Feminino singular
Pode sorprender, ou quizais non. Pero en Galicia temos a meirande taxa de mulleres en postos directivos de España; co 26 % superamos en tres puntos a media nacional. Moito se ten avanzado, pero sempre pode ser máis. Este setembro celébrase o I Congreso Emprendedoras CEG para abordar a realidade do liderado feminino. Máis empático, flexible e aberto ao cambio.
Estas cifras de mulleres directivas foron recollidas nun estudo de apenas un hai ano feito pola consultora de datos Iberinform. Neste informe apréciase ademais unha tendencia clara: a microempresa, cun 24 %, é o segmento que rexistra unha maior taxa de mulleres en posicións de responsabilidade e liderado. Isto no referido a postos de responsabilidade, pero engadámoslle que nove de cada dez mulleres con estudos superiores en Galicia está traballando. En total unhas 261.600 profesionais, segundo a ETT Randstad.
Neste marco, pasados os días relaxados do verán, o vindeiro 17 de setembro, estréase o I Congreso Emprendedoreas CEG, coa colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade. Que abordará por vez primeira vez na historia da patronal galega a situación das nosas empresarias para facer unha análise do papel feminino como elemento vertebrador do tecido produtivo. “Un fito clave para entender a situación das mulleres emprendedoras na actualidade foi a xestión da pandemia, que en moitos casos as impulsou a emprender ou, para aquelas que xa o facían, a reinventarse e buscar novos modelos de negocio, sobr etodo no mundo dixital”, explica o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites. Unha cita perfecta para escoitar a moitas empresarias galegas de todo tipo de sectores, porque elas relatarán as súas traxectorias
Poucos días antes desta presentación Vieites, e a presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes, acordaban potenciar modelos femininos que sirvan de exemplo. Executivas de Galicia ten feito hai tempo un directorio “Referentes Galegas”, con máis de 300 profesionais. E a CEG comprométese a utilizar o listado nas actividades que organiza cando necesite da participación de expertas en xornadas ou mesas redondas.
Máis flexibles
Resulta certamente significativo que nas empresas onde se dá unha maior presenza feminina en postos directivos haxa máis facilidades para a conciliación, as horas extras realizadas son menos e, cando as hai, existe maior recoñecemento deste esforzo. Nas compañías con máis dun 50 % de mulleres en cargos de responsabilidade a porcentaxe de horas extra pagas ascende ao 62 %, así o recolle un Informe de InfoJobs sobre Control Horario feito público hai apenas dúas semanas. Pola contra, nas empresas onde a porcentaxe de mulleres en postos directivos é baixa este dato cae ao 49 %. De feito, a progresión que existe é directamente proporcional: cando a porcentaxe de mulleres directivas comprende entre o 11 e o 20 %, a porcentaxe de horas extra remuneradas sobe ao 54 %; e en compañías con entre un 21 % e un 50 % de mulleres en postos de responsabilidade, o dato chega ata o 60 %. O mesmo sucede co número de horas extra: o 55 % das empresas con máis dun 50 % de presenza feminina en dirección non realiza ningunha.
O que ten todo o sentido se temos en conta que algunhas das características que determinan o liderado feminino -–en caer en xeralizacións– é ter maior orientación ás persoas, alentar a participación e compartir información, xerar altos niveis de empatía e, xeralmente, ter maior predisposición ao cambio.
Coñezamos agora algúns das moitas mulleres que despuntan na nosa terra polo seu traballo. Hai moitas máis, pero sirvan estas 15 de mostra.
- MAMEN QUINTAS. XERENTE EN FICCIÓN PRODUCCIONES.
- CARMEN RODRÍGUEZ. PRESIDENTA DE AGACA E VICEPRESIDENTA DA COOPERATIVA CLUN.
- ADRIANA DOMÍNGUEZ GONZÁLEZ. CEO DE ADOLFO DOMÍNGUEZ.
- ANA XESÚS LÓPEZ DÍAZ. SECRETARIA XERAL DA REAL SOCIEDADE ESPAÑOLA DE FÍSICA.
- MARIA JOSE ALONSO. CATEDRÁTICA DE BIOFARMACÉUTICA E TECNOLOXÍA FARMACÉUTICA NA USC.
- ANA ORONS MATA. SECRETARIA XERAL DE FEDERACIÓN EMPRESARIAL DE SERRADOIROS E REMATANTES DE MADEIRAS DE GALICIA (FEARMAGA).
- ISABEL AGUIRRE DE URCOLA. DIRECTORA ESCOLA GALEGA DA PAISAXE JUANA DE VEGA, CREADORA DO PARQUE DE BONAVAL E MEDALLA CASTELAO 2018
- TERESA FANEGO. CATEDRÁTICA DE FILOLOXÍA INGLESA E PROFESORA EMÉRITA.
- ALICIA LORENZO UCHA. SOCIA DE AUSUM ASESORES Y ABOGADOS, S.L.
- ALSIRA SALGADO DON. CAPITÁN DA MARIÑA MERCANTE E SUBDIRECTORA ACADÉMICA DA ESCOLA DA MARIÑA MERCANTE.
- AMPARO ALONSO BETANZOS. PRESIDENTA DA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA PARA A INTELIXENCIA ARTIFICIAL E CATEDRÁTICA DE CIENCIAS DA COMPUTACIÓN E INTELIXENCIA ARTIFICIAL DA UDC.
- ANA INÉS JABARES-PITA. ESCENOGRÁFA, DIRECTORA ESCÉNICA E DESEÑADORA.
- CHARO BARCA. PRESIDENTA DE FUNDACIÓN ANDREA E DIRECTORA XERENTE DE PAZO DE SAN LORENZO.
- DEBORAH GARCÍA BELLO. QUÍMICA E DIVULGADORA CIENTÍFICA.
- LETICIA PRADO. DIRECTORA DA ESCOLA DE EMPRENDEDORES E DIRECTORA DE RRHH DE VELTIS SUPERVISOR.
(Extracto da reportaxe publicada no número 363 – agosto 2021)
Comentarios (0)