Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Viaxes interurbanas gratis por Galicia para os menores de 21 anos



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE XULLO DE 2021 · (0)




Desde o 21 de maio todos os galegos menores de 21 anos poden viaxar de balde por toda Galicia no autobús da Xunta, en barco na ría de Vigo e no ferrocarril de vía estreita na área de Ferrol. Para iso só teñen que adquirir a tarxeta 'Xente Nova'.

O 20 de maio o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba a resolución pola que se estendía ao conxunto da comunidade galega a gratuidade no transporte público aos menores de 21 anos. Ao día seguinte entraba en vigor esta posibilidade que xa funcionaba nas áreas de transporte metropolitano da Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo e Vigo, na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra, e que xa usaban máis de 80.500 galegos grazas a teren a tarxeta 'Xente Nova'. Un dispositivo que no ano 2020, pese á crise sanitaria, rexistrou o maior incremento desde a súa activación en 2016, emitíndose máis de 21.000 tarxetas. As áreas con maior número de dispositivos son a da Coruña, con 23.480; Vigo, con case 17.610 tarxetas, e Santiago, con preto de 12.350 dispositivos. Desde a implantación desta medida, realizáronse máis de oito millóns de viaxes gratuítas, cun investimento por parte da Xunta que se sitúa en preto dos oito millóns de euros.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, aseguraba no Parlamento de Galicia que esta iniciativa permite viaxar “dende Ortigueira a Vigo, desde A Guarda a Verín, desde calquera dos 313 concellos de Galicia a calquera outro, sen que lles custe un só euro, gratis”. A medida é unha das liñas estratéxicas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa que “contribúe á economía das familias e facilita o acceso a servizos básicos como a educación, fomentando entre os máis novos unha mobilidade máis sustentable e limpa”.

Tarxeta 'Xente Nova'

Esta tarxeta pode adquirirse en calquera das 213 oficinas de Abanca habilitadas nas catro provincias. Para empezar a empregala cómpre cargar a tarxeta cun saldo inicial co que se abonarán as viaxes e, posteriormente, será reintegrado no dispositivo. A tarxeta permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas. A recarga pode efectuarse nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas habilitadas para expedila e tamén de xeito telemático mediante a banca móbil ou electrónica da entidade. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar actualmente para que os usuarios poidan levar esta tarxeta directamente no móbil e facer as recargas sen necesidade dun caixeiro.

Na páxina web www.bus.gal pode ampliarse a información relativa a este dispositivo e as vantaxes que leva asociadas, así como o listado de todas as sucursais habilitadas para a súa expedición e os servizos de transporte existentes en cada concello, cos correspondentes horarios e rutas.

(Reportaxe publicada no número 361 – xuño 2021)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)