Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Gustaríame fomentar a Valedoría entre a xente moza e a cidadanía dos pequenos concellos do rural”



POR TERESA ROCAMONDE CON FOTOS DE MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 06 DE XULLO DE 2021 · (0)




Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, superou as oposicións á Carreira Fiscal, na que está en situación de excedencia desde o seu ingreso, e desde 1992 exerce como maxistrada. En xullo de 2019 María Dolores Fernández Galiño convertíase na Valedora do Pobo cun decálogo de prioridades asentado sobre un piar básico: a igualdade. Igualdade de oportunidades e igualdade de xénero con todo o que leva aparellado: loita contra a violencia machista, os distintos tipos de acoso, a discriminación, a inclusión etc. Mais pouco podía pensar no verán de 2019 o que estaba a piques de suceder.

Levaba poucos meses no cargo cando xorde a pandemia. Como viviu a institución todo o acontecido nestes últimos tempos?

Pasamos dun día para outro da presencialidade ao teletraballo, substituímos a atención presencial cun incremento na atención telefónica, e coordinámonos para resolver as queixas sen necesidade de estar presencialmente na sede da Valedoría do Pobo. Supuxo un esforzo necesario de adaptación que asumimos todas as persoas que traballamos na Institución para seguir mantendo a debida atención á cidadanía, pois a ela nos debemos e é a razón de ser desta Institución.

Como pode presentar unha queixa agora mesmo unha persoa? Hai atención presencial, só telemática…?

Pódea presentar por correo ordinario e por e-mail, na web da institución tamén hai un sinxelo formulario de queixa, e finalmente hai atención presencial e rexistro presencial de queixas. O sistema permite un acceso universal e gratuíto. Todas as persoas, e sen custo algún, poden acudir a Valedoría do Pobo.

Iniciaron varias investigacións de oficio en ámbitos relacionados coa pandemia. Houbo unha especial vulneración de dereitos neste período?

A crise derivada da pandemia ten efectos sanitarios, sociais e económicos. A consecuencia de todos eles, recibíronse queixas e abríronse actuacións de oficio. No confinamento da primeira ola, a Institución foi moi proactiva e abrimos máis de 30 investigacións de oficio. Delas, eu destacaría unha primeira actuación para comprobar a accesibilidade e atención dos Centros de Información á Muller durante o estado de alarma; as dificultades para solicitar axudas por violencia de xénero dada a carencia de certificados dixitais e a imposibilidade de acudir aos servizos de maneira presencial; a revisión e tramitación das rendas de inclusión social de Galicia pendentes de resolución durante o estado de alarma; actuacións en materia de vivenda ante a crise sanitaria derivada da covid-19 […] 

Supoño que tamén se recibirían moitas queixas relacionadas con toda esta situación…

Si, claro, ademais destas investigacións de oficio, a Institución recibiu queixas en relación coa pandemia dende o primeiro momento, que, conxugando urxencia e menor impacto procedimental, tramitáronse coa precisa inmediatez e ausencia de formalismo. Nalgúns casos, a situación afecta a colectivos ou persoas en situación de especial vulnerabilidade, como sucedeu no caso da falta dun servizo diario e as 24 horas de intérprete de lingua de signos para a atención sanitaria das persoas xordas, ou na información necesaria na loita contra o coronavirus. […]

A sanidade xa era un dos temas máis recorrentes nas queixas que chegaban á institución. Preocupa especialmente este ámbito agora?

A pandemia orixina, en primeiro lugar e sobre todo, unha crise sanitaria. Logo resulta lóxico o incremento de queixas neste eido relativas a asuntos moi variados como acompañamento das mulleres embarazadas, atención primaria presencial, demora na atención cirúrxica ou especializada, vacinación de determinados colectivos, e medidas de protección individual entre outras moitas.

Nas súas intervencións fai sempre fincapé na importancia de imprimir unha perspectiva de xénero. Cales son as principais desigualdades neste eido na sociedade galega actual?

A desigualdade por mor dos estereotipos asociados aos homes e ás mulleres é unha desigualdade estrutural, e polo tanto ten manifestacións en todos os ámbitos da vida. As máis lacerantes son as relacionadas coa violencia de xénero e os delitos sexuais. Tamén son impactantes as diferenzas no traballo dando lugar á fenda salarial, ao teito de cristal, ao chan pegañento, e ás paredes de cemento. Dentro das parellas, falla a corresponsabilidade. Sendo unha desigualdade estrutural, é apreciable a desigualdade de xénero en todos os ámbitos do vida. […]

Hai mecanismos suficientes para enfrontarse a esas desigualdade de xénero?

As leis orgánicas estatais de violencia e de igualdade supuxeron avances considerables no seu momento. Tamén hai que reivindicar as leis galegas na materia, pioneiras. Pero pasaron xa varios anos desde a súa aprobación, e a sociedade reclama novos avances normativos para acadar a igualdade efectiva. En todo caso, os estereotipos e prexuízos de xénero non se superan só con mecanismos xurídicos, son necesarios pero nunca suficientes. A educación resulta imprescindible para poder acadar unha sociedades en prexuízos.

Desde a institución sempre aseguran que as súas competencias son amplas en moitas cuestións, alén da sanidade, educación ou servizos sociais. Bota en falta algún tema importante que poderían tratar e non estea chegando?

A Valedoría do Pobo é una institución moi próxima á xente, polo que as cuestións case nos chegan en tempo real, como ben vimos nesta pandemia. Si que me gustaría, e niso estamos a traballar, en fomentar a cultura do exercicio dos dereitos humanos a través da queixa ante a Institución entre a xente moza e tamén entre os habitantes dos pequenos concellos do rural de Galicia.

Tamén se incidiu moito nos últimos tempos no descoñecemento desta oficina por parte da cidadanía. Como explicaría nunha aula de primaria o seu labor?

Pois diríalle que é una institución para dar servizo ás persoas, en primeiro lugar escoitándoas, despois investigando o problema, escoitando tamén a outra parte e, para rematar, estudamos o asunto e propoñemos unha solución que pode conlevar unha proposta de actuación. Penso que o ilustraría cun exemplo sobre un caso de acoso escolar na aula e a reacción do colexio coa vítima, co acosador e cos compañeiros e profesores.

 Cando deixe o cargo e mire atrás, que lle gustaría recordar desta etapa?

Neste intre estou enfocada no traballo e na actividade diaria da Institución sen perder de vista o enfoque de dereitos humanos e a vocación de servizo a cidadanía. E gustaríame quedarme con iso, coa achega no eido da defensa dos dereitos humanos, coa proximidade coas persoas.

(Extracto da entrevista publicada no número 361 – xuño 2021)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)