innecesario e redundante”

A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, que aglutina a representantes de toda a comunidade educativa e da sociedade galega, leva meses denunciando “o novo agasallo” feito a Abanca polos gobernos central e galego, malia a oposición manifestada polas tres universidades galegas. Aseguran que a proposta de Abanca “ten xa unha cumprida oferta nos campus públicos do país”, e que a autorización supón unha “carta branca” ao sector privado “mentres se lle nega a autorización de novas titulacións ás universidades galegas e se ten conxelada a taxa de reposición dos seus efectivos […] Non se pode predicar o papel central do ensino público un día e dar vía libre no seguinte a un proxecto privado innecesario, redundante e que implica un risco para as universidades públicas galegas”. Universidades que, por outra banda, “se pronunciaron conxuntamente na defensa do carácter público dos estudos superiores”.

Garantir o acceso universal a unha educación de calidade

Efectivamente, as tres institucións deixaron moi clara a súa posición desde o principio, mesmo con comunicados conxuntos. A día de hoxe, e preguntados por ECO, os reitores reafírmanse na súa posición.

Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña asegura que “o Sistema Universitario Galego, formado polas tres universidades públicas, é un sistema forte, cohesionado e colaborativo. As tres universidades temos una oferta académica de graos e másteres diversa e complementaria que pasa todos os requisitos que acreditan a súa calidade formativa, e con prezos públicos que faciliten o acceso aos estudos superiores”. Abalde recorda que as universidades públicas “pasamos todos os filtros establecidos polo goberno autonómico para garantir a calidade e viabilidade das nosas titulacións e o que pedimos á Xunta de Galicia é que eses requisitos se apliquen co mesmo rigor ás iniciativas de universidades privadas”. E recorda que na UDC “traballamos para actualizar a nosa oferta de titulacións así como na implantación de títulos novidosos, logo de ver carencias formativas nese sentido, tanto a nivel de grao como de máster, e que anticiparán as profesións de futuro, como o Máster en Intelixencia Artificial que estamos preparando”.

Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela asegura que duplicar a actual oferta de estudos superiores na comunidade debilita o Sistema Universitario Público Galego. Neste senso apostamos porque a administración autonómica intensifique o seu apoio decidido polas universidades públicas, xa que viría a recoñecer o seu compromiso coa formación como mostra de progreso e igualdade social e que está sendo motor de desenvolvemento na comunidade pola súa capacidade investigadora e de transferencia de coñecemento ao tecido empresarial”.

Imaxino que as iniciativas privadas ven o ensino universitario como unha oportunidade de negocio”, indica o reitor compostelán ao preguntarlle polo actual interese en abrir universidades privadas, e contrapón ese fin ao do sistema público: “Como institucións públicas entendemos que a educación é un dereito, perfectamente atendido polo sistema universitario público, cuns prezos públicos de matrícula que en Galicia son os máis baixos de todo o Estado. Se a isto lle sumamos o bo posicionamento da universidade galega en rankings de avaliacións da súa competencia, podemos afirmar que en Galicia se pode acceder a unha educación universitaria pública contrastada, de calidade e a uns prezos que aseguran a igualdade de oportunidades”. 

Finalmente López destaca o “compromiso coa investigación” da universidade pública e pide que se garanta “que as iniciativas privadas desenvolvan a formación e a investigación cun nivel de calidade equiparable ao que se ten acadado nas Universidades públicas”.

Manuel Joaquín Reigosa, reitor da Universidade de Vigo insiste en que a oferta actual do SUG “con 3 potentes universidades e 7 campus espallados pola xeografía galega, é suficiente para as necesidades formativas” e se hai algo que mellorar “estaremos as tres universidades dispostas a servir o interese común e incluír novos graos e novos mestrados”.

Sobre como afectarían estas novas iniciativas Reigosa, indica que “aínda non hai desenvolvemento completo de como se vai a organizar o Sistema Universitario Galego nun escenario no que convivan as potentes universidades públicas con algunha ou algunhas novas iniciativas privadas. O que está claro é que a oferta das universidades privadas debe ser complementaria á que xa existe”. Reigosa recorda que estas peticións “teñen que seguir unha normativa a nivel estatal e outra, mais exixente, a nivel galego. É lexitimo que se propoñan universidades privadas; o único que cabe exixirlles é o total respecto ás normativas correspondentes”.

(Extracto da reportaxe publicada no número 360 – maio 2021)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)