Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os balnearios galegos inician a súa reactivación



REDACCIÓN · PUBLICADO O 30 DE XULLO DE 2021 · (0)




Os balnearios galegos van, pouco a pouco, iniciando a súa actividade tras levar, na maioría dos casos, máis dun ano pechados por mor da crise sanitaria. O anuncio da apertura dos establecementos de Carballo, Lugo, Arnoia, Partovia e Dávila sumábase aos xa activos de Laias, Mondariz, Cuntis, A Toxa e Augas Santas.

A Asociación de Balnearios de Galicia celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria na que se renovou a confianza na actual Xunta Directiva por “responsabilidade co complexo momento que estamos a vivir”. Así, Marisol Espiño, directora Termas de Cuntis, continúa como presidenta; Antonio Garaloces, do Balneario de Lugo, como vicepresidente; Jesús Garriga, de Caldas de Partovia, como secretario; e José Ramón Fernández, do Balneario de Carballo, como tesoureiro.

Durante a xuntanza valorouse a reactivación do sector tras o peche, na maioría dos casos, de máis dun ano pola crise sanitaria. “Foron meses moi longos para todos, un período moi duro que agora estamos dispostos a recuperar e afrontar con ilusión”, asegurou Marisol Espiño. “Os centros termais son establecementos que teñen un custo de funcionamento moi elevado, debido á cantidade de persoal que traballa nos mesmos e cuns gastos enerxéticos realmente altos”, explicou a presidenta. A Asociación agarda que “paulatinamente vaian abrindo todos os establecementos termais da comunidade, e poder contar, dado que é de vital importancia tanto para o sector como para as comarcas onde se atopan os balnearios, coa posta en marcha dos programas de termalismo social do Imserso e da Xunta de Galicia”.

Camiño de Santiago e termalismo

A presidenta destacou “as posibilidades do termalismo para realizar programas terapéuticos e tamén para desfrutar do seu contorno natural”. Nesta liña, anunciou que se continuará potenciando o programa Un descanso nos Camiños, que busca potenciar o turismo termal aproveitando o Xacobeo 2021-2022, a través dun “produto turístico que combina os Camiños de Santiago coa oferta dos balnearios. A proposta inclúe aloxamento de dúas e tres noites, cun programa termal; unha actividade de sendeirismo ou ruta próxima aos balnearios participantes, preferentemente coincidente cun tramo do Camiño de Santiago; ademais dunha actividade de tipo cultural ou de lecer no contorno”, explicou Espiño. Busca seducir tanto aos peregrinos como aos visitantes que cheguen a Galicia atraídos polo Xacobeo 2021-2022.¡

Atención ás persoas que sufriron covid-19

A presidenta tamén recordou que “os balnearios ofrecen programas beneficiosos para abordar as secuelas e efectos secundarios que provoca o virus, dado os saudables efectos das augas mineromedicinais no tratamento de doenzas respiratorias e do aparato locomotor”. A Asociación está a preparar, en colaboración coa Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, que preside o doutor Juan Gestal, unha xornada centrada na recuperación das persoas que padeceron covid-19.

No segundo semestre do ano continuarase coas actividades da Cátedra e, ademais, os balnearios participarán en Termatalia - II Congreso Internacional de Turismo de Saúde e Benestar, que terá lugar a mediados de setembro en Expourense.

(Extracto da reportaxe publicada no número 362 – xullo 2021)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)